«Adeus e Grazas», a nostalxia como arma de futuro na despedida de Nao

FUGAS

internet

A derradeira entrega da banda suma tres horas de concerto ateigado de colaboracións e acenos a un persoal entregado

27 ene 2021 . Actualizado a las 21:07 h.

Adeus e Grazas. Así, coma o tema que pechaba o seu último traballo discográfico, se titula o testamento de Nao logo de catorce anos de tralla comprometida co país, co pobo e coa fala. Tan sinxelo coma os dous DVD que recollen o derradeiro concerto da banda. Unha noite, a do 7 de decembro do 2019, que comezou con longas colas ás portas do recinto de Amio, en Compostela, e conduciu a unha apoteose que dificilmente soñarían daquela os cinco tipos — co tempo serían catro— que no 2005 botaron a navegar o seu artefacto musical, destinado a esnaquizar tópicos e demostrar que, en realidade e contra marea, si se pode. Unha desas noites nas que cada acorde, cada berro, cada bote significan algo e ninguén quere ver rematar, pero escorrega sen remedio, canción a canción, coma grans nunha presada de area entre os dedos.

Son tres horas de concerto ateigado de colaboracións e acenos a un persoal entregado, ao que Jásper se dirixe sempre en termos de familia. Esa complicidade é un dos sinais de identidade dun grupo que soubo falar en colectivo e en feminino, malia seren homes —Jásper, Gus, Amós e Torroncho— quen levaron a nave ata o seu final. Hai un berro que nace en xente coma Andrés do Barro e Os Tamara, percorre décadas de música en Galicia, Zënzar, Ruxe Ruxe, certo Bravú, ata resoar con forza no que esta tropa de catro conseguiron: chegar a un público masivo neste país de tan feble industria musical, máis aló do milleiro de polas que medran no grande carballo do folk, facendo metal e sen ceder en nada. Que llelo digan a Marina e a Roi, a parella que percorreu Galicia atrás da banda e fala nun dos tres documentais que completan o material. Nostalxia da boa, da que marca o camiño aos que seguen. O antropólogo andaluz Huan Porrah ofreceu hai anos un sinxelo consello para quen quixese escoitalo: «Cada noite, antes de ir a cama, pensa nas veces que tiveches que baixar os pantalóns». Nestas mans sobraron sempre os dedos para levar esa conta.