Cando Xela Arias ía pensando na revolución

Ramón Nicolás

FUGAS

O libro foi presentado en Vigo polo fillo de Xela Arias. Na imaxe, Luz Beloso, Darío Gil Arias e Francisco Castro
O libro foi presentado en Vigo polo fillo de Xela Arias. Na imaxe, Luz Beloso, Darío Gil Arias e Francisco Castro XOÁN CARLOS GIL

«Non te amola!», ilustrado por Luz Beloso, é unha celebración da creatividade da autora homenaxeada o Día das Letras

27 mar 2021 . Actualizado a las 11:23 h.

Foron escasas as mostras narrativas que Xela Arias deixou dispersas e non se prodigou neste xénero polo que supón unha regalía a posibilidade de acceder a esta mostra creativa que ve a luz postumamente.

Non te amola!, ilustrado co estilo propio que exhibe Luz Beloso e afeitos ás claves estéticas que rodean a súa obra coñecida, é unha mostra palmaria da súa versatilidade creadora ao atopar un exercicio no que, grazas a unha álter ego, voltea boa parte da súa memoria persoal nun libro senlleiro e dominado por un afán de verosimilitude expreso no emprego dun rexistro fluído. É aí onde agroma unha protagonista que, malia a súa curta idade, apoiada sempre na ironía e nunha argumentación tantas veces esmagadora, deseña un universo persoal conformado pola contorna familiar e a experiencia do abandono do mundo rural de Ortoá ata radicarse noutro urbano con apenas nove anos.

Hai, nestas páxinas unha defensa explícita do mundo dos libros -porque serven para «cambiar as cousas»- e da lectura malia amosarse máis crítica co papel dos que os inventan, aínda que este asunto axiña ceda o paso ás vivencias persoais onde a presenza dos avós e doutros familiares talvez sexan as páxinas máis conmovedoras, pois aí relata como descobre o mundo, como aprende a lle chamar ás cousas e aos animais polos seus nomes e desvela as razóns polas que a imaxinación, a fabulación, a loita polo que se cre xusto, a ansia de ser independente e a importancia de saber oír son algunhas desas cousas que resultan tan importantes para a vida; sen esquecer inquirirse polo futuro dunha nena que quería alentar nun mundo igualitario polo que xa, tan nova, ía pensando na revolución para conseguilo. Imprescindible.