Un avión sobrevoando Roma

DIEGO AMEIXEIRAS

FUGAS

PILAR CANICOBA

15 abr 2021 . Actualizado a las 15:22 h.

E.T.A. Hoffmann quixo ser o mellor compositor da súa época e acabou sendo o escritor máis universal do romanticismo alemán. Puxo empeño na música, pero hoxe ninguén lembra o seu legado nesa arte. En cambio, triunfou na literatura, unha actividade que consideraba secundaria respecto ao resto das súas paixóns, e á que sempre se enfrontou con intencións lúdicas. Os especialistas sosteñen que a súa obra, por carecer de propósitos transcendentes, rematou por ser un testemuño perfecto do seu tempo. E que o segredo da súa vixencia entre os amantes do sobrenatural cómpre atopalo nese espírito co que se enfrontou ao oficio de contar historias: o Hoffmann escritor era, por enriba de todo, espontaneidade e desinhibición.

Hai que considerarse afortunado, e máis en tempos catastróficos para o emprego, cando conseguimos conducir a nosa vida a través dunha actividade que nos resulta estimulante, iso que algúns chaman «sentirse realizado». Pero dalgún xeito é inevitable levarmos un Hoffmann dentro que adoita suxerirnos esoutra vocación subterránea coa que quizais a nosa existencia adquiriría un sentido máis pleno. Podemos dedicarnos ao comercio ou ao ensino, pero resulta que a nosa espontaneidade secreta vive a quilómetros desa ocupación. O Hoffmann bebedor e depresivo imaxinaba músicas, pero a súa liberdade era a literatura. Empeñábase en idear melodías cando a súa vida certeira estaba fóra dos pentagramas. Custa traballo localizar ese lugar de plenitude onde somos de verdade. A maioría, por torpeza ou inxustiza social, é posible que nin o presintamos.

Unha coñecida anécdota sitúa a Rafael Azcona tentando escribirlle un guión a Marco Ferreri. Presentindo espontaneidades, adiantando a Hoffmann pola dereita. Diante da máquina de escribir, atormentado porque non se lle ocorría nada, comezou a facer avións cos folios e lanzounos dende a fiestra do ático onde se aloxaba. Seica un dos episodios máis gozosos da súa biografía tivo lugar mentres observaba como unha daquelas aeronaves de papel era quen de permanecer no aire ata tres minutos, sobrevoando a Via Veneto. Un xigante que escribiu El verdugo tivo razóns abondo para celebrar un paso exitoso pola vida, pero en materia de felicidade nada encheu o seu ánimo como aquela tarde en que se converteu en enxeñeiro aeroespacial. Aquela tarde en que da súa máquina de escribir saíu un avión a conquistar Roma.