Trilitrate ábrelle novas fendas aos contornos do folk

FUGAS

cedida

O grupo presenta o seu terceiro disco, «Está de grelo»

07 jul 2021 . Actualizado a las 12:54 h.

Trece temas que abren unha nova fenda aos contornos do folk, da música clásica e da contemporánea». Deste xeito presenta Trilitrate o seu terceiro disco, Está de grelo, editado polo selo barcelonés Gandula e apoiado pola disqueira norteamericana Ropeadope, que conta no seu roster con artistas da talla de Eddie Palmieri ou Christian Scott.

Hai tempo que Trilitrate, en realidade dende a súa aparición no 2012, vén abrindo fendas en todo canto se lle pon por diante. Dalgún xeito, ese afán por entrar en paraísos sonoros sen limitacións, «onde os leitos dos distintos xéneros musicais se atopan nun océano de esplendor, beleza e luminescencia» é o seu principal sinal de identidade. E reafírmano dun xeito tan evocador como incontestable en Está de grelo. «Cada vez temos máis integrada a nosa linguaxe e, aínda que cada un de nós participa noutros proxectos, temos claro que en Trilitrate imos tocar e soar así», explica o acordeonista Marcos Padrón, quen xunto a Elena Vázquez (violín), Rubén Abad (guitarra e voz) e Montse Pîñeiro conforman Trilitrate.

«A xente non sabe que música facemos pero nós tampouco», respondía a banda cando se lle inquiría por un xénero no que ubicalos. Misión imposible nunha proposta de tanta complexidade e variedade como a do cuarteto vigués. Aínda así, asume Marcos Padrón que «hai cousas que están claras, como esa procura da sonoridade folk dende outro sitio. Pero moitísimas veces tamén nos saen cousas que non son buscadas».

Máis alá desa imposible adscrición estilística, se algo pode definir a sonoridade de Trilitrate é o timbre dos seus instrumentos. Unha evocación que nos leva a pensar en determinadas músicas de moi distintos lugares. «De feito, esa pode ser tamén unha das barreiras que dalgunha maneira limite esteticamente as linguaxes ás que podemos chegar», di Marcos Padrón. «Porque, por moito que queiramos, nunca imos poder soar a heavy ou a hardcore». E dá a sensación de que moitas veces si que o quererían. Non en balde os sons de Trilitrate desafían calquera categoría e abren novos carreiros na música acústica, desdebuxando as liñas existentes entre a composición e a improvisación e revelando influencias de estilos tan afastados entre si como a música clásica, o folk, o post-rock ou o noise. Sempre dentro dese seu universo propio, no que mesmo ten cabida, como neste disco, un libriño con receitas de pratos con grelos.