As esquecidas monxas de Albeos

Ramón Nicolás

FUGAS

O mosteiro de Albeos, en Crecente.
O mosteiro de Albeos, en Crecente. Oscar Vazquez

24 sep 2021 . Actualizado a las 10:23 h.

Enguedelloume felizmente esta peza teatral, gañadora do XXV Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais na súa última convocatoria, titulada As desterradas e que vén da man de Carme Varela: unha das persoas que integran ese colectivo chamado O Sorriso de Daniel e que vén poñendo en valor o noso patrimonio románico esquecido e maltratado, sobre todo aquel do que hai vestixios no noso ámbito rural.

As razóns foron de diversa orde e, entre elas, non resulta menor o interese que me suscita o tempo que retrata e os conflitos que revela, mais quería salientar en primeira instancia, por entendelo como o máis substancial, o atinado do desenvolvemento argumental, a solidez na construción dos personaxes, o acaído deseño histórico que a domina e, en suma, a dinámica áxil coa que se segue esta historia que pon no mapa —literario— o antigo mosteiro de San Salvador de Albeos (Crecente) do que só quedan as ruínas da súa igrexa románica e que, poboado no seu día por unha comunidade de monxas bieitas, recibe a notificación que as obriga a abandonar as súas pertenzas e terras e dirixirse a San Paio de Antealtares. É aí cando dá comezo unha recreación do que vén sendo a loita desigual entre Gulliver, representado naquela altura polo papado e a coroa- e, neste caso, unhas afoutas liliputienses que abrazan a práctica da resistencia como resposta diante dos ditames dunha suposta xustiza; resistencia na que salienta a defensa do valor da dignidade e o rexeitamento diante do oprobio, a infamia e o abuso, representada tamén nas acusacións infundadas ás que a abadesa do cenobio debe facer fronte. É esta ancoraxe histórica, que bebe dunha acaída

—e moi escasa— documentación existente, e que conflúe coas doses precisas de imaxinación, un dos elementos máis atractivos desta proposta teatral que, sen dúbida, contribúe a popularizar, ou dar a coñecer, estes acontecementos aínda practicamente borrados ou esquecidos da nosa historia.