Viaxe, desacougante, polo mundo de hoxe

Ramón Nicolás

FUGAS

O escritor Ramón Caride.
O escritor Ramón Caride. Santi M. Amil

Ramón Carie completa con «A velocidade crítica» unha valiosa triloxía que comezara con «Terra queimada»

17 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ramón Caride é unha das nosas voces máis salientables, por percorrido bibliográfico, talento creativo e orixinalidade. Hai xa algún tempo publicou, no selo ferrolán Embora, unha colectánea de relatos —trinta e cinco en total— baixo o título de A velocidade crítica, que completa unha valiosa triloxía que comezara con Terra queimada e que continuara con Historias (in)certas.

Como adoita Caride neste ciclo amentado, recrea literariamente, e faino con fortuna, condutas, realidades, reaccións e comportamentos do noso tempo, abrazando espazos e atmosferas diversas e que nos levan de Montevideo a Nova York ou Galicia, entre outros territorios dispares.

Os protagonistas dos relatos, daquela, nunca son os mesmos e estes posibilitan, dalgún xeito, recrear asuntos como son a incomunicación, a ecoloxía, a soidade ou as influencias perniciosas das novas tecnoloxías, por citar algúns, contando as máis das veces con finais abruptos que convidan á reflexión, ou ben marcadamente irónicos noutros casos, sempre compactados por abriren unha ventá cara ao cultivo do pensamento crítico.

Focalízase neles, decote, o insólito ou inusitado para o que articula unha dinámica semellante a un xogo desde a que facilita reparar naquilo que en aparencia resulta equívoco ou confuso, malia que esas realidades que aborda Caride se revistan de normalidade porque están aí diante, chantadas no medio da nosa vida cotiá. Velaí, sen dúbida, un dos méritos deste libro, pois defende a posibilidade que ten a literatura para desvelar aquilo que, por proximidade, preguiza ou inercia, non acadamos a ver en todas as súas posibles dimensións.

Cómpre non esquecer que o autor somete a práctica totalidade dos seus relatos, e como factores que tamén outorgan cohesión a todo o libro, a un ritmo narrativo —se se quere unha «velocidade»— vertixinoso, alén de prestarlles unha tensión que debe resolverse decontado ao se moveren nun espazo moi limitado e, por suposto, cultivando sempre un evidente coidado formal.

Velaquí só algunhas das razóns que convencen con garantías para emprender unha viaxe, desacougante, polo mundo de hoxe.