Os protagonistas do rebumbio musical galego

FUGAS

O ano que remata vai supoñer un punto de inflexión na música galega. Nomes dos que ata hai pouco apenas sabiamos nada convertéronse de súpeto en actores principais da escena musical

02 ene 2022 . Actualizado a las 22:20 h.

Estaba claro, era inevitable, que o desbaraxuste que ocasionou a pandemia en todas as escalas e a todos os niveis da escena e da industria musical galega desencadearía un notable revolcón nas mesmas. A cuestión era dilucidar cara onde derivarían as consecuencias da confluencia de tantos vectores actuando con moi distintas intensidades e en infinidade de direccións, nos poucas veces contrapostas. Vinte meses despois da irrupción daquel elemento profundamente desestabilizador das nosas vidas e das nosas músicas empezamos a estar en condicións de aventurar conclusións. E non todas son negativas por moito que fosen as máis traumáticas as que determinaron o devir destes tempos.

A escena musical galega de finais de 2021 é sensible, por non dicir radicalmente, diferente a a aquela coa que pechamos o 2019. Nota: O 2020 dámolo por non comparecido. E non falo das estruturas da industria nin dous seus axentes. Nin sequera de cuestións mercantilistas. Non. Falo sinxelamente dos seus protagonistas.

Botemos a ollada doce meses atrás. Os nomes que máis soaron neste tempo, os que cada semana asomaban as nosas axendas, os que monopolizaban os carteis dos festivais foron Verto, Ortiga, Grande Amore, Tanxugueiras, Baiuca, Boyanka Kostova... Nomes que nalgúns casos no 2019 nin sequera existían e outros que tiñan daquela unha presenza residual ou circunstancial.

Certo é que os deuses foron propicios, os astros aliñáronse e as circunstancias confluíron. As grandes referencias de entón da nosa música, como podían ser Sés, Guadi Galego, Xabier Díaz, Uxía, Dakidarría, Xoel López, Iván Ferreiro ou Novedades Carminha deixaron pasar o 2021 en barbeito, alo menos en canto a novas producións discográficas, o que favoreceu a poderosa irrupción destes novos actores.

Con todo, sosteño que o revolcón era ineludible, que os tempos eran chegados, e que aínda que eses grande referentes —que o seguen a ser— tiveran contado con novos discos, non sería suficiente para frear a quen chegaba por detrás con inusitados bríos. E máis, foi marabilloso e estimulante velos compartir palcos e festivais entre mostras de admiración e respecto mutuo.

Pero vaiamos, sen ningún afán de establecer un ranking, ao detalle polo miúdo dos personaxes principais desta traxicomedia musical que foi o ano 2021.

Tanxugueiras non só é a palabra do ano en Galicia. É tamén o nome do ano na escena musical. Adiantaron as súas intencións en febreiro con Midas e puxeron patas arriba a escena en xullo con Figa. Todo o que aconteceu a partir de aí, incluída a súa travesía preeurovisiva, non precisa relato. Non serei eu quen aventure o que este fenómeno pode chegar a supoñer para a proxección da música —xa nin sequera digo tradicional— galega. Pero celebrarémolo, en calquera caso.

Como celebramos a acollida da proposta de Baiuca, que este ano acadou fitos como encher tres noites consecutivas a Capitol, colgar o cartel de sold out na sala La Riviera de Madrid quince días antes do concerto ou coar o seu Embruxo na maioría de listas do mellor do 2021.

O territorio tradi deparounos ademais outras alegrías primeirizas, como a excitante, refrescante e reconfortante irrupción do dúo Caamaño & Ameixeiras, gañadoras do premio Martín Códax na categoría de folk, e outras que chegaron de man de músicos de xa longo percorrido, como as de Xisco Feijoo ou Xurxo Fernandes.

Outro dos grandes protagonistas do 2021 é Grande Amore. Merecería el só un artigo para reflexionar en torno a todo o que veu aportar. Pero, por resumir, direi sinxelamente que fixo o disco que esta xeración precisaba. Un disco que establece a conexión perfecta entre os sinais de identidade deste tempo e as referencias (postrock, postpunk, electro...) que a rapazada debería coñecer e non esquecer.

Nunca vin caso de alguén que se achegara tanto ao don da ubicuidade como o de Ortiga neste verán. A súa incontinencia creativa, a súa desvergoña e, por que non, tamén a súa honestidade tivo por fin a súa recompensa. A verbena galega 2.0 xa ten a súa icona, o seu grande referente.

Froito desa incontinencia emerxeron tamén outros dous proxectos nos que Chicho é coprotagonista: Boyanka Kostova o principal —e se cadra o único— expoñente do trap rural, e Los Rastreadores o dúo de imposible adscrición estilística que conforma xunto a Grande Amore.

Tamén entraron como elefante en cacharrería Verto. O dúo compostelán xa dera con Oye gayego pistas da que podía lear. E vaia se a leou. O seu primeiro disco longo, Embora, foi, de longo, o máis coreado deste verán. Tan intenso foi o primeiro semestre que o dúo decidiu concederse unha tregua que xa foi aproveitada por un dos seus compoñentes, Berto, para publicar o seu primeiro disco en solitario.

Pero non todo foron «grandes sorpresas». Tamén houbo a quen xa se lle vía vir. É o caso de Chicharrón que con Unha fogueira intacta confirmaron e amplificaron as impoñentes sensacións que xa nos deixaran con Cancións clínicas. Ou o de Bala. O dúo formado por Anxela Baltar e Vio Mosquera arrasan con todo merecemento nas listas estatais do mellor do ano na categoría rock co seu descomunal Maleza. Outro tanto lle ocorre a Sen Senra, aupado con todas as honras ao olimpo dos artistas pop da súa xeración. E é que poucos ten sido quen de contemporanizalo como o fixo el nesa marabilla desbordante de sensibilidade que é Corazón cromado.

Temos ademais un plantel de secundarios que xa reclaman papeis de protagonistas no 22. É o caso de Peña, Allova, Elba, Laura Lamontagne & Picoamperio, Tandub, Dani, Secho, Xackal... Se cadra non foron tan malos os tempos para a nosa lírica.