«Clan Atlante»: a fusión que navega polos mares do norte

FUGAS

Eloi Caldeiro, fundador e líder de Brath; á direita, portada do último traballo discográfico da banda, «Clan Atlante».
Eloi Caldeiro, fundador e líder de Brath; á direita, portada do último traballo discográfico da banda, «Clan Atlante».

Os lectores de La Voz xa poden conseguir o novo libro-cedé de Brath nos puntos de venda do xornal

30 dic 2021 . Actualizado a las 18:02 h.

O duodécimo álbum do grupo Brath supón unha homenaxe ás músicas que se fan a unha e a outra beira do Atlántico norte. Nestas cancións a banda retoma as sonoridades dos seus primeiros anos, mesturando a música progresiva coa tradicional

Hoxe asumímolo con normalidade. É máis, é tendencia. Falamos da mestura entre as sonoridades da música tradicional galega e as doutros xéneros como o rock. Pero en 1980, cando Brath irrompeu nunha escena dominada aínda polos ecos da Nova Canción Galega e o primeiro rebulir do folk a través das súa conexión coas músicas celtas, a conxunción semellaba pouco menos que unha herexía. Certo é que a nivel internacional xa había bandas de certo renome que experimentaban con eses postulados sonoros e coa combinación da instrumentación eléctrica e a tradicional, pero en Galicia é de xustiza atribuírlle a Brath a categoría de pioneiros.

O propio Eloi Caldeiro, fundador e líder da banda, lembra na presentación do último traballo discográfico de Brath, Clan Atlante, que naqueles intres aquela nova visión da música galega, coa incorporación de instrumentos que ata entón estaban reservados para o rock, como a batería, o baixo e as guitarras eléctricas, foi toda unha revolución.

«Tiven a idea de que a xente nova en Galicia necesitaba unha música que nos identificase máis aló do que vendían desde España e desde o mundo anglosaxón. A fórmula era mesturar o beat ou o rock con ritmos e melodías galegas, e desde esa perspectiva construín todas as músicas de Brath», explicaba Eloi Caldeiro nunha entrevista sobre a xénese do grupo. «O resultado creo que non é malo, sobre todo porque non só o fixemos nós, senón que contribuímos, con xente que veu despois, a ter unha música para Galicia despois da transición», engade.

Catro décadas e doce discos de estudo despois, con Clan Atlante o grupo lucense retorna dalgún xeito a aquelas orixes, deixando de novo patente a vixencia da súa proposta. Unha vixencia que foron reafirmando ao longo de todos estes anos moitísimos artistas que seguiron a senda por eles aberta.

Brath naceu coa filosofía declarada de «achegar á xente moza a nosa música de raíz». Un obxectivo que hoxe comparten moitos dos grupos senlleiros da nosa escena musical. Daquela, cando todo estaba aínda por descubrir e non eran poucas as dificultades para asentar unha proposta destas características, Brath recorreu dende o primeiro momento a mestura de diferentes estilos de música para, a través das súas distintas fórmulas, procurar unha nova música galega dende a tradición.

Así naceu Kalaikia, o seu primeiro disco, publicado en 1982, e que non só chamou poderosamente a atención en Galicia, senón tamén alén das nosas fronteiras. Como rare folk progressive etiquetábano nos medios musicais da época.

Unha etiqueta que, en boa medida, aínda hoxe conta con todo o sentido. Máxime tras a recente publicación de este Clan Atlante. Nesta nova entrega discográfica, Brath mergulla en composicións de fondo raizame galego coa música indie e alternativa mesturada cos sons chegados dende a outra beira do Atlántico. E incluso con fusións tan infrecuentes, por non dicir imposibles, como a do ska co pasodobre. O resultado é un traballo ecléctico e cunha notable vontade de orixinalidade.

A maioría dos temas, excepto tres cancións recollidas do cancioneiro tradicional, son composicións con letra e música do propio Eloi Caldeiro con arranxos de Alberto Gambino, outro dos compoñentes do grupo. O disco, que se presenta en formato de libro-cedé, está gravado e mesturado nos estudos de Miguel Barrero.

Clan Atlante é o segundo disco que publica Eloi Caldeiro neste 2021. No mes de maio viu a luz O equilibrio dos tigres, un traballo no que envolveu a poesía de Xela en rock de vella escola.