O mar literario de Blanca Riestra

Mercedes Corbillón FUGAS

FUGAS

A escritora Blanca Riestra, autora de «Aquí empeza o mar».
A escritora Blanca Riestra, autora de «Aquí empeza o mar». Marcos Míguez

17 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Ás veces chove e a cidade queda en silencio un intre, como se a treboada tivese a capacidade de pechar as bocas, de calar o mundo. Outras, sae o sol e un rebulir de xentes deixan pegadas de pisadas, de risos, da estrondosa ledicia que deixan as tormentas cando se van. Eu ando allea á vida de verán, excepto polas petunias, que crecen coloridas contra a pedra da miña ventá. Mentres lle quito as follas mortas, penso que todas as cidades levan unha novela dentro. Nesta, as historias acaban apuntando ás torres da catedral.

En Aquí empeza o mar, a marabillosa novela de Blanca Riestra, a cidade e os seus personaxes dan voltas sobre si mesmos para volver ao punto de partida, á nada que hai baixo os pés. Despois de todo, iso é o que nos espera a todos, a desaparición. Pódese ser coruño e ser existencialista, entrar nos bares do Orzán pensando no sinsentido de vivir, ou quizais só facelo con ansia, con sede, con rabia, con desesperación, con tendencia a deixarse levar por ese sumidoiro simbólico que dá ao subterráneo río Monelos, as augas do Atlántico, que reclaman ávidas o espazo roubado polos recheos.

Pola rúas da Coruña, baixo o chío das gaivotas e o ar salgado, camiña unha narradora que fala en varias voces e en varios tempos, porque todos levamos dentro as persoas que fomos e xa non somos, e busca pegadas dos que andaban por alí noutrora, naquela xuventude un tanto apocalíptica dos oitenta onde eles creaban, facían música, arte, literatura, e a cidade bulía de versos, concertos e sustancias mentres elas miraban, as mulleres sempre espectadoras, aí tamén está á crítica porque esta é unha novela política e nostálxica, ambiciosa e derrotada, estética e profunda, capaz de converter a Amancio Ortega en personaxe que mira dende o Parrote a cidade que lle pertence e o pasado que perdeu. Tamén os millonarios deixan cousas atrás, e, ademais, eles tamén morren, como os delirios dalgúns políticos e as esperanzas.

E logo chega o amor, unha perda máis despois de todas as perdas. Ou debería dicir o desamor, que converte todas as cidades na mesma, un lugar onde existe alguén e ti non acabas de saber se iso é épico ou fatal.