Desafío resolto con excelencia

Ramón Nicolás FUGAS

FUGAS

15 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Conxecturo que este é un libro ao que se lle deu, por parte das súas responsables, moitas voltas. Talvez non resultaba menor a preocupación de como transformar, desde a escasa documentación existente e de difícil e complexo acceso, a figura de Juana de Vega no eixe dun volume que rescatase e puxese ao día a súa axitada biografía, o seu compromiso co liberalismo, a súa dimensión como activista social de fondo alento solidario ou o seu papel como creadora de escolas. Todo un desafío no momento de deseñar un libro que semella unha novela, un libro de historia ou unha crónica dun tempo. Engadámoslle a maiores a vontade que latexa de maneira manifesta en todo o libro de espellar as circunstancias sociais, políticas e culturais dun tempo en que o papel da muller estaba reservado a papeis secundarios sen relevancia social e que aqueloutras mulleres ilustradas, en boca dalgún político da época consideradas «seres monstruosos, híbridos de muller e home» como se recolle xunto outras apreciacións neste libro, puxeron por riba o dereito a reivindicarse e a ser elas mesmas.

Cal foi a fórmula ensaiada para darlle vida e para descubrir —nalgúns casos redescubrir con novos ángulos— a Juana de Vega? Articular, a catro mans, un libro coral con multiplicidade de voces, isto é, erixir un libro construído grazas á intervención, a xeito memorialístico, de Juana de Vega, xaora, mais tamén doutras instancias que poden sorprender, pero gozan dunha funcionalidade necesaria e orixinal meritoria nesta achega. Velaí a cidade da Coruña na que Juana de Vega viviu a facer un reconto da súa historia, mais tamén outros actantes como a morte ou lugares que cobran vida como a vila de Carral, unha carballeira de San Pedro de Nós (Oleiros), Bermés, Londres ou Idozin: lugar de orixe do xeneral Espoz y Mina, de quen Juana de Vega enviuvou moi nova.

Deséxolle a maior das sortes a este libro. O esforzo de compoñer unha biografía suxestiva, que abrangue os ecos de todo un século cheo de convulsións, ben o merece.