Os concertos e festivais que non debes perder este verán en Galicia

FUGAS

Álex Cámara

Artistas como Muse, Placebo, Texas, Sting, Rosalía, C. Tangana, Simple Minds, Leiva, Raphael ou Tanxugueiras destacan nun verán cunha axenda repleta de boa música

20 jul 2022 . Actualizado a las 10:02 h.

Que Galicia no verán é unha eterna festa non fai falta que nolo digan. Pero que nos lembren de cando en vez as razóns que o avalan e xustifican non está de máis. Entre outras cousas, porque a axenda é practicamente inabarcable. E, por suposto, inasumible. Tal é o volume de eventos musicais que a nosa xeografía acolle nas vindeiras semanas que é de todo punto imposible achegarse a todos eles. Así que aquí vai unha escolma.

Un dos motivos que propician a abrumadora oferta de música en directo coa que neste verán conta Galicia é a celebración do Xacobeo 21-22. Ao abeiro desta marca e desta cita xa gozamos de festivais como O Son do Camiño ou de programacións como as do Xacobeo Importa. Pero aínda resta moito por ver e por escoitar.

Por exemplo, todos os concertos que forman parte do ciclo Concertos do Xacobeo. O máis inmediato, o de M Clan en Redondela o mércores 27 deste mesmo mes. Sucederanlle en agosto os de Xoel López (Tui, luns 8), Andrés Suárez (Melide, xoves 11), Iván Ferreiro (Ribeira, venres 12), Hombres G (Lugo, luns 15), Beret (Vilalba, martes 16 e A Guarda, mércores 17), Morat (Mos, xoves 18) e Nil Moliner (Fisterra, sábado 27).

Tamén forman parte da programación musical do Xacobeo outras citas de entidade que, seguramente, noutras circunstancias sería complicado que recalasen en Galicia.

É o caso, por exemplo, de Muse. A mítica banda británica actuará finalmente no estadio de Balaídos, en Vigo, o 8 de setembro, no que posiblemente vaia ser o concerto máis multitudinario dos que se celebren este ano en Galicia.

MARISCAL | EFE

Non é a única lenda do rock que neste verán pisará terras galegas. Por aquí pasarán tamén Simple Minds. A banda escocesa liderada por Jim Kerr incluíu unha escala da súa xira 40 Years of Hits no Coliseum da Coruña. Será o mércores 27 de xullo. Outros escoceses de longa e exitosa traxectoria, Texas, tamén se deixarán escoitar en Galicia. Será o 8 de agosto na praza de María Pita e o 9 de setembro no auditorio Mar de Vigo. E Placebo actuarán en Ourense o 26 de agosto.

Pero non só teremos ocasión de gozar de grandes nomes da escena internacional. Tamén dos máis destacados artistas españois do momento, como é o caso de Rosalía e C. Tangana. A creadora de Motomami actuará no Coliseum da Coruña o 29 de xullo. O artífice de El madrileño fará o propio no peirao de trasatlánticos de Vigo o 23 de agosto.

Vigo, e máis concretamente o parque de Castrelos, será un dos epicentros da movida musical deste verán en Galicia. O carrusel de artistas que alí se poderán escoitar arranca hoxe mesmo cun concerto de Luar na Lubre. Despois será a quenda de Love of Lesbian (29 xullo) e Tanxugueiras (30 xullo). E tras elas, xa en agosto, Leiva (4), Sting (6), Lola Índigo (8), Hijos de la Ruina e Woyza (11), Hombres G (14), Raphael (16) e Dani Martín (17).

Vigo será ademais a sede de festivais como O Marisquiño (do 11 ao 14 de agosto), polo que pasarán, entre outros BFlecha, Russ ou Soren Manzoni. E do Latitudes (19 e 20 de agosto), con Iggy Pop, Twoo Door Cinema Club, The Vaccines ou Mando Diao no cartel.

Máis festivais. A Coruña acolle do 10 ao 14 de agosto unha nova edición do Noroeste, que contará con presenzas como as de UB40, Emir Kusturika, Tanxugueiras, Zahara, Ana Moura, Baiuca, La Pegatina ou Delaporte.

Non será a única programación musical na Coruña. As festas de María Pita propoñen, tamén en agosto, a James Blunt (1), Edurne (2), Dani Fernández (3), Ilegales (5), Macaco e García Mc & Nación Quilombo (6), Ana Torroja (9), Luis Fonsi (15) e Carolina Durante (16).

Outra festa cunha máis que notable programación musical é a do Albariño, en Cambados. Na praza de Fefiñáns soarán, entre outros, Nicky Jam o 29 xullo, Derby Motoretas Burrito Kachimba (30), Ute Lemper (31), e xa en agosto, Tanxugueiras (2), Morad (3), Amaia (5) e Dorian (6).

Practicamente coincidindo en datas coa festa do Albariño celebrarase unha nova edición do festival SonRías Baixas. Do 4 ao 6 de agosto, por Bueu pasarán Kase O, Rels B, Rayden, La M.O.D.A ou Tanxugueiras.

E aínda máis. A praia de Covas, en Ferrol, acolle o 19 e o 20 de agosto o Nachiños Fest, con Sen Senra, Carolina Durante, Baiuca, Cariño e Blanco Palamera no cartel.

Xa en setembro, en Vilaxoán terá lugar o Revenidas, que este ano convoca, entre outros a La Pegatina, SFDK, Zoo, Baiuca, Tanxugueiras, Talco e Boikot.