Rodrigo Costoya: «Galicia ten unha gran riqueza histórica, pero non hai novelas que o reflictan»

FUGAS

Xoán A. Soler

O escritor compostelán, que vén de publicar «Hijos de Gael», marca como obxectivo achegar ao público os episodios que aconteceron en terras galegas con repercusión mundial

21 jul 2022 . Actualizado a las 16:54 h.

Despois de converter en novela a teoría de que Colón era galego en Portosanto e de preservar xoias bibliográficas en Misarela, Rodrigo Costoya (Torrelavega, 1977) volve viaxar no tempo en Hijos de Gael (Espasa). Unha novela coa que este profesor de Educación Física compostelán pecha un círculo no que Galicia sempre está presente. É máis, explica que todas as escribiu inicialmente en galego.

 ­—Por que esa referencia constante a Galicia nas súas obras?

—Esa época ao final da Idade Media cambiou o curso da humanidade quizais máis que ningunha outra e aquí, en Galicia, aconteceron algunhas das cousas máis importantes das que sucederon en todo o mundo. De feito, A Pinta regresou a Baiona, que foi o primeiro lugar onde se tivo noticia do éxito dunha expedición que cambiaría a historia da humanidade. Isto aconteceu en Galicia e, sen embargo, parece que non, que non tivemos nada que ver. Roubáronnos esa parte da historia. Por iso me centro nesa época, que me parece fascinante, e neste lugar [Galicia], porque é onde pasaron as cousas, ademais de que é a miña terra.

­—Pecha un círculo con esta novela ou seguirá en novas creacións nese final do XIV e principios do XV?

—Pechamos un círculo. Máis que unha triloxía, son tres novelas que son independentes entre si, pero que teñen unha relación moi clara e que transmiten unha mensaxe común. Agora estou escribindo sobre outra época, xa pasaron 100 anos, aínda que seguimos en Galicia, concretamente en Compostela, onde sucederon cousas incribles.

—Pero nesta leva a acción de Aydan, esa figura dun heroe, lonxe de Galicia?

—Estaba moi interesado en abordar o tema das nacións gaélicas, de aí que nesta terceira novela vaia máis alá das nosas fronteiras, e cheguemos non só a Bretaña, senón a Escocia e a outras nacións gaélicas. O segundo motivo é que ese meniño que nace no principio da novela, realmente, é unha personaxe principal na de Portosanto.

­—Ten cuestionado a nomenclatura de novela histórica, aplicándolle a denominación de «de aventuras». Que lle achega situar esas aventuras noutra época?

—Que eu escriba relatos nos que a acción é un compoñente fundamental no estilo obedece a que é a literatura que máis me gusta. Medrei coas grandes novelas de aventuras e de acción. Que achega ambientar esa acción nunha época e lugar concreto? Achega moitas cousas que enriquecen: un retrato dunha sociedade que explica moitas cousas do que somos hoxe. Ademais, o soporte dos feitos históricos reais enriquece moito esas tramas de ficción. A realidade sempre supera a ficción.

—En Galicia desaprovéitase a nosa historia máis alá do Camiño de Santiago? Poderíase aproveitar máis a nivel literario?

—A novela histórica en Galicia é unha rareza practicamente. Somos un dos pobos con maior riqueza a nivel histórico, ata o punto de que Galicia foi epicentro mundial en varias ocasión ao longo da historia, pero non hai novelas que reflictan esa realidade. Nese sentido, teño claro que me puxen como obxectivo que eses momentos nos que Galicia foi protagonista absoluta da historia da humanidade hai que reivindicalos e a mellor forma de facelo é a través de novelas que poidan enganchar a todo tipo de público.

­—Ata o de agora ambientou as súas novelas nos séculos XIV e XV. Márcase algún tipo de límite temporal á hora de poñer o contexto?

—Unha novela histórica non depende de en que época se sitúe, senón de que teña o obxectivo de retratar esa etapa. Estou convencido de que se pode facer unha novela histórica da época actual. Eu non me marco ningún tipo de límite, pero si que teño ese obxectivo de facer chegar ao gran público os episodios máis salientables da historia de Galicia, aqueles que tiveron repercusión a nivel mundial, que son moitos.

­—Rompe todos os posibles tópicos: un profesor de Educación Física que escribe novela histórica.

—Eses límites non son reais. Por exemplo, un gran escritor de novela histórica, Zoilo, é biólogo; Luis Zueco, rexenta dous hoteis... É dicir, eses límites non existen. É como se coñecemos a un profesor de literatura que faga moito deporte. A miña vivencia no mundo da educación física e do deporte é que hai unha gran inquedanza a nivel intelectual, como en calquera outro eido, e moito máis no ensino. A pesar de que hai moita xente que se estraña ao saber que son profesor de Educación Física, que son persoa do deporte, considero que, se se pensa un pouco, non ten ningún sentido.