Familia Caamagno: «Este é un disco nostálxico, cómico e político»

FUGAS

-

En «O mundo está derrotado», o seu último álbum, actualizan o seu son, achegándose á contemporaneidade «dunha forma perralleira»

13 nov 2022 . Actualizado a las 22:13 h.

Ségueno tentando. E desta volta conta con argumentos máis poderosos que nunca. Os oito trallazos que descargan en O mundo está derrotado. Os Caamagno abandonan certas querenzas retro e vanse achegando á actualidade. De momento, fican no ímpeto dos febrís 90 con furiosas melodías e guitarras moito máis agresivas. Dous sinais de identidade do seu novo produtor, Carlos Hernández (Carolina Durante, Los Planetas, Triángulo de Amor Bizarro...). «A ver, nós tiñamos ganas de darlle unha volta ao noso son, de actualizalo. Obviamente, sen esquecer que somos unha banda de power pop e rock and roll. Pero non queríamos volver facer o mesmo disco. Levabamos tres referencias gravadas con Jorge Explosión, nos estudos Circo Perrotti, que son uns estudos fantásticos, pero que soan a unha determinada maneira, a analóxico puro e duro. Desta volta tivemos a oportunidade de traballar con Carlos e estamos moi contentos co resultado», expón Manuele Caamagno.

—Tamén hai cambios no conceptual.

—Tamén. Por primeira vez fixemos un disco no que todas as cancións están relacionadas entre si. Hai como un subtexto que as vehicula a todas. É un disco que fala da xuventude dun rapaz da Galicia interior na década dos noventa. Empeza cunha versión do Xuntos de Juan Pardo, que se relaciona coas campañas políticas galegas daqueles anos, e remata cunha canción inspirada no tema de Hefner, The Day That Thatcher Dies, que é do ano 2000, co que, dalgún xeito, se pecha o círculo.

—En varios temas citades a nostalxia. É un sentimento que sobrevoa o disco?

—Si, totalmente. Se teño que definir este disco en poucas palabras diría que é nostálxico. E, despois, cómico e político.

—Mesturan ben política e humor?

—Si, penso que si. Aí tes esa gamberrada que foi a versión de Xuntos, ou Romper Espagna, ou O mundo está derrotado, ou mesmo O día que Fraga finou. En todas elas está mesturado o cómico e o político. Reivindicacións que queremos facer pero manifestadas dende a retranca e o humor.

—Ter esa compoñente política, pechouvos algunha porta?

—Nunca tivemos esa sensación. A xente, antes que nada, ten sentido do humor. E tampouco temos cancións como para que alguén poña o santo no ceo ou para que nos caia unha denuncia na Audiencia Nacional.

—Ben, un tema deste disco comeza dicindo «aínda rin o día que Fraga finou».

—Xa, pero de seguido digo «hoxe sei que iso non está ben». Todo se matiza con humor. En calquera caso, péchense portas ou non, cada músico ten que facer as cancións que lle saen de dentro sen pensar se por iso vas quedar fora dalgún circuíto.

—Cómica tamén é a coreografía do vídeo de «O mundo está derrotado» ou estades tentando, como fan as grandes estrelas, facervos virais en TikTok?

—Si, algo diso hai (ri). Aínda que sexa unha coreografía sen planificar e medio descoordinada, si que ten algo que ver con eses bailes de Rosalía que duran exactamente o que dura un vídeo de TikTok. Obviamente nós sabemos que non nos vamos facer virais, pero gustábanos entrar a formar parte da contemporaneidade dende unha forma absolutamente trapalleira.

—Estes últimos anos está a quedar claro que en Galicia creatividade e talento hai de sobra. Que lle falta á industria musical galega para dar o salto definitivo?

—Pois se cadra, que sexa precisamente iso, unha industria. É fundamental que haxa máis empresas e máis profesionais na produción e no management. Aínda hai moitísimos artistas aos que nos lles queda outra que recorrer ao do it yourself.

—Cantar en galego é un dogma incuestionable para Familia Caamagno?

—Cantar en galego forma parte da idiosincrasia do grupo. É case un factor ideolóxico. Ou sen case. Ademais cando saímos por aí vemos que ao público realmente non lle importa. As fronteiras son, neste caso, mentais, e case sempre para a xente de aquí. Tamén nos demos conta con este disco que importa moito o que diga a metrópole de ti. Moitas veces, para petalo en Galicia fai falta que fóra digan que isto está moi ben. Se soas moito en Radio 3, de repente aquí din: 'Ostras imos ter en conta a este grupo'. Iso estanos pasando con este disco.

—O título ten un dobre sentido ou realmente credes que o mundo está derrotado?

—O do mundo está derrotado é unha frase que di meu pai cada dous por tres ante algo que lle parece mal ou que non entende. Se cremos que é certo? Ben..., o futuro non ten moi boas perspectivas. Pero tampouco nos imos angustiar por iso.

—E o rock and roll, está derrotado tamén?

—Non o creo. Non está no seu mellor momento pero tamén penso que o peor xa pasou. En Galicia si que é certo que aínda que nestes últimos anos están saíndo moitas cousas novas, en canto a grupos de guitarras, non hai moitos que teñan certa relevancia. Por degraza, pódense contar cos dedos dunha man. En calquera caso, nós, con este disco, estamos chegando a xente á que nunca chegaramos. Nunca soamos tanto en Radio 3, por exemplo. Ou nunca vimos tanta xente nova nos nosos concertos como o día da presentación, na Capitol, en Santiago.

—De aquí ao mainstream hai un paso.

—Non creo que nos esteamos aproximando sequera. Pero si que é certo que a veces hai grupos galegos con grandes cancións que pasan sen pena nin gloria por falta dunha boa planificación ou unha boa promoción. Desa industria da que falabamos.

—Moito depende tamén desa, como dicides nunha canción, «maquina virtual», do omnipresente algoritmo.

—Si, totalmente. Eu aínda non chego a entendelo ben. O dos oíntes que che asignan é algo flipante- Un misterio. Os programadores din que non se soen fixar niso, pero eu creo que é unha pequena mentira. Cando a alguén lle chega unha proposta dun grupo que non coñece para unha sala ou para un festival, creo que o primeiro que fai é mirar en Spotify a ver cantos oíntes ten. O cal é bastante perigoso porque pode que non represente ben a realidade do grupo. Os oíntes poden depender de que unha canción túa entre nunha lista, de que fagas unha colaboración con alguén que teña moitos seguidores ou simplemente de que coides ben o tema de Spotify, que o que che esixe é que esteas constantemente sacando música.