Unha amiga fatal

Mercedes Corbillón FUGAS

FUGAS

A escritora e xornalista María Solar.
A escritora e xornalista María Solar.

25 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño amigas escritoras que «follan» aínda que a RAG non llo permite. Poden, iso si, foder ou fochicar, e de poñerse estupendas e protestar pola escaseza de termos que ofrece o dicionario, suxírenlle outros como chanfunicar, anicar, pinar ou cancanear, termos que por algunha razón non están recollidos no seu propio texto e que eu descoñecía pero estou disposta a por en práctica xa.

Cancaneos á parte, as palabras e a súa semántica son importantes na vida e nas novelas, de aí a preocupación por encontrar a adecuada para acompañar as peripecias dos personaxes. Desa intención de empregar un idioma rico e, ao mesmo tempo, recoñecible como natural polos lectores veu a pescuda de María Solar, que vén de ganar o Premio Xerais de novela con A culpa e que se queixou da escaseza de termos permitidos para expresar un encontro sexual.

Con todo, o sexo non é a temática da historia, simplemente forma parte da vida longa das protagonistas de A culpa.

A culpa é unha palabra feminina, na linguaxe e na vida. Hai unha culpa que sempre arrastramos as mulleres, tamén as de María, aínda que ela non usa o feminismo cunha intención espuria ou politicamente correcta. As mulleres de María son boas e malas e incluso malísimas e son vítimas pero tamén ambiciosas e sobre todo son reais e non construídas con arranxo a unha perspectiva de moda. As personaxes de María son cribles e constrúense en diálogos absolutamente naturais que non impiden o gusto da escritora por darlle un pulo de aventura ao texto, entendendo que a literatura é divertimento e que a realidade está chea de historias noveleras ou cinematográficas se alguén é quen de contalas co ritmo do latido que precisan.

A historia reconstrúese dende a vellez dunha das protagonistas, que mira atrás e fai memoria da vida e das vicisitudes que a conformaron desde unha infancia galega e cruel, o éxito económico e social en Arxentina ata ese final marcado pola relación de amizade case enfermiza que arrastra desde a nenez con outra muller. Ás veces o teu salvador é o teu verdugo. Neste caso, a amiga necesaria e fatal.