Monoulious Dop: «Falta moito sentido do humor na música actual»

FUGAS

Música disco-funk con autotune? Pois si. E non é maior das tolerías deste dúo de vocación irreverente. O sábado estrean en directo «Disco Disko»

25 nov 2022 . Actualizado a las 17:19 h.

Que ben que existan Monoulious Dop. Reconfortan, excitan e divirten. Cuestión esta última inxustamente denostada na música actual, na que semella terse imposto a explícita manifestación dos lascivos desexos, a procura dunha pretendida transcendencia, ou a impudorosa exhibición das incertezas persoais. Que seguramente pode que tamén algo diso haxa no cancioneiro deste dúo. Pero sempre tinguido dun irreverente, acedo e festivo sentido do humor.

Monoulious cumpren dez anos -eles mesmo confésanse os primeiros sorpendidos pola efemérides- e celébrano co publicación do seu terceiro disco longo. Un álbum no que exploran os territorios sonoros e estéticos das décadas dos 70 e 80 revestidos dunha pátina de febril modernidade. Bolas de espellos e autone, brilli-brili e bases electrónicas conviven nunha ducia de cancións que conforman unha das máis arrebatadoras invitacións ao baile que nos ten chegado en tempos. Falamos con Ula, a metade de Monoulious Dop sobre este lanzamento a súa inminente presentación en directo.

—Houbo neste «Disco Disko» un cambio de «target», de público obxectivo por parte de Monoulious Dop respecto aos seus anteriores discos?

—Monoulious caracterizámonos sempre por facer un pouco o que quixemos. E desta volta deixámonos levar por estes sons máis modernos. Non é que cambiara o target nin o público, é que cambiamos nós a nosa forma de compoñer. Eu, por exemplo, fun sempre de compoñer coa guitarra acústica e e agora empecei a traballar co QBase. E entón, saíu isto, como máis moderno. Pero, xa digo, non porque cambiásemos a xente á que nos diriximos senón por empezar a compoñer de forma máis dixital.

—Falas de sons máis modernos pero no disco hai un revival enorme do disco e do funk, que non é que sexan, precisamente, modernidade.

—Ou si. Os 70 e os 80 están superpresentes nos nosos días. Non hai máis que ver a artistas internacionais de primeira liña como Dua Lipa, que están tirando continuamente deses sons, sen por iso deixar de lado as músicas máis actuais.

—De onde nace esa fascinación por aqueles anos? Ningún dos dous tivo ocasión de vivilos.

—É certo, eu nacín nos 80 e non cheguei a vivir aquela época. Pero si que me houbera gustado. De pequeno sempre flipaba co da ruta do bakalao. É o que máis e me quedou na cabeza.

—E, como non, introducides o omnipresente autotune.

—Pois si, autotune ao dez (ri). É unha forma de experimentar. Hoxe todo dios o manexa así que dixemos, imos meterllo nós tamén. Ata nos compramos os aparatos para meterllo tamén en directo. Pero bueno, hai temas que van máis limpos, outros máis cargados... Intentamos tantear para ver cales lles gustan máis á peña. Se funcionan os de autotune, pois autotune a muerte. E se non gusta, quitámolo sen problema ningún.

—A ti, persoalmente, gústache?

—Como está tratado na produción deste disco, si que me gusta. Sóame moderno. Despois, en directo, aínda non sei como vai pegar. Imos estrealo este sábado.

—Nese sentido, pódese dicir que seguides a estela de proxectos como Ortiga, Boyanka Kostova ou Verto?

—Creo que me deixei levar máis por outras influencias, como Leo Ricci ou Sen Senra. E, despois, moitos grupos americanos deste rollo disco.

—Atrevédesvos incluso cunha bachata, pero, claro, ao voso xeito.

—Empezou sendo unha bachata real, con percusión latina e toda a historia. Pero ao final pensamos que se estabamos facendo un álbum en clave disco ou funki-pop era mellor darlle unha volta, manter a melodía e a voz, pero en vez de poñerlle a base latina, meterlle unha base máis moderna. Xa que agora Rosalía e C. Tangana sacan bachatas e cumbias, pois veña, Monoulious Dop vai sacar tamén unha bachatita... disco.

—Este ano entrastes xa en bastantes festivais. Está proxectándose Monoulious cara ese mercado?

—A verdade é que o modelo dos festivais gústanos bastante. Este ano fomos a uns cantos e estivemos encantados. Aínda non se nos pasou o subidón do último ao que fomos, o Revenidas. Aquello fue para llorar de emoción. Pasámolo en grande, cun bo rollo incrible, a xente entregada e cun respecto total. Oxalá festis que ao mellor non tiñan pensado chamarnos nunca pola música que facíamos, agora, con esta nova onda, pensen en nós.

—Iso tiñádelo en mente cando estabades facendo este disco?

—Pois si, non che vou mentir. Si que pensabamos en que nos podía abrir portas de festivais tipo Portamérica, Vive Nigrán ou algún máis dese estilo.

—Hai en «Disco Disko» menos humor e máis amor?

—Humor e amor sempre houbo en todos os nosos discos. Se ti algunha vez cres que unha canción de Monoulious é demasiado seria, búscalle a retranca e a ironía, porque todas a teñen. Ao mellor é certo que neste disco, non digo que hai menos humor, pero si que está máis escondido. Pero humor, téñeno todas. E amor..., pois tamén. Temos cancións de amor, de desamor, de poliamor... Sempre houbo moito amor nos temas de Monoulious.

—Botan de menos un pouco máis de humor na música actual?

—A verdade é que que si. En Galicia si que hai grupos, como Boyanka, que están cheos de humor, pero fóra de aquí, polo xeral, si que falta sentido do humor na música que se fai agora mesmo. Non temos grupos de referencia que fagan só humor. Supoño que a xente tira polas temáticas que máis triunfan e as que dan os cartos, que sempre foron o amor e o desamor.

—Bueno, os contidos explícitos tamén están en auxe.

—É certo. Eu nunca sería capaz de facer cancións de tipo de «hoy vamo a pasalo bien, hoy te voy a dar bien duro» [pon acento latino]. Esa liña eu non a sobrepasaría nunca pero, xa ves, hai moita xente que triunfa con letras de sexo explícito.

—Pechades o disco con «Mulleres», un tema decididamente electrónico. É unha declaración de intencións de cara ao futuro? Un camiño a explorar?

—Non, non é unha porta aberta. O primeiro tema do seguinte disco non vai ir por aí. É un tema co que probamos moitas cousas para ver que saía de aí e ao final o que máis nos gustou foi este que puxemos no disco. Son movidas coas que nos gusta xogar e que non temos medo a ensinarllas despois ao público.

  • SANTIAGO CAPITOL SÁBADO 21.15 HORAS. 12 EUROS

View this post on Instagram

A post shared by Monoulious DOP (@monouliousdop)