Non habería sofá no mundo

La Voz

FUGAS

03 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda me estou recuperando. Tiven unha cita con Michèle Morgan, alteza do realismo poético francés. Apareceu vestida de branco, acompañada por unha melodía de violíns, e coa súa marca de fábrica: os ollos máis enigmáticos da historia do cine. Instigadores, profundos, anteriores á primeira glaciación. Eu agardaba no outro lado da pantalla, acomodado no sofá, compartindo nocturnidade con dous gatos. Alí se presentou. Ambos estivemos á altura: Michèle en 1947, cumprindo nunha das súas incursións en Hollywood —The Chase, un noir anómalo de Arthur Ripley—, e eu sen pestanexar durante hora e media ante o televisor, en 2023. Unha noite perfecta. Os gatos asentiron nos créditos finais e o silencio posterior converteu a miña casa nun país recóndito, propicio para as alucinacións. The Chase —serie B estreada en España co título Acosados—, adapta unha novela do gran Cornell Woolrich, todo un personaxe da literatura negra. Nótase nas perversións ocultas, no lirismo cosido á paisaxe do crime, nos aires de fantasmagoría. Non coñecía o filme, que xoga ben as súas cartas: violencia fóra de cadro, ambiente enfermizo, sorpresa no treito final. Está lonxe de ser unha obra mestra, pero non o necesita. Abóndalle con dous tipos tan atravesados coma Steve Cochran e Peter Lorre, ademais dunha deusa francesa. Unha Michèle Morgan que non chega a ser a esfinxe portuaria de Marcel Carné, a silueta en gabardina de O peirao das brumas, pero que a min me regalou un descubrimento nas profundidades da noite. Triunfos contemporáneos: a certeza de que non hai fonte máis curandeira que o cine, pozo máis inesgotable que a literatura, camiño máis paliativo que insistir cada día nas mesmas devocións. Leo unha entrevista de Juan Gabriel Vásquez a Ricardo Piglia, pouco despois de publicar Plata quemada: «A arte é estrañamento. Un xeito novo de ollar o que xa vimos». Seica Morgan estivo a piques de protagonizar Casablanca con Humphrey Bogart. Non foi así. Culpa dunha axente ambiciosa que pedía demasiados cartos. Nada en contra de Ingrid Bergman, pero quen me dera unha cita con Michèle Morgan no bar de Rick. Non habería sofá no mundo capaz de soportar iso, o nunca visto. Soa o timbre na miña casa: debe de ser Lizabeth Scott. Quizais Veronica Lake, pode que Gene Tierney, se cadra Gloria Grahame. Xa é medianoite outra vez. Confirmo que ultimamente os gatos me miran con perplexidade.