Álvaro Gago, director de «Matria»: «Faime máis ilusión que gane o Goya María Vázquez que gañalo eu»

FUGAS

Álvaro Gago, director de «Matria»
Álvaro Gago, director de «Matria» XOAN CARLOS GIL

O realizador de «Matria» chega aos premios «sen moitas expectativas» con respecto ao seu nomeamento como mellor director novel, pero «con todas» no caso da súa actriz protagonista

09 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Desenvólvese estes días Álvaro Gago nun labirinto de emocións. Matria estalle a dar moito máis do que nunca chegou a pensar. Por exemplo, un nomeamento ao Goya á mellor dirección novel. Pero tamén lle está restando tempo, enerxía e vida familiar. «Chego a este episodio un pouquiño coa lingua fóra. Con ganas xa de aparcar un pouco o ruído e centrarme no que vén. Pero chego tamén coa ilusión de celebrar co equipo toda a aventura da peli», confesa o realizador vigués.

—Con que actitude vas aos Goya?

—Sen grandes expectativas. Con ganas de celebrar o noso traballo máis aló das estatuíñas. Porque non é fácil chegar ata aí, e menos cunha peli en galego. E xa, se María [Vázquez] leva o premio, sería marabilloso.

—Levarás o discurso preparado por se acaso?

—Algo terei que levar, porque, ademais, eu nese momento sempre me poño moi nervioso. Pero é que neste caso está cantado quen é quen ten máis posibilidade de levar o Goya. E por enriba é unha gran amiga [en alusión á Estibaliz Urresola, directora de 20.000 especies de abejas].

—Vas estar máis nervioso cando se entregue o premio á mellor actriz ou o teu?

—No de María, seguro. Tamén porque me fai máis ilusión. Xúroche que non o digo por ser politicamente correcto. Na vida faime máis ilusión regalar que que me regalen.

—Como foron evolucionando as túas sensacións coa película a medida que foi pasando o tempo?

—Eu, dentro dunha certa estabilidade, son bastante volátil. Dende pequeno, sempre fun moi emocional e un pouco montaña rusa. Entón, aféctanme bastante as cousas e teño picos por arriba e por abaixo. E así foi tamén coa película. Houbo momentos extremadamente intensos e excitantes e outros de cansazo profundo nos que tiña a sensación de que todo pasaba por riba de min, de que non tiña enerxía nin física nin mental para englobalo todo. Pero en xeral dominou a gratitude. Eu teño dous fillos, un deles pequeno, e algo co que estiven lidando todo o ano foi cunha certa sensación puntual de culpa. Pero, ben, só saín catro ou cinco veces fóra de España e realmente, cunha película que teña algo de sonoridade, coma esta, podería ter estado todo o ano de hotel en hotel.

—Que foi o mellor ou o máis importante que che deu «Matria»?

—Todo o universo de Matria deume moitas cousas, xa dende a curta. O máis importante foron as relacións con xente que hoxe forma parte da miña vida e que repercuten nela dunha maneira moi positiva.

—E que che quitou?

—Tempo para outras cousas. Para min é moi difícil, e por momentos tamén frustrante, tentar escribir mentres estou promocionando o traballo anterior. Estes ritmos urbanos da promoción non lle veñen demasiado ben á escritura, que no meu caso precisa da quietude do campo. Agora, por exemplo, vou desfrutar dos Goya, pero xa teño tamén ganas de que pase porque teño moita ilusión posta no que vén.

—María Vázquez díxome que «Matria» lle cambiou a vida. E a ti?

—É un fito importante na nosa vida, pero eu penso que María... [queda pensando e ri]. Vaia, voulle deixar dicilo. Eu son máis prudente, pero non deixa de ser certo que o obxectivo último dos meus traballos é que cambien as nosas vidas a mellor.

—«Matria» abriuche moitas portas?

—Non sei que pasará despois dos Goya, pero non creo que deixe unha pegada tan grande. Polo de agora, non o fixo. Eu sigo sacándome as castañas do lume eu mesmo. Por exemplo, ninguén nunca me ofreceu dirixir nada, nin sequera un capítulo dunha serie. Tamén é certo que eu non peto nas portas nin o busco con moita insistencia. Non teño ambición de facer grandísimos proxectos. A miña ambición é a de vivir do meu traballo e a de crer realmente no que estou facendo. Eu estou tranquilo, no sentido de que teño xa un desexo moi forte de facer Porto Alegre e iso vaime empurrar nos vindeiros anos. E de que teño un equipo que me arroupa.

—No 2019, dixeches que para os Goya é un demérito facer cine en galego. Agora que estás nomeado, mantés a afirmación?

—Dende 2019 fomos dando pasiños e fóronse abrindo portas. Pero este ano temos unha evidencia moi clara de que aínda queda moito por conseguir. Falo do que pasou con O corno, Concha de Oro en San Sebastián e que nos Goya quedou cun único nomeamento [Janet Novás na categoría de mellor actriz revelación]. Iso ten que ver coa súa procedencia e co seu idioma? Pois en parte, si. Unha peli en galego ten unha distribución máis limitada, chega a menos salas e polo tanto para a xente é máis difícil acceder a ela. E despois hai que ter en conta que dos dous mil académicos, en Galicia só temos 30. Non hai un lobi galego tan potente como pode ter o cine vasco ou o catalán.

—Que nos podes adiantar do teu próximo proxecto, de «Porto Alegre»?

—Aí ando, xestionando a frustración de non poderme meter en corpo e alma nel. Está dando pasiños moi moi lentos. Teño algunhas columnas do guión claras, pero podería dicirse que aínda estou buscando a película. Vai estar por aí o loito. Estará tamén a idea de pobo como comunidade que se coida, como familia extensa. Estará tamén a infancia, como esa sensación de tempo suspendido que eu sempre tiven aló, en San Cibrao. É unha película máis autobiográfica, que me vai situar nun territorio ata o de agora inexplorado para min. Que me vai afastar puntualmente do naturalismo. O cal ponme un pouco nervioso pero ao mesmo tempo é moi excitante porque é un reto.