Un oportuno ensaio sobre a devastación que arrastra a vaga de incendios

Ramón Nicolás

FUGAS

03 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai escasos días que chegou ás nosas librarías un libro marcado pola oportunidade como é Lume. Análise social dos incendios forestais e que debería abrir, de seu, un debate que abordase, desde o rigor científico, a devastación que arrastra esta realidade. A oportunidade do ensaio explícase, xaora, desde a proximidade das vagas de incendios que asolaron Galicia e outros territorios este pasado verán e chega da man de Elvira Santiago Gómez, Carmen Rodríguez Rodríguez e Ariadna Rodríguez Teijeiro que analizan, asemade, as vagas de lumes do 2017 e o 2022. Autoras que exhiben, nos seus propios ámbitos de investigación, un amplo abano de intereses como son a xestión de riscos ambientais e a avaliación de novas tecnoloxías; as cuestións socioculturais e ambientais e a análise da comunicación social en situacións de crises e catástrofes. O volume goza, así pois, dun inequívoco interese e proxecta luz sobre asuntos que abordan a evolución dos incendios nas últimas décadas ou os trazos sociais, culturais e políticos propios dos chamados lumes de quinta e sexta xeración. Desde o punto de vista da análise política fálase da experiencia das comunidades locais cos incendios forestais e desde a análise cultural revélase a relación entre o bosque e o lume en Galicia, e estes, como outros temas tratados, sempre deseñados co apoio de cifras e documentos de fiabilidade contrastada. Esta valiosa achega, desde unha atalaia crítica, analiza os incendios como un fenómeno complexo que reflicte transformacións que se operaron no noso territorio nos últimos tempos e que pretende, con éxito ao meu ver, ir máis alá dunha visión que se ancore nos procesos de extinción; antes ben, suxire un novo paradigma de xestión que integra os conceptos de prevención, extinción e recuperación nunha invitación implícita para pór en valor a relación entre sociedade e natureza. Por último, achégase un decálogo de recomendacións para a revisión das políticas de gobernanza dos incendios forestais que moito nos gustaría ver aplicadas para encarreirar solucións dun problema que cómpre abordar con precisión, rigor e sentido común.