9Louro, Kid Mount, Willow GHZ, Xmaseda... Nomes que petan forte na porta da escena musical galega con propostas novidosas e cunha abraiante capacidade de conexión co público da súa xeración
05 dic 2025 . Actualizado a las 11:58 h.O pasado 20 de novembro, unha fileira de máis de 400 metros con arredor de mil rapaces e rapazas percorría varias rúas do casco antigo compostelán. O seu destino final era a igrexa da Universidade, porque alí actuaba 9Louro. Máis da metade non foron quen de acceder ao recinto e escoitaron o que puideron do concerto dende o exterior. Foi a constatación definitiva de que ese movemento que se viña xestando na música urbana galega, protagonizado na súa meirande parte por músicos de entre 20 e 25 anos, acadou xa a categoría de fenómeno. A cuestión é: nomes como 9Louro, Kid Mount, Xmaseda, Willow GHZ, Ünder & Diego Flaneur, lg1do ou Xián Pais, entre outros, están a configurar unha nova escena musical galega? E no caso de que así sexa, cales son os seus sinais de identidade e que perspectivas de proxección futura teñen? Fixemos unha rolda de conversas cos protagonistas para tratar de poñer luz a estas cuestións.
O músico que agora mesmo é punta de lanza desta corrente, o muradán de 21 anos Martín Louro, considera que «si que é un movemento» porque isto nunca pasara antes neste tipo de música. «Para min o máis importante é que todo esta xurdindo grazas a todos. Por moito que eu sexa hoxe a figura máis visible, tiramos todos do carro coa mesma forza».
Dende unha perspectiva semellante fala Yuly, o produtor de 24 anos, de Cuntis, que está detrás das cancións de 9Louro e de moitos músicos desta xeración. «Eu podo entender que aínda custe un pouco falar dun novo movemento, dun novo son. Pero creo que hai algo claramente xeracional. A nivel de sensacións, eu síntoo na xente. Ten ganas de escoitar música, de descubrir artistas novos que conecten. De feito, ata diría que a xente moza que escoita o que facemos e que está aí, apoiando, tamén forma parte deste movemento. Por desgraza, se cadra nós non imos ter o noso Estou na lavadora no Xabarín Club, pero loitamos porque isto vaia máis alá sempre, que traspase a barreira da música e que sexa un movemento, unha corrente».
«Eu creo que é algo que está a piques de estoupar», di Kid Mount, un rapaz de Xinzo de 21 anos ao que todos apuntan como o vindeiro en despuntar. «En moi pouco tempo todo isto medrou moito. É difícil saber ata onde pode chegar», engade outro muradán, Xián Pais. De momento, 9Louro xa estará no 2026 nalgún dos grandes festivais galegos e hai un runrún entre os promotores de que «hai que empezar a contar con esta xente».
Diego Campo, organizador do festival Osa do Mar, en Burela, xa contou con 9Louro na edición deste ano e anunciou a Xmaseda para a de 2026. El é ademais o programador do ciclo de concertos que se desenvolve este mes en La Conservera, en Viveiro, no que estarán 9Louro (sábado 13), Kid Mount e Xmaseda (venres 19) e Ortiga (sábado 20). «Hai unha materia prima moi boa», comenta Diego Campo. «Semellaba que levabamos un par de anos un pouco estancados, cos nomes de sempre, e de repente aparece isto e remóveo todo», engade, ao tempo que sinala que para os organizadores de festivais é un movemento moi interesante «porque atraen a un público novo e diferente».
Pero ademais dos festivais, a consolidación desta nova escena tamén precisa conquistar outros espazos como as salas de concertos ou as programacións das festas. E niso están. A pasada fin de semana Willow GHZ, Xmaseda e Xián Pais encheron a Sónar de Santiago. E hai un par de meses Ünder & Diego Flaneur protagonizaron un dos concertos das festas de San Froilán.
O dúo lucense, de 24 anos ambos, presentou co seu disco de debut, El último chance, unhas rotundas credenciais. Diego Flaneur confía na solidez desta nova escena porque esta baseada nun grupo de xente «que está facendo as cousas dun xeito moi serio e profesional. E non falo só da música. Tamén dos vídeos, as portadas, a posta en escena... Iso, e o feito demostrado de que hai público, debería xerar confianza nos programadores».
SINAIS DE IDENTIDADE
Unha reposta común asoma cada vez que se lles pregunta a estes rapaces polos sinais de identidade desta nova escena: o sentimento de amizade e de comuñón colaborativa do que todos se senten parte. «Todos compartimos que somos humildes e solidarios. Se sae un rapaz novo que vemos que lle está dando, imos intentar apoialo e subilo. Para calquera cousa que precise, vainos ter a todos. Porque diso se trata, de estar xuntos e ir todos a unha. Iso é o máis bonitos porque ademais estamos unidos pola música, que é a cousa máis importante que temos na nosa vida», expón 9Louro.
Tamén Xmaseda incide na cuestión: «Todos somos amigos e intentamos ir todos aos concertos de todos». Kid Mount engade outro elemento á reflexión: «Isto non é un movemento xurdido dende un selo discográfico nin dende ningunha promotora. Isto xorde da conexión e da conectividade entre nós. É moi difícil conseguir un ambiente tan de confort. E de apoio. Se vai un, imos todos. Cando un sobe dous chanzos, baixa a polos outros».
O certo é que as colaboracións entre eles son infinitas. Todos gravan con todos. Incluso Willow GHZ, que con 28 anos xa ten un pouco máis de experiencia na industria, confesa: «Atoparme con esta xente foi unha marabilla. Facer música ás veces é moi desagradecido porque che falta xente que faga o mesmo que ti, que teña as mesmas preocupacións e os mesmos obxectivos. E eu atopeino nesta xeración, que está claro que supón unha ruptura en canto á estética, á mensaxe e á forma de entregalo».
Precisamente as mensaxes que estes músicos trasladan nas súas letras é outro dos elementos que cohesionan e diferencian a esta nova escena urbana. En contraposición ao trap de hai uns anos, eles non falan de cartos, de drogas, de sexo e de coches de luxo. As súas letras teñen sempre un forte compoñente intimista, sobredose de emocionalidade e nelas abordan cuestións cotiás, os seus soños, anhelos, paixóns e desamores e tamén as súas non poucas frustracións. Unha cuestión clave á hora de explicar a abraiante e intensa conexión que se está a dar entre estes artistas e o seu público.
«Cada un fala do seu», di Xmaseda. «Falamos das cousas que vivimos e que sentimos. Non nos flipamos coas fanfarronadas que se botaban antes». Como di 9Louro nunha das súas cancións: «Todo o que escribo sae do meu peito». E esa é verdadeiramente a sensación que un ten cando escoita a estes artistas, en moitos casos posuidores dunha elocuencia e unha capacidade de evocación impropia da súa idade.
O SON
A que soa este nova escena galega? É complicado definilo porque, aínda que hai varios denominadores comúns —moitas veces propiciados polo feito de traballar cos mesmos produtores—, a propia falta de prexuízos e de complexos destes músicos fai que transiten por sonoridades moi diversas. Aínda que como moitos deles subliña, «todos bebemos das mesmas fontes». Pero é que esas fontes son moitas e variadas. Por sorte, no ámbitomusical, esta é unha xeración allea aos prexuízos e aos complexos. Por suposto, sempre están presentes as bases do hip-hop clásico, pero tamén hai achegamentos á electrónica, aos ritmos latinos e ao pop. «Este son urbano é o novo pop», chega a dicir Diego Flaneur. Aínda así, toda esta policromía sonora é bastante recoñecible e non é difícil identificar cando unha canción pertence a un destes artistas, aínda que non se saiba con certeza a cal.
Aínda que está cinco ou seis anos por enriba da maioría de estes artistas, Peter Petrowski, produtor do Porriño, ten traballado con moitos dos músicos desta formada. «O máis importante desta nova xeración de músicos galegos é que se está chegando a un público novo, á xente para a que, se cadra, este sexa o seu primeiro contacto coa música en galego». Petrowski, que xa ten traballado con artistas de máis longo percorrido, como Mondra, Ezetaerre, O Rabelo ou Hugo Guezeta, está convencido de que «hai algúns músicos desta nova escena que van petar nun ou dous anos». Pero tan importante como iso é que o resto entendan que isto da música «é unha carreira de fondo, que teñan a cautela de non caer en expectativas falsas e que non consideren norma cousas que son excepcionais, como o que está a pasar con 9Louro».
A PRESENZA FEMININA
Se hai un punto escuro nesta nova escena urbana galega é a ausencia de figuras femininas. Fálase de que a medio prazo poden consolidarse proxectos como os de Alddara ou o de Anena, pero de momento non hai nomes de muller en primeira liña.
Nadie González, que dende a súa atalaia dos 32 anos maniféstase encantada do fenómeno —«esta xente merece todo o bo que lles pase»—, atribúe a ausencia nel de voces de muller a que, «obviamente, a nós se nos esixe moito máis para chegar aos mesmos sitios. Segue habendo unha presión moito maior sobre as mulleres». E lembra unha frase que lle escoitou a Judeline nunha entrevista, na que dicía que lle encantaría ser un home para saír ao escenario vestido de calquera forma e cobrar o mesmo. Nadie González apunta o feito de que «as mulleres sempre fomos máis reivindicativas porque tivemos que pelexar polo noso espazo. E iso non é unha boa credencial para entrar en determinados sitios».
Xmaseda tamén considera que se trata dunha anomalía, «sobre todo porque nos nosos concertos hai máis público feminino que masculino». Yuly apunta unca cuestión máis: «Oxalá houbera un underground feminino potente. Así como moitos rapaces van ter referentes musicais nestes artistas dos que estamos falando, é moi importante que as rapazas tamén teñan os seus referentes. Con todo, estou seguro de que se trata dunha situación puntual», conclúe.
OS PROTAGONISAS
9LOURO
O primeiro que soubemos de Martín Louro foi que é irmán de Xanma Louro, guitarrista e cantante de The Rapants. Bastou con escoitar as súas primeiras cancións para testemuña que iso non era máis que una anécdota. A día de hoxe 9Louro e o principal expoñente da súa xeración, un artista ás portas de entrar nos grandes circuítos a base de frescura, honestidade, autenticidade e unhas letras cunha abraiante capacidade de conexión. E todo iso conseguiuno 9Louro con 21 anos e un só disco, Nove Noves, publicado hai xusto un ano baixo a produción de Yuli. Dende entón ten feito colaboracións con practicamente todos os artistas da súa xeración e publicado varios sinxelos. O máis recente, este Cando sea:
KID MOUNT
Ten 21 anos e é de Xinzo de Limia, aínda que xa leva unha tempada vivindo en Compostela. No 2022, con 18 anos, s o seu primeiro álbum: Ben Mal, que acumulou máis de 200.000 reproducións. Pero a súa gran proxección chegou este ano cando veu a luz NeoAmor, un disco producido por Chris Indian que é unha declaración sentimental sen censura e unha viaxe honesta en sete cancións polas distintas formas de amar e tamén polas distintas vertentes da música urbana. Porque como el di nunha das súas máis marabillosas sentenzas, «sentir é revolucionario». Un par de meses despois veu a luz Amor e outras drogas, un epé compartido por unha sorte de dream team: Kid Mount, 9Louro e Yuly. O 16 de decembro publicarase o seu novo sinxelo e alá por marzo do 2026 teremos un epé de Kid Mount.
ÜNDER & DIEGO FLANEUR
Ünder e Diego Flaneur son dous rapaces de Lugo de 24 anos que veñen de publicar El último chance, un deses discos que xa quererían para si artistas de moita máis traxectoria. Un disco no que que soan, asen ningún tipo de prexuízos, ritmos latinos, electrónica, disco e, por suposto música urbana, co trap e o hip hop na súa base. Tamén cunhas letras moi intimistas e moi costumistas, moi apegadas ao cotián. Pero que non sempre van acompañadas de sonoridades tristes senón todo o contrario, forman partes de cancións bailables. Boa proba da súa meteórica proxección foi que este ano xa formaron parte da programación de concertos das festas de San Froilán, na súa cidade. O seu último sinxelo é este Hoxe no volvo, tamén baixo a produción de Yuly.
XMASEDA
Xosé Maseda, de 23 anos e de Viveiro, é outro deses artistas cunha abraiante capacidade de conectar co público. Moito niso ten que ver o que conta nas súas letras, nas que se abre en canle e deixa aflorar todos os seus sentimentos e emocións. «A miña música busca ser fiel ao que sinto, sen adornos e sen máscaras», di. Se por enriba lle engades unha proposta musical desas que se coan directas, xa temos o combo perfecto que vai posibilitar, a bo seguro, que Xosé Maseda sexa un dos nomes máis relevantes desta xeración. Pontes, o seu primeiro disco, é unha proba irrefutable. O ano que ven, no que lanzará outro disco e varias colaboración. Esta mesma semana publicou este Pide máis, producido por Jaunx, outra das figuras claves desta escena:
WILLOW GHZ
Con 28 anos, este artista das Neves di xa se sinte un veterano neste movemento, pero que atopar a esta xeración de músicos foi para el unha marabilla. A súa escola foi o rap máis clásico pero soubo encaixar á perfección con este novo tipo de sonoridades e aportarlle unha matices e unhas texturas moi especiais. Ten gravado xunto a Sky J (outro nome moi presente entre estes artistas), Xmaseda ou Peter Petrowski. De cara ao 2026 di que «vou con todo». En dous semanas sacará o primeiro adianto do seu vindeiro disco. Polo de agora, o seu último sinxelo e este Esperándote.
XIÁN PAIS
A canteira de Muros semella inesgotable. Dende alí chega tamén Xián Pais, un rapaz de 26 anos, reservado, con moita sensibilidade e con non menos talento. Aínda que leva moitos anos fedellando con amigos como 9Louro, non foi ata o 2025 cando publicou o seu primeiro disco, O vento da Ría, un disco centrado nas súas vivencias persoais, con letras, de corte moi intimista e emocional e con todos eses demos xeracionais tan presentes nestes novos artistas. Anos atrás publicara un par de sinxelos en castelán. Ata que escoitou a Willow GHZ e asumiu que tiña moito máis sentido escribir na mesma lingua na que falaba. «Foi un cambio moi positivo», confesa. O seu último sinxelo é este Quedamos para chorar, producido, como non, por Yuly.
NADIE GONZÁLEZ
Nadie González é un dos principais novos expoñentes da efervescente escena do hip hop e do rap de Vigo, da que tantos grandes artistas ten saído nas últimas décadas. Ela di que fai «hip hop blandito», pero o certo é que as súas composición, apoiadas case sempre nas bases de Peter Petrowski, teñen un poder evocador e de sedución enorme. Nunha escena na que claramente faltan voces femininas, a propostas de Nadie González pode aportarlle frescura sen perder intensidade nin compromiso na súa mensaxe. E afastándose dos tópicos máis manidos do xénero. Tras unha temporada dubitativa e chea de incertezas profesionais e persoais, Nadie volcouse por fin en preparar un novo disco, do que di que terá temáticas menos tristes. Nas primeiras semanas de 2026 teremos un adianto dese disco. De momento, o seu último sinxelo é este Troula, gravado coa colaboración de Vimbio.
PETER PETROWSKI
Aos seus 31 anos, o produtor de O Porriño é xa todo un veterano da escena musical galega. Ten traballado con Mondra, Fillas de Cassandra, Hugo Guezeta, O Rabelo, Flow do Toxo…, pero iso non lle impide estar atento, e confesa que incluso fascinado, por toda esta xeración que está chegar. Para demostralo aí están as súas colaboracións con varios dos principais nomes desta escena. Máis de 50 cancións levaron no 2024 a súa sinatura nos créditos. Pero ademais da súa labor no estudo, coincidindo co gallo da súa primeira década ao servizo profesional da música, Petrowski publicou o primeiro disco que asina como propio. All Stars titúlase e nel colaboran moitos dos artistas que ao longo deste dez anos pasaron polo seu estudo. Súa é tamén a produción dun dos temas do último disco de Xmaseda, Xoguetes rotos:
YULY
Quen chegara ata estas liñas estará farto de ter lido o nome de Yuly. Pero, quen é ese rapaz? Yuly é un produtor de Cuntis, ten 24 anos -cunha clarividencia e un di curso tremenda mente maduro- é e o creador do son de 9Louro. Xuntos levan traballando dende os primeiros temas que publicou o artista de Muros. Contan que dende o primeiro momento que coincidiron sentiron que houbo unha tremenda conexión e o resultado diso son todas esas cancións que uparon a 9Louro ao lugar no que se atopa. Ademais de con 9Louro Yuly ten producido temas de Xmaseda, Xan Pais, Kid Mount, Willow GHZ, Ünder & Diego Flaneur e mesmo Ortiga, a quen lle fixo este inapelable rémixe de As mociñas.