Son rap e «nu metal». Tremor de rabia e mordaz sorriso. Guitarras que atronan e «flows» que as temperan. «Comeza o xogo» é a súa carta de presentación
07 feb 2026 . Actualizado a las 22:38 h.Van de cara Vimbio á hora de definir a súa proposta. «O grupo xorde para conxugar o rap coa esencia do metal de finais dos 90 e os primeiros 2000», postulan de entrada. Facelo en galego é xa un elemento diferenciador. Engadirlle non pouca ironía, unha notable dose de indignación fronte á realidade social e algún arrebato de rabia, converten ao primeiro disco de Vimbio nunha proposta certamente singular e descaradamente arrebatadora que, como eles mesmos apuntan, vén achegar ese chisco de «aire fresco que precisaba a escena do metal». O primeiro sopro é Comeza o xogo, o seu disco de debut. A que imos xogar?, preguntámoslle a Jacobo Castro, baixista da banda. «A intentar pasalo o mellor posible, como en todos os xogos. E a tratar de ensinarlle á xente a proposta que temos, que non é algo que abunde agora mesmo. Non hai moitos grupos de rap metal en galego e menos que tomen como referencia o son de hai 20 anos», comenta.
—Eses anos de finais dos 90 e os primeiros 2000 foron a época dourada do xénero?
—Cen por cen. Por iso foi aí onde nos fixamos como proposta ao comezar co grupo. Logo, evidentemente, as demais influencias que cada un temos e cousas novas que imos escoitando acaban impregnando ese substrato de nu metal que tiñamos.
—Cales eran as bandas de referencia naquel momento?
—As que máis nos influíron foron Rage Against the Machine, Linkin Park, Limp Bizkit, System of a Down, Korn... E despois, cousas máis novas, como Turnstile.
—Como está a escena do rap metal en Galicia agora mesmo?
—Pois non hai moitas referencias. Están por aí Arrhythmia e pouco máis.
—Por que cre que está a pasar iso? Tampouco é que sexa un xénero minoritario nin exclusivamente de nicho. Mencionaba antes a Linkin Park e este ano están de cabeza de cartel no Son do Camiño.
—En Galicia, durante un tempo, facer rock en galego estivo relativamente limitado a referentes que tiraban máis polo ska e polo punk, e agora mesmo está claro que o que tira e o tradi mesturado coa electrónica. O que ten que ver con música de guitarras e distorsión quedou un pouco de lado.
—É unha situación reversible?
—Nós pensamos que si. Na música todo é cíclico e pode ser que a partir deste ano comecen outra vez a verse máis grupos rockeiros nos festis.
—A clave pode estar en que a rapazada reconecte co rap metal. Como se consegue?
—Non che sabería dicir. Supoño que traballando con naturalidade, facendo o que a un lle gusta e agardando a que a xente o reciba da mesma forma. E, se non, pois tampouco pasa nada. Creo que se fas algo impostado só co obxectivo de conectar coa rapazada, estás perdido. Posiblemente non o consigas e por riba non o vas pasar ben.
—En «Neste lugar e neste momento» falan do complicado que é sacar adiante unha banda. É un reflexo do que están a vivir co proxecto de Vimbio?
—Non creas. O que nos está a pasar con Vimbio e como nos están saíndo as cousas estame a parecer supercómodo e superorgánico. Non diría que estamos a pasar grandes penurias, se ben tampouco nos puxemos unha meta fixa que teñamos que acadar. Simplemente facemos o que nos gusta e intentamos pasalo ben. E todo o que nos está pasando ata agora é moi positivo, así que pouca queixa.
—No disco hai cancións nas que gaña peso a vertente máis guitarreira e outras nas que se impón a máis rapeira. Como equilibran eses dous mundos para que convivan na súa proposta?
—De xeito totalmente natural. É algo que non é premeditado. O proceso compositivo ás veces nace dun riff de guitarra sobre o que hai que pensar que se canta por riba, e outras xurde de algo máis rapeiro, máis melódico. Non pensamos en se nos falta unha canción máis lenta para meter máis rap ou se nos falta unha canción máis punk... É simplemente o que vai saíndo.
—Este sábado día 7, no Gatos de Melide, comezan a súa xira. Cal é a prioridade de Vimbio de cara a este verán, o circuíto de salas ou o de festivais?
—Nós pensamos que o hábitat natural do noso show son os festivais. Nas salas é onde mellor o pasas porque estás máis cerca do público, pero polo tipo de temas que temos e polo show que preparamos, aínda que en sala tamén vai funcionar moi ben, creo que é nun festival onde máis e mellor podemos mostrar o que facemos.
—Outro dos sinais de identidade de Vimbio son as letras, nas que se aborda a rabia e a crítica social, pero nas que aparece tamén moitas veces o humor.
—Álex [Arnoso] adoita dicir que na súa etapa anterior, en Sondarúa, que era declaradamente política, ese enfoque aparecía en todas as cancións. Vimbio segue tendo temas políticos dos que queremos falar, pero facémolo dende un punto de vista un pouquiño menos serio, máis coñeiro. Abordamos cuestións como a da contaminación, en Pajitas de bambú, ou as inxustizas sociais, en Crise, pero non queremos cinguirnos a falar de política en todos os temas. Non queremos que ese sexa o noso sinal de identidade.
—Nunha canción falan de «amigos que pasaron a ser inimigos». Pasoulles iso? Hai xente que os identifica con outros momentos ou outras etapas e que agora mira a Vimbio con receo?
—Non especialmente. Esa canción enumera unha serie de cousas que cando tes unha banda e tratas de funcionar de forma normal sempre acaban pasando. Ter que ensaiar as fins de semana, locais que en lugar de pagarche un caché, fálanche de que che fan promo, ou que por estar nunha banda durante algún tempo perdas certos amigos. Pero nin esa frase nin esa canción vai dedicada a ninguén en concreto. Non é un axuste de contas nin nada parecido.