Visibilidade para os rostros de doce mulleres sen rostro

Ramón Nicolás

FUGAS

Rosa de Cabanas nunha imaxe de arquivo.
Rosa de Cabanas nunha imaxe de arquivo. M. Souto

Atopamos unha Pepa a Loba cuxo rostro se inspira en Tamara Bunke, unha guerrilleira que loitou co Che. Tamén están nestas páxinas María Balteira, a monxa Exeria, Isabel Zendal, a poeta Avelina Valladares, María Soliña, a raíña Lupa, Ilduara Eiriz, María Castaña, Inés de Castro ou Sancha I de Galicia 

03 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Rosa de Cabanas subscribe unha proposta literaria e visual moi suxestiva na colección Xohán Ledo de Galaxia. Arquitecta, deseñadora gráfica e ilustradora, levou a cabo proxectos artísticos como Mulleres valentes, Mulleres imaxinadas ou Compañeiras, entre outros, que establecen un diálogo inequívoco con este 12 mulleres sen rostro, pois todos se asentan nas temáticas máis transitados pola autora como son a muller e a memoria.

O volume articula un encontro verdadeiramente atraente entre imaxe e texto e nesa interacción artística atopamos un monllo de imaxes de mulleres das que se descoñece o seu rostro, quer porque non quixeron ou puideron retratarse quer porque no tempo en que viviron non resultaba posible. Rostros, así pois, incompletos ou en primeira instancia sen riscos que as individualicen e que reparan en mulleres que foron raíñas, bandoleiras ou revolucionarias acompañadas das súas propias lendas, dos ecos mitolóxicos que as singularizan ou das historias que as rodearon.

Desde esa instancia ofrécese unha nova faciana deseñada en virtude da consulta de diferentes fontes ou por asociacións que ideou a autora, sempre xogando co rostro que se conservou tamén doutras mulleres a carón doutras chiscadelas históricas que axudan a situalas no seu tempo.

Deste xeito atopamos unha Pepa a Loba cuxo rostro se inspira en Tamara Bunke, unha guerrilleira que loitou co Che, ou María Pita, que se asocia a unha miliciana da guerra civil. E así, outros rostros «reconstruídos» e acompañados dun perfil de seu como son os de María Balteira —tan cantada nos textos líricos medievais—, a monxa Exeria, Isabel Zendal, a poeta Avelina Valladares, María Soliña —que foi poetizada con tanta fortuna—, a raíña Lupa, Ilduara Eiriz —cofundadora do mosteiro de San Salvador de Celanova—, María Castaña, Inés de Castro ou Sancha I de Galicia. De todas elas revélasenos un rostro que as saca, cando menos visualmente, desa dupla marxinación que sufriron tanto por ser mulleres como porque foron situadas na periferia da historia. Velaquí un loable e efectivo intento de anular tanto a súa invisibilidade como de rescatalas do océano de esquecemento no que se mergullou a algunhas delas.