As recomendación de cultura galega de... Cristina Pato

FUGAS

Peón e Novás no seu espectáculo
Peón e Novás no seu espectáculo Paco Rodríguez

O espectáculo de Janet Novás e Mercedes Peón, o libro de Ledicia Costas e o de Inma López Silva, o documental de Ugia Pedreira e a exposición do fotógrafo Xan Padrón

31 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O vínculo coa música nun documental que toca a alma, tamén unha obra que fai reflexionar sobre os xeitos de entender o feminismo, e outra profunda novela sobre a vida e as súas circunstancias, a forza dun espectáculo emotivo e cheo de virtuosismo e unha ollada diferente. Niso se centran algunhas das recomendacións culturais da autora Cristina Pato.

Ugia Pedreira, un vínculo humano e artístico entre nai e filla

Cartelera de «Basal», de Ugia Pedreira
Cartelera de «Basal», de Ugia Pedreira

 Basal é un documental dirixido por Ugia Pedreira e realizado por Óscar Górriz, que explora o vínculo humano, sensorial e artístico entre Ugia e a súa filla Lua Awel, que ten parálise cerebral e «unha relación curiosa, espléndida e excelsa» coa música. Basal forma parte do docudisco desta poderosa e orixinal artista, que, a través da súa realidade na diversidade funcional, comparte con nós unha profunda reflexión sobre o poder das artes e a creatividade no xeito que temos de afrontar as nosas vidas.

Inma López Silva e os diferentes xeitos do feminismo 

Portada de «Escola de mulleres», de Inma López Silva
Portada de «Escola de mulleres», de Inma López Silva

«Escola de mulleres»,chea de ironía, e cun coro de sabias integrado por María Casares, Zelda Fitzgerald e Simone de Beauvoir, que van comentando cada un dos movementos da protagonista, esta novela da sempre fascinante Inma López Silva, é unha desas obras que fan reflexionar a unha sobre os diferentes xeitos que temos de entender o feminismo a través de Gloria, unha profesora de universidade que transita por unha realidade vital complexa que a leva a tomar unha radical decisión para sacar adiante o seu soño de abrir unha libraría.

Ledicia Costas, unha reflexión profunda sobre a vida e as circunstancias

Portada del libro «Golpes de Luz», de Ledicia Costas
Portada del libro «Golpes de Luz», de Ledicia Costas

Nun momento de «Golpes de luz», esta fermosa novela interxeracional de Ledicia Costas, Xulia, unha das súas tres protagonistas di: «Podes pasar a vida metida dentro da túa propia matrioska, cos ollos pechados aos outros mundos que pivotan arredor do teu. Negándote a esas realidades que están aí». Unha cita que, dalgún xeito, define esta obra, unha profunda, tenra e amena reflexión sobre a vida e as súas circunstancias, sobre os coidados, e sobre as verdades que nunca chegan a ser contadas dentro dunha familia.

Janet Novás e Mercedes Peón, dúas forzas da natureza

Peón e Novás no seu espectáculo
Peón e Novás no seu espectáculo Paco Rodríguez

Este xullo, durante a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, asistín á última función desta performance na que estas dúas grandes artistas da creación sonora e do movemento conversan nun diálogo cheo de forza, emoción e virtuosismo. Mercedes Peón e Janet Novás, dúas forzas da natureza, unidas nun fermoso espectáculo difícil de definir en poucas palabras, cargado de simbolismo e inspiración, que amosa un xeito diferente de entender o escenario como un laboratorio de creación en vivo.

A ollada de Xan Padrón 

A obra de Xan Padrón no Obama Presidential Center de Chicago
A obra de Xan Padrón no Obama Presidential Center de Chicago

«Time Lapse», a obra do fotógrafo Xan Padrón forma parte da instalación Power of Words do recentemente inaugurado Obama Presidential Center, en Chicago (IL, EUA). Cunha selección de tres das súas fotografías da icónica serie Time Lapse, esta instalación permanente, de vinte e sete metros de altura, destaca «o poder das voces e da expresión individuais e colectivas» a través de vídeos e documentación da era Obama, intercalados con intervencións artísticas coma as de Padrón (que tamén é o meu compañeiro de vida).