Tanxugueiras: «Precisabamos pedirnos perdón a nós mesmas, e fixémolo»

FUGAS

Olaia Maneiro, Aída Tarrío e Sabela Maneiro comezan o outono co reto de volver encher o Coliseum dende unha perspectiva moi diferente á do 2023.
Olaia Maneiro, Aída Tarrío e Sabela Maneiro comezan o outono co reto de volver encher o Coliseum dende unha perspectiva moi diferente á do 2023.

O concerto do 17 no Coliseum da Coruña é a súa gran reválida. Xa non resoarán os ecos do Benidorm Fest. Ao contrario, a proposta actual de Aida, Olalla e Sabela supón unha volta á súa esencia, á raíz e á tradición

02 oct 2026 . Actualizado a las 14:06 h.

Se o Benidorm Fest supuxo un punto de inflexión na carreira de Tanxugueiras, a publicación de O cuarto non o foi menos. Aida Tarrío (Ribeira, 1997) e Olaia e Sabela Maneiro (Santiago, 1990) enfróntanse ao reto de volver encher o Coliseum coruñés dende unha perspectiva moi diferente á do 2023. «O outro Coliseum foi moi especial para a xente porque era a primeira vez que un grupo cantando en galego enchía aquel recinto. Este entendémolo como a confirmación de que estamos conseguindo o que máis difícil é para un grupo: manterse. E ademais conseguímolo retornando á nosa esencia, porque temos a sensación de que na época de Diluvio perdemos un pouco o norte e incluso o lazo coa tradición. Por iso en O cuarto o que máis nos importaba era volver reconectar con iso», comentan.

—Que parte de vostedes descubriron que estaban perdendo?

Sabela. Estabamos perdendo moitas cousas, pero a máis importante é que perdiamos a ilusión de subirnos ao escenario e de compartir a nosa música. Precisabamos pedírnos perdón a nós mesmas e con este disco fixémolo.

—E perdoáronse?

Aida. Penso que si. Eu creo que estamos no noso mellor momento. Pero pasamos algúns moi chungos nestes últimos catro anos. Chegou un momento no que dicíamos: «Quen vai querer un novo disco noso, quen vai querer escoitar a nosa música?

—Chegou a haber algún momento no que dixesen «Isto xa non paga a pena»?

Olaia. Non, pero estivemos preto diso.

Sabela. Nunca houbo aquilo de dicir: «Isto remata xa e adiós». Pero si que pensabamos: «Nós empezamos nisto porque nos gustaba e o pasabamos ben. O foco era levar a música e a lingua galega a canto sitio puidésemos. Pero se chega un momento no que a algunha de nós, polo que sexa, non lle fai feliz, isto non ten sentido».

Olaia. A nós matáronnos como grupo 40 veces. E ningunha das 40 foi real.

Sabela. Fomos moi xenerosas entre nós e moi valentes para falar dos egos, do que nos doía, do que queriamos e do que necesitaba cada unha. E fomos capaces de poñer todo iso en común e sacar algo en positivo.

Aida. Nestes anos aprendemos que non queremos ser famosas nin estar conseguindo fitos cada dous por tres. O único que queremos é vivir dignamente da música e estamos moi ben no punto no que estamos agora, no que a ninguén lle importa a nosa vida persoal nin ninguén está mirando con lupa cada cousa que facemos.

—Nunha entrevista no 2018 dixéronme: «Non cremos que sexamos salvadoras de nada e moito menos da música tradicional. Pode que sexamos o comezo de algo».

Aida. Obviamente, o noso grao de area deixámolo, pero sempre nos acordamos da xente que realmente o pasou mal para que nós puidésemos dedicarnos á música. Sexan Leilía, que dignificaron as pandeiretas, Guadi Galego, Mercedes Peón ou Rozalén, que nos axudou moito nos peores momentos destes dez anos.

—Agora mesmo que lles daría máis medo perder: público, liberdade ou ganas?

Olaia. As ganas e a liberdade.

Aida. Eu, a liberdade.

Sabela. A liberdade nunca a perdemos.

—Despois do intento de boicot que sufriron en Palencia, mídense máis no que din?

Olaia. Non nos medimos no que queremos dicir; iso dicímolo claramente, pero si nas palabras que utilizamos, para non alimentar polémicas innecesarias dende o odio e tamén para coidarnos. Hai momentos nos que o que che apetecería é prenderlle lume a todo, porque somos mulleres de moito carácter, pero reflexionas e dis: «Non, o que quero é transmitir positividade para achegar algo de luz a todo isto».

Aida. Nós temos claro que co feito de non posicionarse xa te estás posicionando e nós non queremos ser ese tipo de grupo.

—«O Cuarto» é un disco que elude o «hit»?

Olaia. Queriamos que fose un disco que camiñase dunha maneira orgánica e que houbese fíos condutores que conectasen unhas cancións coas outras.

Aida. Metéronnos tanto na cabeza que había que facer hits para chegar a non sei onde e ter millóns de reproducións que cando chegou o momento de facer O cuarto dixemos: «Queremos facer un disco repousado e que de verdade sexa noso». Non como nos pasou con Diluvio, que foi un disco que non o desfrutamos. Era todo o rato estar na roda. Con este buscabamos que dentro de dez anos escoitemos o disco e digamos «Que contentas estamos do disco que fixemos». E o mesmo pasounos co directo. Non montamos os concertos coa expectativa de ir a un festival e que a xente estea saltando todo o tempo. Todo o contrario, buscamos que unha vez que empece o concerto a xente se sinta parte del e ao rematar nos digan: «Nesta hora e media esquecinme de todos os males». E estámolo conseguindo.

—No século XX había a sensación de que a tradición era conservadora e agora semella que poucas cousas pode haber máis revolucionarias que a tradición.

Olaia. Como non vai ser revolucionaria se o que se cantaba era todo o que non se podía expresar falado! Eu cousa máis revolucionaria que a tradición non a coñezo.

Sabela. É revolucionaria e absolutamente moderna. Coma nós, que somos rapazas de aldea e podemos estar na gala máis cool, pero eu chego á casa e ábrolle ás galiñas e limpo os currais.

Aida. Algo do que nos sentimos moi orgullosas é de poñer a figura da pandereteira por fin enriba da mesa. Antes do Benidorm Fest a música tradicional galega estaba moi relacionada coa gaita e a pandeireteira perdíase un pouco, cando a pandeireteira é a figura máis importante da música tradicional. Se as mulleres non tocaban a pandeireta, ninguén bailaba.

—Díxome nunha ocasión Xabier Díaz que o pandeiro é unha arma revolucionaria.

Aida. E a pandeireta aínda máis, que fai máis ruído.

Olaia. Todos aqueles instrumentos pobres que se tocaban nas foliadas son armas revolucionarias, claro que si.

—Na relación persoal que teñen entre as tres, que rol xoga cada unha?

Aida. Algo que se lle dá moi ben a Tanxugueiras é coñecer as limitacións e as fortalezas de cada unha e saber utilizalas ben. Sabela é a da burocracia. Por sorte, porque se a parte administrativa dependera de Olaia e de min, estabamos no cárcere [rin].

Sabela. Todas achegamos en todo, pero Olaia é a persoa que nos une, porque Aida e eu querémonos moito pero tamén nos matamos moito. E tamén é a que se encarga da parte artística, porque ela é pura arte e puro sentimento. E Aida é máis creativa e a máis rápida na parte da musicalidade.

—Que parte da industria musical borrarían dunha plumada?

Aida. A min a industria chúpame un pé, pero borraría as estatísticas e os números.

Sabela. Se ti lle preguntas a alguén que é o básico para sacar adiante un proxecto musical, a maior parte da xente vaiche dicir que un manager ou unha axencia de produción. E non, non os necesitas. O que necesitas son cancións. E ir abrindo e percorrendo o teu camiño pouquiño a pouco.

Olaia. Necesitas alguén que che diga realmente como funciona a industria. Ten coidado con isto, non precisas iso, preocúpate disto outro... E que che ensine a ir pasiño a pasiño. Non queiras chegar á meta antes de tempo porque a vas cagar.

Aida. Eu da industria musical borraría a toda a xente á que non lle gusta a música. E con iso, por desgraza, eliminas o 70 % da industria. Hai moitísima xente traballando á que a música e a arte se la refanflinfla. E iso é o que realmente mata os proxectos musicais.

Olaia. As axencias teñen que ter claro que son elas as que traballan para o artista, non o artista o que traballa para elas.

Sabela. E coidado, que despois aínda che din: «Non te queixes, que grazas a min estás onde estás». Non, colega, non te equivoques. Estou onde estou a pesar de ti.

Aida. Se lle tivese que dar un consello a alguén que estea empezando, eu diríalle: «Fíate de aquel a quen cando lle ensines as túas cancións che diga: ''Buah, que tema máis chulo" e non de quen che prometa que vai facer que ese tema sexa o máis grande do mundo».

—Que canción de Tanxugueiras é a que máis lles representa a día de hoxe?

Sabela. Conmigo.

—E a que menos?

Aida. Aire.

—Unha cousa que o éxito lles deu?

Aida. Madurez

—E algo que lles quitara?

Sabela. Tranquilidade.

—Unha cousa que aínda non se atreveron a facer?

Sabela. Un Balaídos ou sitios así tan sumamente grandes.

—Unha mentira que se conta sobre a tradición?

Aida. Que é moda.

—Completen a frase: O que a xente de fóra de Galicia segue sen entender da nosa cultura é...

Sabela. É que entenden moitísimo. Ás veces incluso máis que aquí.

Aida. Fáltanos ser universais. Por exemplo, cando se fala de Lorca, fálase como unha figura universal pero cando se fala de Rosalía, limítana a Galicia. E creo que Rosalía é universal e que a nosa cultura tamén pode ser universal como ela.

—Como vai ser ese concerto no Coliseum?

Sabela. Nós cremos que vai ser espectacular. Estamos traballando día e noite para que iso suceda.

Aida. É a festa de aniversario das Tanxus. Cumprimos dez anos. Así que imos cantar cancións de hoxe, mañá e sempre. Teremos colaboracións como as de Valeria Castro e María José Llergo e algunhas que non queremos descubrir, porque hai unha que é moi icónica e que a xente está agardando desde hai moitos anos.

Olaia. Sobre todo, creo que o que a xente e nós mesmas imos atopar vai ser unha celebración en comunidade. E vai ser moi emotivo.

  • A CORUÑA. COLISEUM. SÁBADO 17. 21.00 H. DENDE 23,76 EUROS

Sabela. O meu consello sería: «Asesórate ben e non asines nada do que non teñas unha certeza absoluta, porque o máis probable é que esteas vendendo a túa alma ao diaño».