Novela policial con atmosfera ferrolá

Ramón Nicolás EX UMBRA IN SOLEM

FUGAS

Henrique Dacosta, en una imagen de archivo, con otra de sus obras.
Henrique Dacosta, en una imagen de archivo, con otra de sus obras. CESAR TOIMIL

Teño para min que non é difícil rastrexar certa querenza por parte do escritor ferrolán Henrique Dacosta en tecer conflitos argumentais outorgándolle especial atención ao suspense, polo que este goza sempre dun tratamento moi aquilatado.

En Mortes con argumento cobra unha especial relevancia un modelo narrativo policial onde a intriga domina todas e cada unhas das súas partes ou sub-tramas articuladas coma se deseñasen unha arañeira densa, con múltiples fíos que se enguedellan á mantenta e que cobran cabal sentido á finalización do libro. Dacosta entende o xénero como unha posibilidade a través da que resignifica moitos aspectos do noso tempo e faino, ademais, cunha orientación claramente sincrética.

Se a presenza de expresións lingüísticas propias da área ferrolá imprimíalle un carácter particular á obra narrativa do autor, nesta entrega segue tripando estes camiños e converte tamén o territorio da Ferrolterra nun espazo que comparte protagonismo cun heteroxéneo conxunto de personaxes sobre os que recae a responsabilidade de soster o relato no seu conxunto. Ao pouco de iniciar a lectura advírtese como a proposta se proxecta máis alá dos dous asasinatos que se intentarán resolver grazas ás pesquisas dun equipo de investigadores conformado polas figuras solventes dos inspectores Iria Arnoso e de Félix Couñago. Velaí, daquela, as consecuencias que comportan os parques eólicos nos nosos montes e no mar; a relevancia depositada na etnografía e na antropoloxía como trazos da nosa identidade tal e como simbolizan os lugares de Vilarquinte e Pena Molexa coas súas lendas; a metaliteratura, pois tamén atopamos un autor de sona en pleno período de seca creativa que encontra nos asasinatos certa solución aos seus problemas; un universo pouco tratado literariamente como é o do parapente; o sempre necesario cultivo da memoria ou eses dous pescadores que aínda traballan, malia todo, a xeito artesanal e que fan pensar nalgunhas desas artes de pesca xa case desaparecidas.

Unha proposta densa, mais que sabe termar con habilidade do interese para manter a chama da curiosidade acesa ata as páxinas finais. A nosa benvida a unha novela policial coma esta.