Paira, nesta novela de Alberto Lema, premio Xerais deste mesmo ano, unha conxunción de elementos que abrazan motivos como son a memoria democrática, o poder, a capacidade de superación, a identidade ou a violencia entre outros. Lema posibilita que viaxemos desde a función que a resistencia armada tivo contra o franquismo, alimentada polo sentido da ética e da perda, ata os tempos da posguerra servíndose de dúas figuras como son un maquis, Isidro Legazpi, e Rebeca, a curmá deste último e amante súa. Coa figura de Legazpi van aparecendo diversos estamentos do círculo económico que, dalgún xeito, simboliza esta figura viaxando por diversos lugares de Galicia onde os seus proxectos económicos, disfrazados da necesaria modernización, e nomeadamente a construción de encoros como o de Belesar, articulan o eixe do conflito narrativo centrado nesa tensión inherente entre a modernización, o falso progreso e a desaparición de formas de vida tradicionais, a carón do que significa a destrución da paisaxe. Un conflito articulado grazas a unha estrutura fragmentaria ben acaída ao adaptarse á necesidade de dar voz ás diversas perspectivas que se ofrecen sobre o poder e a resistencia como xa se dixo.
Sobre Belesar, en efecto, existen diversas libros como o de Afonso Eyré (Belesar. O orgullo de España), onde se fala da intrahistoria da construción deste encoro e as súas terribles consecuencias para as persoas que vivían no lugar onde se erixiu, alén dos intereses económicos que campaban na época polo que non é difícil ver detrás do Legazpi desta novela unha figura histórica ben coñecida, moi poderosa económica, política e socialmente como tamén ocorre co que se agocha tras López Font, recoñecible con facilidade como outro ministro franquista. A novela, finalmente, felizmente esixente, tamén intenta que a lectora ou o lector sexa quen de establecer unha sorte de conclusión sobre os feitos de explotación e dominio relatados e sobre o asunto de se é, ou foi, posible o progreso das persoas sen transformación ou, nalgúns casos, sen destrución. Cales foron as derrotas e cales as vitorias, se as houbo.