Xornada de caza maior dun Arousa á procura dunha besta ferida

FUTBOL GALLEGO

MONICA IRAGO

Os de Jorge Otero visitan a un Barco en caída libre e en cadro o día do cruce entre os catro equipos empatados a 57 puntos

22 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

C.D. Barco-Arousa (Calabagueiros, 18 horas), e Somozas-Alondras (Alcalde Manuel Candocia, 18 horas). A trixésimo cuarta xornada de Liga da Terceira División está chamada a marcar diferenzas na recta final entre os catro equipos que con 57 puntos perseguen o Racing Vilalbés, terceiro con 60, na carreira de fondo por acceder á vindeira fase de ascenso á Segunda B. Unha xornada de caza maior na que ao conxunto que dirixe Jorge Otero lle toca abater a unha besta ferida, cos perigos que iso leva aparellado. 

Sete puntos dos últimos 27 en xogo, e case tres meses sen coñecer o triunfo como local, concretamente, desde que o 28 de xaneiro superaba en Calabagueiros o Silva 3-0, falan dun Barco candidato á promoción en plena depresión xusto no momento no que toca dar o do de peito. Algo que si está a facer un Arousa que tan só perdeu un dos seus últimos 19 partidos, isto é, o equivalente a media tempada, podendo presumir de chegar ao derradeiro mes de competición como único cadro invicto no seu propio campo.

Tras a caída libre na que semella instalado o C.D. Barco, mitigada ata a semana pasada polo seu importante colchón de puntos, que o mantivo once xornadas coma terceiro clasificado -hoxe é quinto tras o Somozas-, atópase os graves problemas de efectivos do conxunto ourensán. Cun corpo técnico e unha directiva que apostaron por un plantel de enorme calidade, cheo de xogadores do Bierzo con currículo en superiores categorías, pero de reducido número de xogadores. As baixas estánse cebando coa zaga do Barco, co seu técnico, Javi Rey, tendo que retrasar a dous mediocentros de contención como Peli e Cassio e o extremo Tato para acompañar na defensa o multiusos Cristóbal unha semana atrás fronte ao Céltiga. Tres goles illense nos primeiros 20 minutos de xogo, e unha derrota final por 3-2, foron a derivada.

Jorge Otero, que si dispón dos seus 18 efectivos, con Batallón e con Carlos Torrado como descartes, consideraba onte irrelevante o momento do Barco á hora de encarar o Arousa o seu compromiso. Nun campo grande, semellante á Lomba, pero en moito mellor estado, o técnico arlequinado salienta que unha semana máis a clave para o seu equipo é «ser intensos, profundos, e manter un ritmo alto». E nesta ocasión, «ter moito coidado coa transición do Barco, moi rápida con xente coma David Álvarez, Rubén García, Raly Cabral ou Ivi Vales».