Ana Miranda: «Na UE temos entrega total na defensa dos problemas do país»

Mario Beramendi Álvarez
m. BERAMENDI SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

BENITO ORDOÑEZ

A representante do BNG en Bruxelas advirte do retroceso social e da crecente precariedade laboral

24 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Tomará posesión do seu escano no Parlamento Europeo o próximo 28 de febreiro e alí estará ata o final da lexislatura, en maio do 2019. Ana Miranda (Cuntis, 1971) toma o relevo de Josu Juaristi dentro da coalición Los Pueblos Deciden, na que foi o BNG.

-Que se pode facer por Galicia nas institucións da UE?

-Moito. Hai moitas cousas que se deciden en Bruxelas e que nos afectan. Poño un exemplo: en materia pesqueira, cando foi a prohibición do xeito, resolveuse porque alertamos do impacto. E poderiamos falar de máis cousas.

-Por que se non está o BNG en Bruxelas Galicia non ten voz en Europa?

-Foi un lema de campaña. Nós levamos un traballo constante alí. Quero lembrar o alcume que me poñen alí, o de Madame Galice. Iso quedou. Hai unha asociación entre o traballo feito e a defensa dos temas galegos. Non é que nós digamos que os demais non fagan nada ou deixen de facer.

-Entón?

-O que nós queremos dicir é que en Bruxelas temos unha entrega total aos problemas do país, de Galicia. Non dependemos de centros de decisión en Madrid nin temos que dar contas nin facer disciplina de voto, porque en lugar do porto de Vigo hai que coller o porto de Canarias, como lle pasou neste caso ao PP.

-En que vai centrar o traballo?

-Os eixes serán a defensa dos sectores produtivos, a defensa de dereitos e liberdades e a problemática do medio ambiente. Imos estar nesa comisión e na de pesca, que é un gran logro. Hai tamén un clamor contra a precariedade laboral.

-Máis en concreto, que iniciativas vai presentar?

-Primeiro, continuar até o final co tema do Alvia: despois do informe da Axencia Ferroviaria Europea, agora a comisión ten que facer un informe sobre se houbo medidas no control de riscos. Temos documentación que demostra que non. Imos chegar até o final. Tamén imos traballar na defensa da sanidade pública e das pensións galegas, sobre as que presentaremos un informe. Bruxelas está a marcar as directrices que inflúen no feito de que haxa máis recortes e pensionistas cada vez máis pobres. Están as culpas repartidas con Madrid. Hai unha forte baixada da renda e das condicións de vida coas directrices marcadas pola UE. Galicia ten as segundas pensións máis baixas do Estado.

-Como ve o BNG de cara ás municipais do 2019?

-Está reforzándose coa idea non só de manter o que xa temos, senón de entrar nas cidades onde non temos representación. Hai unha estrutura que está a traballar moi duro ante un gran reto onde temos que botar todos os folgos. As municipais tamén van coincidir coas eleccións europeas.

-Cre que o Bloque pode recuperar o voto que marchou para as mareas despois destes anos de xestión nas cidades?

-Hai unha cuestión que convén non esquecer: os votos non son de ningún partido político, o voto é da persoa e fai con el o que considera, faltaría máis. En todo caso, sobre as expectativas do Bloque de cara ás municipais, xa o dixo a nosa portavoz nacional, Ana Pontón: imos ir a por todas e temos o aval do excelente traballo nos concellos onde gobernamos, con proxectos transformadores tanto no rural como no urbano, demostrando con feitos que temos alternativas reais para os cidadáns.