Xurxo Hervada: «A gripe é bastante impredicible, pero a vacina debería funcionar ben»

Elisa Álvarez González
elisa álvarez SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

SANDRA ALONSO

Se os prognósticos se cumpren, circulará o virus pandémico e será unha onda media en duración e intensidade, según o subdirector xeral de información sobre a saúde do Sergas

22 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Poucas persoas deben de saber tanto da gripe en Galicia como Xurxo Hervada, que ano tras ano analiza ondas, virus e cepas. Di que se se comporta como o fixo no hemisferio sur, a deste inverno será unha gripe media en duración e intensidade.

-Como virá a gripe este inverno?

-A gripe é bastante impredicible, pero o que sabemos polo que pasou no hemisferio sur é que foi mediana, nada esaxerada en duración, nin moi longa nin moi intensa no pico. Circulou sobre todo o virus pandémico, o H1N1, o que significa que fai aumentar un pouco a incidencia en adultos de mediana idade, porque parece que ten unha maior afinidade con xente de entre 40 e 60 anos. Pero, como sempre, os máis afectados son as persoas maiores e os nenos pequenos.

-Haberá menos mortalidade ao non afectar tanto aos maiores, que son máis febles?

-Podería, pero hai que velo. Ademais, iso sería se só circulase o H1N1, pero tamén circularán os virus B e o H3N2. De momento sabemos que polo hemisferio sur circularon as cepas que están incluídas na vacina, polo que, aínda que a gripe é impredicible, a vacina teoricamente debería funcionar bastante ben.

-A desta tempada será entón unha vacina máis eficiente?

-Parece que é o esperable, porque de momento a coincidencia é total.

-Hai novidades este ano?

-A principal é que imos utilizar unha vacina tetravalente, que protexe fronte a dous virus B e dous A. Ímola utilizar coas embarazadas e os menores de 15 anos que pertencen a grupos de risco, co obxectivo de ter maior eficacia en poboación digamos socialmente moi valorada.

-Sempre se fala dos mortos que causa a gripe: son centos?

-En realidade a mortalidade por gripe é estimada, nunca son números exactos. Faise unha estimación analizando a sobremortalidade que se produce durante a onda epidémica. Por exemplo, se teoricamente tiñan que morrer mil persoas nesa tempada e morren 1.500, hai unhas 500 vítimas que se poden atribuír de maneira directa ou indirecta á gripe. A nivel global en Galicia o número mínimo que se lle atribúe é de 400 mortes, poden ser 500 ou 600, dependendo do ano, pero son máis das 251 que aparecen no balance, porque esas son só as persoas nas que se comprobou que tiñan o virus.

-Xa circula o virus?

-Practicamente non, hai casos illados, un cada quince días.

-Cando empezará a circular?

-A mediados de novembro empézanse a identificar virus con algo máis de frecuencia, de xeito esporádico, pero aínda deben pasar bastantes semanas ata que vexamos que empeza a formarse a onda en forma de campá.

-E a onda cando chegará?

-Aínda tardará máis, unhas seis ou oito semanas desde o nivel basal para que poidamos dicir que comezou a onda.