Mayra García, alcaldesa de Trabada: «Quero aproveitar esta corrente e que veña o maior número de familias»

José Francisco Alonso Quelle
José Alonso TRABADA / LA VOZ

GALICIA

Mayra García, alcaldesa de Trabada
Mayra García, alcaldesa de Trabada Xaime Ramallal

Nun só día 16 persoas de varias comunidades interesáronse por ir vivir cos seus fillos ao concello lucense

10 jul 2019 . Actualizado a las 20:50 h.

O pulso cotián do concello lucense de Trabada (1.121 habitantes) axitouse onte. A oferta da alcaldesa, a socialista Mayra García (Trabada, 1988), de vivenda gratis e traballo para as familias que escolaricen a dous ou máis cativos de 3 a 6 anos, provocou que durante todo o día de onte non parase de recibir chamadas. Unha proposta, a súa, que persigue non perder unha aula de infantil no CEIP Celso Currás, para o que necesita que se matriculen este mes cando menos catro nenos máis. A media tarde de onte, Mayra García facía reconto: «Chamaron 16 familias, da Coruña, Ourense, Lugo, León, A Rioxa, Madrid, Cidade Real..., e tamén da Mariña, de Barreiros, e xente de varias nacionalidades: venezolanos, colombianos...».

-E agora?

-Tomamos nota, e ás familias que reúnen os requisitos, que son tres, imos chamalas esta semana, para entrevistármolas a traballadora social, a directora do CEIP e mais eu, e podermos coñecer a súa situación. E co resto, e cos que chamen, imos contactar tamén, porque quero aproveitar esta corrente que se xerou e que veña vivir a Trabada o maior número de familias posible, cun programa máis ambicioso de asentamento familiar estendido no tempo, máis aló da prioridade, que é que non peche a unidade de infantil no CEIP.

-Pero terán un máximo de vivendas gratis e de ofertas de traballo?

-Vivendas temos dúas xa dispoñibles, en Sante e Trabadela. Tamén temos dúas vellas escolas xa rehabilitadas, que só habería que acondicionar. E tamén pensamos en arrendar, porque no rexistro de vivendas baleiras de Trabada temos 141 anotadas. De ofertas de traballo, a empresa Blanco Villar contrataría a tres persoas. Pero en Trabada o traballo non é problema, porque hai sectores con demanda, como a agricultura e a gandaría; temos tamén un sector forestal moi potente con demanda laboral, a fábrica de laminados... En Trabada, querendo, hai traballo.

-Sorprendida da resposta?

-Si. É certo que ante unha situación límite coma a nosa, na que precisamos lograr matrículas escolares en vinte días, fas ofertas case á desesperada, pero con todo non esperabamos esta resposta, visto o número de chamadas que tivemos nun só día. Sería unha mágoa non aproveitala, e imos poñer todo da nosa parte para facelo.

-Parece que deu coa solución a un problema endémico de Galicia, combater o despoboamento, aínda que sexa a base de ofrecer traballo e casa.

-Dende os concellos pequenos é moi difícil frear en solitario a perda de poboación. Axudas á natalidade, á contratación, para a conciliación familiar... ao final son insuficientes, se ben estas políticas hai que valoralas a medio e longo prazo. Dende logo ter un posto de traballo é fundamental, e, vista a repercusión que tivo a nosa oferta, unha solución pode estar na colaboración da empresa pública, que ofreza traballo, e a Administración, que garanta os servizos e, se pode, ofreza vivenda gratis un tempo. En Trabada hai traballo, e os servizos ímolos poñer nós, coma ata agora.