«Máis que o mellor Xacobeo da historia, queremos a mellor Galicia da historia»

Juan María Capeáns Garrido
juan capeáns SANTIAGO / LA VOZREDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

El conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, en el Museo das Peregrinacións de Compostela
El conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, en el Museo das Peregrinacións de Compostela XOAN A. SOLER

O responsable do departamento autonómico que organiza o evento do 2021 quere estender o efecto ata o 2032

10 sep 2019 . Actualizado a las 20:44 h.

O Goberno galego modificou a súa estrutura hai dez meses para darlle máis poder cultural a Roman Rodríguez (Lalín, 1968), cunha misión tan concreta como complexa: organizar «o mellor Xacobeo da historia».

-Nota xa a presión?

-Vimos de once anos sen Xacobeo, e abrimos un ciclo co dos anos 2021, 2027 e 2032, que constitúen unha oportunidade para mellorar a vida dos galegos; por iso traballamos a longo prazo, sen unha visión partidista e sen pensar no inmediato. Temos unha oportunidade fantástica neste ciclo de xerar unha dinámica económica, pero tamén de afondarmos no orgullo de ser galegos. O Xacobeo é unha marca recoñecida en todo o mundo e sen efectos nocivos. Se asociamos o país a esta marca e aos valores do Camiño imos deixar fixada unha boa senda.

-Como imos saber se estamos ante o mellor Xacobeo da historia?

-Máis que o mellor Xacobeo da historia, queremos a mellor Galicia da historia. O Xacobeo é so unha panca para avanzar nesa liña, e iso non é cuestión dun Goberno. É esa idea de facer país como colectividade a que permitirá construír a mellor Galicia da historia.

-Como vai transcender máis aló do 31 de decembro do 2021?

-Tivemos unha mala experiencia organizando un Xacobeo 2010 de emerxencia, porque non había nada feito, e agora estamos ante un que mira ao futuro. O 2021 ten un prexacobeo, no que xa estamos traballando, e un posxacobeo, pensando no 2027. Non queremos que sexa flor dun día, queremos un proxecto de país, con futuro máis alá dun ano, e que as secuencias positivas sigan no tempo.

-Hai risco de que o fenómeno Xacobeo, por veces masivo, poida resultar disuasorio?

-Afortunadamente, nos últimos anos sempre houbo un incremento de peregrinos, e hai unha cousa interesante, porque cada vez máis chegan fóra dos meses de verán e de países estranxeiros: son xa case un 60 %. Estamos ante unha experiencia de enorme recoñecemento mundial. Fíxese, hai un dato importante na enquisa do plan estratéxico que di que o 98,7 % das persoas o recomendan, son prescritores e eles mesmos regresan como turistas ou fan outro Camiño distinto. Interesa o pico do 2021, pero moito máis que despois se manteña e que sexa unha fonte de creación de riqueza, sobre todo nas comarcas rurais.

No estranxeiro o que se coñece é o Camiño, é a nosa identificación no mundo»

-Hai once anos de distancia co último Xacobeo. Mudou moito o xeito de organizalo?

-A sociedade cambiou moitísimo, as inquedanzas mudaron. Hai moitas xeracións novas que nunca viviron un Xacobeo; houbo cambios de comportamentos marcados pola crise; novos valores, como o medio ambiente e a igualdade; a forza das redes sociais, que non tiñan no 2010 o mesmo peso na forma de comunicar... Todo iso obriga a ter un discurso novo. Obviamente, partimos dunha base con moitas cousas positivas e que funcionan, pero introdúcense conceptos tras unha década de moitos cambios sociais.

-Como respiran as empresas privadas e os patrocinios?

-Teñen expectativas moi positivas, hai moita confianza nas empresas turísticas de Galicia, máis que nas do resto de España. E temos elementos esperanzadores, como a chegada do AVE ou a declaración da Ribeira Sacra como patrimonio da humanidade. O sector mobiliza o 10 % do PIB e o 11 % de emprego, e cada vez hai maior presenza en todos os meses do ano. E tamén hai interese nos patrocinios, porque as firmas queren unirse a unha marca sen contraindicacións.

-Cal é marca máis poderosa, o Xacobeo ou o Camiño?

-En Galicia e España hai un coñecemento total do Xacobeo e do Camiño, pero no estranxeiro o máis coñecido é o Camiño, é moi potente. É un dos elementos identificadores de Galicia no mundo.

-Hai complicidade no resto de España.

-Galicia actúa como locomotora, pero todas as comunidades perciben a oportunidade.

«A descentralización será fundamental,é un dos piares do plan estratéxico»

As diferentes rutas pasan por máis dun terzo dos municipios galegos, pero Rodríguez aposta por levar o Xacobeo a todo o territorio e «coidar o local».

-Falamos dun proxecto integral para Galicia, e pensamos que a descentralización será fundamental, un dos piares do plan estratéxico que presentamos esta semana. Obviamente Santiago é o punto de referencia, e os concellos do Camiño teñen maior implicación, pero toda Galicia vai sentir a forza do Xacobeo. De feito, moitas propostas que chegaron a través da participación non son nos concellos do Camiño.

-Os alcaldes colaboran?

-Si, os alcaldes e os empresarios, porque eles tamén aprecian que unha das fontes da ocupación hoteleira é o Camiño, e a maioría das inversións ?ata 247 millóns? quedarán no territorio.

-Hai lugares galegos que mudaron completamente estes anos.

-Os peregrinos son respectuosos, teñen compromiso coa paisaxe, queren aprender, e cada vez teñen máis capacidade de gasto, por iso hai unha dobre vertente, a experiencia e o dinamismo económico.

-Que tal levan as relacións coa Igrexa e co alcalde de Santiago?

-Se hai Xacobeo é porque hai ano santo, non podemos obviar nunca o feito relixioso, pero a Igrexa tamén entende que cada vez é máis unha experiencia ecuménica. E con Santiago hai unha liña de colaboración moi positiva, terá un papel esencial e esperamos que haxa a máxima complicidade.

-Será un Xacobeo de grandes espectáculos ou das pequenas cousas?

-As dúas ideas son complementarias. Haberá grandes eventos que dean visibilidade, e pequenos proxectos da sociedade, pois non son excluíntes.