Dani Caxete, fotógrafo: «A cabezón non me gana ninguén»

GALICIA

Autorretrato de Caxete tras da cámara analóxica xigante que construíu
Autorretrato de Caxete tras da cámara analóxica xigante que construíu Dani Caxete

A súa instantánea do banco de Loiba baixo a Vía Láctea colocou ese lugar de Ortigueira no punto de mira de moitos visitantes. Hoxe, o viveirense prepárase para se lanzar á fotografía do espazo profundo

08 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O toque de queda e as restricións de mobilidade están a resultar un duro castigo para moitos especialistas en fotografía nocturna e astrofotografía. Dani Caxete (Viveiro, 1975) é un deles. «Téñome asomado á porta da casa co telescopio, pero en Madrid --onde reside hai dúas décadas- hai sempre demasiada luz», conta.

Privado de praceres como perseguir por distintas provincias capturas da estación espacial transitando diante do sol ou da lúa (leva ás costas máis de vinte mil quilómetros para captar corenta instantes así), Caxete ten aproveitado este último ano para ir completando o seu equipo e seguir investigando as múltiples posibilidades que hai de converter a luz en evocadoras imaxes, como a que no ano 2015 fixo famoso o banco instalado en Loiba por Rafael Prieto e capturado por Dani baixo unha espectacular Vía Láctea.

Dani Caxete

Un dos froitos desas investigacións é Besta, unha xigantesca cámara analóxica, feita por el mesmo con materiais reciclados, coa que tira fotografías de ultra gran formato e que pretende transformar nunha sorte de inmensa polaroid. «Só o obxectivo pesa case dous quilos e medio e non hai ningún elemento electrónico. Todo é moi manual. Ademais obrígate a pensar moito a foto, porque con esta cámara saes a por unha única toma. Dá uns retratos moi artísticos, aínda que complicados, imposibles cunha dixital», explica con devoción sobre un proxecto co que leva enredado case tres anos. «Esta é a miña forma de estudar, en vivo, probando as cousas», explica.

Internet é unha fonte inesgotable de recursos para este autodidacta, que mesmo fai incursións no mundo da química coa idea de preparar as súas propias emulsións fotográficas. Porque Caxete é un namorado dos procesados «á antiga», aínda que atopar papeis de revelado sexa case un imposible que o obriga a acudir a rastrillos na procura do que comezan a ser case reliquias doutra época. «E mentres, a xente dedícase a meterlle gran ás fotos dixitais. Queren ese efecto vello do analóxico, pero non esa tecnoloxía que consideran anticuada», censura.

El tentou incluso unir o seu amor polo analóxico coa súa paixón polos ceos nocturnos, pero recoñece que cando se trata de astrofotografía, as posibilidades do dixital son inigualables. Así que tamén nesa rama está investigando e inventando. «Preparei unha montura ecuatorial, estou mirando de traballar con filtros infrarroxos, preparándome para me lanzar a unha fotografía máis técnica, a do espazo profundo e as galaxias...», enumera, demostrando que ten unha mente inquieta que non se conforma co que xa domina. «Repetirme non me gusta. Eu desfruto aprendendo cousas novas, e collendo coñecementos de distintas áreas a través da fotografía», confesa.

E cal é o seu segredo para acabar obtendo resultados en case todo o que se propón? «A paciencia, sen ela non se fai nada. Fai falta insistencia e certa cabezonería. E a min a cabezón non me gana ninguén», recoñece.

ANGEL MANSO

Fun

Autor da popular foto do banco de Loiba baixo a Vía Láctea e outras recoñecidas internacionalmente 

Son

Fotógrafo en continua aprendizaxe, aerógrafista artístico e muralista