Irma Macías Suárez: «Saían á fiestra para escoitarme»

GALICIA

Irma Macías, no castelo de Vimianzo
Irma Macías, no castelo de Vimianzo ANA GARCIA

«Dáme tanta vida cantar que son feliz facendoo en calquera lado», di a voz de Luar na Lubre

04 may 2021 . Actualizado a las 16:34 h.

A historia de Irma Macías Suárez emociona: unha nena da aldea de Reparada (en Salto, no concello de Vimianzo) que aprendeu a cantar co seu avó, que foi gaiteiro, á luz da leira. Unha fada debeu de deixarlle no seu berce o tesouro máis grande, unha voz incomparable. Xa dende pequena, a xente escoitábaa ás agochadas. É autodidacta, pero canta coma se estudase en grandes academias. Foi tal a súa paixón que nunca se deu por vencida. Agora, con 36 anos, percorre grandes escenarios de España e do mundo con Luar na Lubre.

-Foi unha fada a que lle regalou esa voz?

-Podemos dicir que si. Para min é un regalo que me dá a vida, pero o regalo non sei se foi dunha fada ou de Deus.

-O de Deus dío porque é moi relixiosa?

-Exactamente. Son unha persoa de moita fe.

-Hai xente que entra ás igrexas para oíla cantar.

-Si, hai persoas que me contan que si. Dixéronme que estaban fóra e ao oírme cantar achegábanse a dentro para ver de onde viña esa voz. Iso si que mo teñen comentado.

-Vostede empezou a cantar nas misas.

-Dende moi pequeniña estaba no coro da parroquia e, logo, co compañeiro Xaquín Rama, que toca a guitarra, levamos cantando dende o ano 2008. Empezamos para acompañar un pouco a unhas confirmacións, e a partir de aí comezaron a demandar a nosa presenza. E ata hoxe, no 2021, que seguimos en celebracións relixiosas, cando non teño concertos con Luar na Lubre, claro.

-Teñen dito que incluso había quen paraba a escoitala cando era nena e cantaba na parada do bus escolar.

-Si. Mentres esperabamos o autobús a min gustábame moito cantar e facíao. Tamén cando había festivais no colexio levaba a pandeireta da casa e veña... Cando esperabamos o transporte escolar, os compañeiros dicíanme que lles botase unhas pezas e eu facíao. Logo, moito tempo despois, unha señora contoume que saían á fiestra para escoitarme.

-Agora que fala da pandeireta... Empezou a tocar cunha de xoguete, non?

-Así foi. Primeiro comecei cuns cachos de cartón cos que imitaba a meu avó, que foi gaiteiro, e facía os seus movementos coas mans. Eu trataba de repetilos. Logo, os reis trouxéronme unha pandeireta de plástico e, finalmente, cando fun collendo un son decente, o meu avó regaloume unha de verdade.

-É autodidacta. Como se chega a cantar polo mundo adiante sen ter recibido formación regrada?

-Con moita constancia. A música corría polas miñas veas. Cantaba onde fose, chamábanme para eventos e, aínda que estivese a tope de traballo, ía igual, facía horas extra para poder librar. Para min, cantar, con cartos ou sen eles, era básico, era unha paixón. Sempre loitei por cantar. Polas noites adaptaba pezas, miraba por Internet, sempre loitando e, logo, sempre dei con xente moi boa que fixo que puidese chegar a onde estou, que é de agradecer.

PILAR CANICOBA

-Luar na Lubre significa luz de lúa no bosque sagrado dos celtas. E vai e chega vostede e convértese nunha especie de maga dese bosque. Como se se pechase o círculo...

-Estou supercontenta, moi feliz, trátanme moi ben, esfórzome moito por aprender máis cada día, non só por eles, que tamén, pero sobre todo por min, porque o crecemento persoal é moi importante e bo para un mesmo. Eu douno todo de min e o público dime cousas moi fermosas. É algo moi grande.

-E non se lle subiron os fumes á cabeza. Segue coa vida de sempre.

-Para min dáme tanta vida cantar que son feliz cantando en calquera lado. Evidentemente, estar en Luar na Lubre é o soño realizado e, aparte, estou moi cómoda. Somos como unha pequena familia. Estou tan nerviosa cando vou cantar ao escenario máis grande do mundo como no Duatlón de Reis nun acto do meu concello, de Vimianzo. Quero dar o mellor de min, faga o que faga.

-Xa leva dous discos gravados con Luar na Lubre. Con cal dos dous se queda?

-Son tan distintos o un do outro... Para min, Ribeira Sacra foi o primeiro disco que tiven que defender, e como era de colaboración tiven que adaptarme a pezas gravadas por Víctor Manuel, Sés, Marisa Valle Roso e outros grandes persoeiros da música recoñecidos dende hai moitos anos. De repente, tiven que adaptar á miña voz pezas cantadas por outros. Logo fíxenas miñas e goceinas a tope. Foi unha xira brutal, con moitos concertos, ata en América. En Veiras e Vieiras temos a colaboración de Miguel Ríos pero, en realidade, o resto xa as canto eu dende o principio. Os dos dous discos son espectaculares.