Alberto Núñez Feijoo: «Penso que un fillo une moito máis que calquera contrato matrimonial»

Sandra Faginas Souto
sandra faginas REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

vítor mejuto

O presidente da Xunta e do PPdeG subliña: «Teño amigos de esquerda, por suposto, e algún da CIG»

26 jul 2021 . Actualizado a las 00:07 h.

O presidente Feijoo (Ourense, 1961) dorme sete horas diarias, déitase sobre as doce, porque nese momento, asegura, «as pilas empezan a descargarse». «Debe ser pola idade», bromea mentres recorda que na etapa universitaria en Santiago saía todos os días. Agora confesa que practica deporte dous días á semana e procura camiñar oito quilómetros sábados e domingos. No político, esa boa forma nótaselle na euforia de volver ser reelixido líder do PP de Galicia.

—Un home tan ocupado coma vostede, fai a cama o domingo?

—Pois eu fixen a cama moito tempo!, estiven interno nun colexio e non había persoal para limpar nin as clases, nin os baños, nin a cociña nin os dormitorios. Polo tanto, as tarefas da casa seinas practicamente todas, neste momento, iso si, estou liberado parcialmente. Sempre deixo a miña roupa colocada, as cousas no seu sitio, intento non dar moito a lata á xente.

—Nun reto «MasterChef», chega á casa, está só, e que fai de cear?

—Cociñar non está dentro das miñas cualidades. Cando estiven interno facía o mínimo: unha tortilla francesa seina mesturar con calquera lata de conservas [ri].

—Como son as súas broncas no despacho: de miradas ou verbais?

—Eu falo só! Fágome preguntas e respóndoas diante da xente cando estou cabreado, intento dicir o que penso sempre, pero gardando as formas.

—E mandando tanto fóra, ten folgos para mandar na casa?

—Pois na casa eu creo que neste momento manda o rapaz [ri], el decide se hai que erguerse ás catro da mañá, se a partir das 7 non se pode volver durmir, se ás 9 non se pode facer ruído…

—En que momento do día está con el?

—É que non podo elixir, case todos os días vén a medianoite a durmir na cama grande. Despois o espertar é magnífico, e as fins de semana estou moito máis con el. Paseamos polas rúas, coñece a cidade mellor ca min, ten unha memoria fantástica!

—Parécese a vostede?

—Desde o punto físico, si, e nas manías e nas formas de comportarse, tamén. É extremadamente ordenado, gústalle apagar as luces da casa. É un home de 4 anos que ten carácter.

—Algunha vez cometeu unha ilegalidade?

—Supoño que si. Encantábame conducir, agora non podo moito, ás veces escapo e collo o coche, pero teño que dar exemplo, intento cumprir dentro do que cabe, pero é difícil ir a 50.

—Cre que vai cobrar a pensión de xubilación?

—É unha boa pregunta. Comenteillo o outro día ao ministro de Seguridad Social, que somos da mesma quinta. Os pensionistas do baby boom imos ter problemas para cobrar o que reciben agora os pensionistas, salvo que fagamos medidas estruturais, como pospoñer a idade de xubilación e desde logo crear emprego.

—Ten amigos de esquerdas?

—Si, por suposto, e algún da CIG, foi comigo ao instituto. Non son de moitos amigos, pero os que tiven seguen aí. O círculo foise ampliando co tempo, pero cos tres rapaces do instituto sigo tendo a mesma sensación de amizade.

—Fraga díxolle a Rajoy: «Cásese y aprenda gallego». El fixo unha cousa, vostede vai casar ou está casado xa?

—[Ri] Eu creo que un fillo une moito máis que calquera contrato matrimonial, polo tanto creo que xa respondín.

«Houbo unha oportunidade de ir a Madrid, pero dixen ‘‘non’’: é difícil que a auga volva correr polo mesmo sitio»

—Desbota definitivamente ir a Madrid?

—Hai políticos no Parlamento que pasaron anos dicindo que eu viña aquí para preparar o salto a Madrid, e eu sigo en Galicia e eles están en Madrid. Houbo unha oportunidade moi clara, penseino, valoreino, pero eu non tiña razóns para fuxir de Galicia en 15 días e non o fixen. É moi difícil que a mesma auga volva correr polo mesmo sitio, deixemos con esa reflexión a resposta.

—Vox non ten forza en Galicia. A xente que é moi de dereitas está no seu partido?

—Vox saca un 8 % nas eleccións xerais e un 2 % nas autonómicas. Ese é o resultado, eu creo na España das autonomías e os dirixentes de Vox non; creo na UE, e os de Vox non… Está claro que Vox e o PP son partidos distintos.

—Seguirá con maiorías absolutas?

—Creo que o PP é o partido da estabilidade política nun momento en España cun Goberno dividido e dependente dos independentistas. Algún día se aceptará que o PP de Galicia nesta etapa foi útil á sociedade. Todo está mellor que cando chegamos, a pesar da crise económica e a pandemia.

—Será que no PP non saben pactar?

—Desde o pacto do Tinell cambiou a política, cando Zapatero acorda cos independentistas e nacionalistas que non se pactará co PP. Aí rematou a Transición. Aquel momento foi o descansa en paz dos pactos de Estado, o período de concordia. Hai alcaldes do BNG que cando non están de acordo con votar a un alcalde socialista son advertidos de expulsión, e o mesmo no partido socialista. O problema non é que non saibamos pactar, senón do sectarismo do que se apropiou a política. Despois das eleccións xerais propuxen que o PP fixera un pacto co PSOE e durou pouco, ás 48 horas foi o abrazo de Sánchez e Iglesias.

«Non me gustaría sinalar co dedo a quen teña que tomarme o relevo»

—Vén de ser reelixido presidente do partido e dixo: «Teño ganas de máis». De máis ou de moito máis? Vai ser candidato a presidente da Xunta?

—Ao que me refería era a que tiña ganas de seguir liderando o PP para conseguir novos resultados nas eleccións municipais, e de ser útil a unha alternativa de Goberno en España. Ese foi o contexto.

—Entón?

—Xa o dixen todo. Eu pedín de novo a confianza da xente porque electoralmente retrocedemos nas eleccións municipais.

—Que lle pasa nas cidades?

—No 2011 a onda nacional era moi positiva para o PP, gañamos na Coruña, Ferrol… No 2019 foi toda a contraria, aí o balón pegou no poste e saíu fóra, é moi difícil sacar maiorías absolutas. Sobre todo cando a onda vén en contra. Eu sei no partido que milito e sei que manter unido ao centrodereita ás veces produce que perdas votos nos novos partidos, en Ciudadanos, Vox, e iso pode facer perder maiorías absolutas.

—Coñecemos a quen pode tomarlle o relevo? Coñéceo?

—Pois pode, de maneira directa ou indirecta, primeiro porque non o pensei, segundo porque sería un máis en opinar e terceiro porque a min non me gusta que me sinalen co dedo. A min tampouco me sinalaron co dedo na sucesión de Fraga e non me gustaría facelo a quen teña que tomarme o relevo.

—Vostede é máis de Romay, de Rajoy ou de Casado?

—[Ri] Romay, Rajoy e Fraga foron persoas das que aprendín cousas en política. Os meus mestres, síntome orgulloso, porque a formación de Rajoy, de Romay e de Fraga é incuestionable, son servidores públicos. Agora Casado é o presidente do meu partido porque gañou un congreso, non porque o puxo fulanito, e eu intento axudalo.

—Un político de esquerdas ao que admire?

—Felipe González.

—Algún libro que teña pendente?

—Moitos, durante a pandemia volvín ler a Herman Hesse, Erich Fromm e a Eduardo Mendoza.

«Nin de dereitas nin de centro, son un reformista que cre en Galicia»

—É de dereitas ou de centro?

—Eu estou na política para facer reformas. A min gústame un partido reformista e as políticas competitivas no ámbito de mercado, que son as que triunfan, non creo na economía planificada, creo na liberdade. Son un político reformista que cre profundamente en Galicia como parte dunha nación, que é España.

—Moitos galegos hoxe celebran o Día da Patria, cal é a súa?

—Paréceme moi lexítimo que un considere que a súa patria é Galicia, outros dirán España. A min a pregunta de se queres máis a papá ou a mamá non me gusta, iso de se quero máis a Galicia ou a España é sorprendente, como se non fosen compatibles. A maioría dos galegos séntense galegos e españois. A min gústame unha Galicia aberta, non o modelo do independentismo vasco ou catalán.

—O Estatuto ten 40 anos, necesita unha reforma?

—Vascos e galegos sabemos que o Estatuto non é un tema frívolo. Derrogar o Estatuto non deixa de ser un modismo. Seguro que se pode actualizar, si, pero para iso necesitamos un consenso, e un partido socialista que teña criterio. Lamentablemente, o PSdeG sen o BNG non vai reformar nada. E o BNG houbo un momento en que se achegaba a unha ideoloxía máis contemporánea, próxima ao PNV e CIU, pero agora cando os vemos con Bildu ou ERC... É moi difícil facer unha reforma do Estatuto de Galicia coa posición ideolóxica de ERC e Bildu. Non son boas fontes nas que beber.

—Que pasou coa autocita para vacinar aos rapaces de 16, foi unha improvisación?

—Se se produciu confusión é que non o explicamos ben. Pero se un colle o relato, hai máis de 15 días dixemos que a partir de tal día de xullo iamos meter autocitas, que empezariamos polos Erasmus, que se teñen que ir da casa en agosto, e logo como nos citados de 30 a 39 hai unha porcentaxe que non acode, sobraban unhas doses. Aí advertimos que nos rapaces de 18, 19 e 17 anos o número de contaxios superaba os 3.000 por cen mil habitantes e metemos esas autocitas. Si, probablemente debemos explicalo con anterioridade abertamente. Nunha pandemia é imposible satisfacer a todo o mundo, se non hai vacinas.

—Cal foi o peor día da súa presidencia?

—Sen dúbida, o accidente do Alvia. Lembro que me estaba vestindo para os actos da Real Filharmonía de Galicia e chamoume Agustín Hernández, o conselleiro de Infraestruturas. Ver aqueles cadáveres enriba da vía impactoume. Foi unha sensación de impotencia que queda para sempre.

—De todo o que leva feito, de que está máis orgulloso?

—Todo o mundo sabe a miña querenza pola sanidade. Facer o hospital de Vigo, o Lucus Augusti, as obras en Ourense, Ferrol, o novo Chuac… Pero sobre todo estou orgulloso dos resultados electorais [ri]. Iso é inapelable. Os políticos podemos ter a opinión que consideremos oportuna, pero o importante son os resultados: catro veces, catro maiorías.