O director xeral de Defensa do Monte: «Salvo un, os demais lumes foron intencionados»
GALICIA
«Usan o monte como unha arma. Non é casual cando prenden preto das casas», di Manuel Rodríguez Vázquez sobre os incendiarios
06 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Manuel Rodríguez é director xeral de Defensa do Monte. O martes pola mañá, antes de que se iniciase o incendio en Corme, concedeu unha entrevista en Radio Voz Bergantiños para abordar os lumes que afectan a Ponteceso.
—Que diferenza hai entre un incendio estabilizado e un controlado?
—Estabilizado quere dicir que non avanza en ningunha das frontes, pero que aínda ten actividade no seu interior. Controlado é que xa non avanza nin hai actividade no seu interior.
—Que sensacións teñen cando rematan as labores de extinción dun lume complicado?
—Son sensacións contraditorias, Primeiro, a tensión, a adrenalina... Sobre todo cando houbo risco para vivendas e persoas como sucede neste caso [Ponteceso]. Por solventar o perigo. Pero non tes moito tempo para manter esa sensación de euforia nin de satisfacción porque xa tes outro lume que atender. Saes dun e entras noutro. Ao final existe a sensación de cansazo. E prevalece a sensación de incomprensión. Somos humanos. Ningún bombeiro forestal chega a comprender estas situacións. Un lume é un lume, dá igual onde empeza ou como empeza. Pero no fondo non é así. Non dá igual. Utilizar o monte como arma para provocar danos, non so ao monte, senón a vivendas, pobos e persoas... Xera sensación de incomprensión, de irracionalidade e acaba afectándoche. Intentas racionalizalo, illarte da orixe e só tratas de salvar casas e persoas.
—Coñece xa as causas que orixinaron os grandes lumes da fin de semana en Ponteceso? Cospindo, A Graña e Brantuas-Niñons?
—O primeiro [Cospindo] parece, segundo apuntan os investigadores, que foi derivado do tendido eléctrico. Os outros dous [Brantuas-Niñóns e A Graña] foron intencionados. Posiblemente aproveitando un momento de caos que orixinou o primeiro lume, que correu moi rápido. O obxectivo é aumentar ese caos e dificultar a extinción do primeiro incendio. Evidentemente houbo que derivar os medios a tres lumes distintos, que non tiñan relación entre si, e houbo que dividir o operativo en tres partes, coa complexidade que iso ten.
—Que pode motivar a unha persoa plantar lume ao monte?
—É moi variado. É algo multicausal. Non é o mesmo un lume ca outro. En proximidade a zonas moi poboadas, o único que pretenden non é queimar o monte. Esa é a escusa. É usar o monte como unha arma. Non é casual cando prenden preto das casas. O que o provocou sabe de sobra que hai un pobo alí. Quere xerar alamar social e de preocupación entre a veciñanza. O peor é esa falla de empatía humana máis básica. E algo que non acabas de entender. Nun lume intentas racionalizalo todo, buscas unha explicación, pero non a hai.
—Cantos días proseguirán as tarefas de extinción?
—Irá en función da meteoroloxía. No caso de Ponteceso hai vento de nordés. Calquera rescaldo, rasquizo de punto quente, pode dar un susto. En dous ou tres días debería quedar listo, pero nestas condicións poderíamos falar de varios días más.
—Queda a erosión do terreo.
—Distinguimos incendios de arborado e incendios de vento. Os primeiros son máis persistentes e menos rápidos. Os de vento [como os de Ponteceso] son máis rápidos. Calcinan a biomasa e a vexetación, pero non ten unha afección no chan, precisamente pola súa rapidez. Non se dá unha perda da estrutura do chan que, ao final, é o mais importante de cara a posibles episodios erosivos. Sospeitamos que non terán unha incidencia importante. É certo que de cara á opinión pública todos os lumes son iguais, pero o que importa é a temperatura que acada un chan e se chega a perder esa estrutura. Neste caso dubido moito que se vaia producir un fenómeno erosivo, que si se pode dar en zonas de interior de Galicia pola tipoloxía do lume. Polo xeral, nun lume de costa é máis difícil que se produza esa erosión do chan.