Discurso íntegro do presidente da Xunta na LXVII edición dos premios Fernández Latorre
04 dic 2025 . Actualizado a las 20:31 h.Sempre é fermoso asistir, como presidente da Xunta, á entrega dun galardón a outro presidente da Xunta. Neste mundo acelerado, no que o paso da gloria ao anonimato é cada vez máis rápido e drástico, é excepcional que un xornal entregue unha distinción a un gobernante que leva 36 anos fóra do cargo. Di moitas cousas, e todas boas, tanto de quen recibe o premio como de quen o entrega: unha cabeceira que sabe que para contar ben a actualidade tamén hai que saber elevarse sobre ela.
Este premio evidencia que en Galicia aínda valoramos, respectamos e preservamos as institucións e ás persoas que tiveron a honra de lideralas. O papel dun presidente non é ser opositor dos seus predecesores, tampouco hooligan deles. O fío que debe unirnos é o dunha continuidade crítica: preservar o que funciona e corrixir o que pode ser mellorado.
Estar á fronte da Xunta, ou calquera outro Goberno, supón tomar infinidade de decisións e, polo tanto, pasar por moitas ocasións de fallar. Por iso, este Premio Fernández Latorre que hoxe recibe Fernando González Laxe ofrece un horizonte de esperanza e un listón de responsabilidade para todos os políticos en exercicio.
Todos deberiamos ter como meta deixar un legado polo cal, décadas despois da nosa saída do poder, o pobo para o que traballamos siga crendo que merecemos un recoñecemento. Fernando González Laxe é unha desas persoas que deixan pegada, como o foi —nunha disciplina distinta, pero co mesmo sentido de país— Santiago Rey Fernández-Latorre.
Estou seguro de que o editor honorario desta casa, que permanece na mancheta do xornal e no recordo de todos, estaría moi orgulloso de como La Voz de Galicia segue a ser un referente de xornalismo de calidade, independente, veraz e comprometido sempre con esta terra, o seu presente e o seu futuro. Son valores que comparte o galardoado do Premio que leva o seu nome. O presidente Laxe foi xestor público, pero tamén académico, investigador e divulgador. A xubilación foi tan só un punto e seguido, non un punto final, na lista das súas achegas a Galicia.
Este premio recoñece a súa integridade e a súa traxectoria antes, durante e despois do seu paso pola Xunta. O presidente Laxe estivo na política para servir, non para servirse da política, que é ben distinto. Por iso é quen de identificar, con enorme claridade, os seus males, como esa polarización que marca, condiciona e —na miña opinión— empeora a política actual.
Nun mundo ideal non debería ser escandaloso —e, se me apuran, nin sequera noticioso— que eu afirme que a Xunta de Fernando González Laxe acertou en moitas cousas. O mesmo que tamén recoñezo dos Gobernos que viñeron antes e despois. A aquela época podemos agradecerlle a súa preocupación pola I+D+i, a Lei de creación do Servizo Galego de Saúde, a de Montes veciñais en man común e o xermolo das Universidades da Coruña e de Vigo. Estou seguro de que todos estes temas soarán familiares a día de hoxe, en pleno 2025 e cunha Xunta de diferente cor política.
A investigación e innovación como motor de futuro; a mellora continua da Sanidade pública a nivel organizativo, tecnolóxico e científico; a procura dun monte ordenado e produtivo e unha Educación de alta calidade que permita a mobilidade social estaban na axenda da Xunta a finais dos 80, ségueno estando agora e me atrevo a dicir que continuarán aí nos Gobernos do día de mañá.
Esa continuidade e esa perseveranza, por riba das lexítimas diferenzas de ideas e de enfoques, son as que favorecen os incuestionables logros da Galicia destes anos. Aquí non hai emendas á totalidade. Hai un fío que une á Xunta de antes coa de agora e coa da Galicia dos nosos fillos: a procura incansable e incondicional do ben común e a defensa dos intereses desta terra. Esa garantía de continuidade debe alzarse sempre por riba dos vaivéns electorais e das modas que marque a actualidade de cada momento.
O deber de calquera político responsable é alzar a vista sobre o frenesí do día a día para observar o horizonte ao que debe encamiñarse Galicia. Dito doutro xeito: que o urxente non nos distraia do importante. E o importante, vencendo as resistencias que se atopen no camiño, sempre é a construción dun país mellor.
Cumprir ese obxectivo implica, ás veces, que a Xunta deba confrontar co Goberno central. Estou seguro de que o presidente Laxe sabe ben ao que me refiro (porque a súa experiencia, aínda que o Goberno central fose do seu mesmo partido, non foi moi distinta á que vivimos hoxe nós). Galicia é leal, pero nunca será dócil. En tempos pouco amigos dos matices, é necesario deixalo claro.
As institucións galegas non son de trincheiras nin de fronteiras, pero tampouco manterán a cabeza gacha e a voz baixa cando se estea sometendo á nosa xente a un trato desigual. Se Galicia permanecese calada, non tería logrado o autogoberno do noso litoral. Ese mesmo camiño de reivindicación é o que seguiremos coa Autoestrada do Atlántico, coa coordinación dos servizos meteorolóxicos e, por suposto, coa xestión dos permisos de traballo. Non se trata de esixir ao por maior nin de pedir un trato de favor: o camiño de Galicia é reclamar aquelas competencias que podemos exercer aquí mellor que na Administración central.
Galicia non aspira a desmarcarse do resto de España, senón a contribuír desde aquí a que as cousas vaian cada vez mellor. As galegas e galegos temos moito que achegar. Esa mesma filosofía é a que nos guía na sempre incipiente negociación sobre o financiamento autonómico. Nunca verán a Galicia negociar ás agachadas un trato de favor, tampouco esixir para nós un acordo que prexudique ao resto. Pero, evidentemente, tampouco imos acatar sen máis unha solución deseñada desde intereses que nada teñen que ver cos nosos e imposta sen contar coa opinión dos galegos.
Fernando González Laxe afirmou hai poucos meses, aquí en La Voz, que a cota é unha solución prexudicial para Galicia. É a mesma lectura do Foro Económico de Galicia e de todas as proxeccións dos técnicos da Xunta. Non son intereses políticos, son matemáticas e sentidiño. Tamén é unha mala fórmula a redistribución da débeda autonómica, que penaliza a xestión responsable que fixemos aquí e fai cargar a cada galego con 220 euros máis de débeda pública.
O meu compromiso é resistir aos cantos de serea destes parches que ofrece o Goberno central e seguir pulando pola imprescindible reforma do financiamento autonómico. Os servizos públicos teñen que contar cos fondos necesarios para responder á evolución da sociedade, tanto agora como no futuro.
Estou convencido de que as mellores páxinas da Historia de Galicia aínda están por escribirse. Pero, como naqueles libros xuvenís que estaban de moda cando Fernando González Laxe era presidente, a nosa terra debe elixir a súa propia aventura. Non todos os camiños levan ao éxito. Gustaríame mencionar tres temas sobre os que o premiado de hoxe reflexionou, escribiu e inspirou moito.
Primeiro, o papel de Galicia como potencia pesqueira. O noso liderado internacional imponnos unha responsabilidade especial nos retos do sector marítimo. Falo, por exemplo, da defensa duns estándares laborais e ambientais que, nun mundo globalizado, deben ser os mesmos para todos. Non sería tolerable que os pescadores galegos competisen cunhas regras que aos demais actores nin se lles esixen nin saben que existen. Libre mercado si, condicións equitativas tamén.
Galicia tamén debe xogar un papel na promoción do consumo de peixe e marisco. A preocupación crecente pola alimentación saudable abre moitas oportunidades para os produtos do noso mar. A suba da cesta da compra fai máis necesaria que nunca a baixada do IVE ao peixe e o marisco que a Xunta e o sector levamos anos reclamando. Se todos os expertos recomendan o seu consumo, os poderes públicos debemos evitar que se convertan nun produto de luxo. Por tradición, por saúde e por Galicia.
Segundo asunto, o potencial dos nosos portos. As boas noticias que nos chegan desde as dársenas galegas non son casualidade: nacen de moitos anos de bo traballo. Moi preto de aquí temos Punta Langosteira, un proxecto que tivo que afrontar correntes de incomprensión pero que hoxe podemos identificar, con toda claridade, como un piar da transición enerxética en Galicia. A instalación da terminal de Exolum, o traslado de Repsol, os proxectos ligados ao hidróxeno verde e á eólica mariña reafirman que, se Galicia está en posición de ser unha potencia en enerxías limpas, é en boa parte grazas aos nosos peiraos.
Para materializalo, debe apostarse, con valentía, por un marco regulatorio no que poida florecer o sector renovable. Só é así como poderemos cumprir a directriz europea de avanzar en autonomía estratéxica.
Esta reflexión lévame ao terceiro tema: o desenvolvemento industrial. Nos últimos anos, Europa comprobou, con crueza, que as fábricas e a enerxía van sempre da man. A industria deixa de ser viable se desaparecen as garantías de que a electricidade chegará sen cortes, ou de que haberá combustibles a prezos estables. Un dos maiores riscos para Galicia é ese populismo industrial e enerxético que desdeña calquera nova iniciativa que se queira instalar aquí.
Factorías que se estivesen en Suecia envexaríamos e poríamos como exemplo, aquí non valen. As mesmas enerxías renovables que se defenden en abstracto, á hora de levarse á práctica chocan cun rocoso «pero non así». Sen desenvolvemento enerxético non hai progreso industrial. Sen progreso industrial non hai emprego de calidade. E sen emprego de calidade non hai esperanza para a mocidade, tan só unha condena á emigración que Galicia xa padeceu e que debe gardar, para sempre, no baúl das cousas xa pasadas.
Por iso teño claro, como creo que o tería calquera outro presidente da Xunta responsable no meu lugar, que ese populismo industrial e enerxético me atopará sempre enfronte. Defenderei con toda a convicción e con toda a forza que as iniciativas que cumpran as normas serán benvidas en Galicia. Faltaría máis. Sen dúbidas, sen medias tintas e sen que nos treman as pernas.
Hoxe, que a chamada de La Voz de Galicia reuniu unha nutrida representación de todas as forzas políticas, gustaríame reiterar unha oferta que xa fixen na miña investidura. Tendo a man para un gran pacto en defensa do desenvolvemento industrial e enerxético de Galicia. Aproveitar os nosos recursos e xerar postos de traballo non é de dereitas nin de esquerdas. Todas as forzas políticas construtivas e cun proxecto en positivo para esta terra deberiamos ser capaces de defender, sen complexos, que Galicia ten que aproveitar as oportunidades que aparecen ante ela.
Debemos atraer ás empresas que crean emprego e riqueza mentres respectan a nosa contorna, cantas máis mellor. Ese é o único camiño para unha comunidade de soldos máis altos, con máis investimento en innovación e con máis atractivo para que a mocidade forme aquí o seu fogar. Cónstame que moitos políticos de partidos distintos ao meu pensan o mesmo e que o comentan en privado. É o momento de perder o medo a dicilo tamén en público. Porque nunca xamais debemos avergonzarnos de defender o mellor para esta terra.
Amigas e amigos. Ao longo destes anos, o prestixio de Galicia non deixou de crecer. Rompemos tabús, desafiamos estereotipos e superamos o noso teito. Hoxe a nosa terra viste o mundo, fabrica os mellores vehículos europeos e patentou un estilo de vida con marca propia: Galicia Calidade.
Conservemos sempre esa ambición. Presumamos do que nos fai distintos. Sigamos protexéndonos ante esas dinámicas de bloqueo e inestabilidade que vemos noutros lados e que aquí, a contracorrente, logramos resistir. Desde os tempos do presidente Laxe, Galicia non perdeu un ápice de ilusión, pero gañou en madurez. Se seguimos sendo fieis a nós mesmos, hai dúas cousas que teño claras: que seguiremos celebrando éxitos e que La Voz de Galicia seguirá contándoos.