Cigarrón Celeste, o froito do celtismo no Val de Monterrei

GRADA DE RÍO

CEDIDA

A peña de Verín naceu hai dous anos e conta con preto de 200 peñistas

13 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

En Verín o celtismo salta á vista. E vén de atrás. Hai tempo houbera xa unha peña do equipo na localidade e os fundadores da creada nos últimos anos, Cigarrón Celeste, viron que había «potencial» para un proxecto destas características. «Era complicado recuperar a anterior porque moitos membros xa faleceron e outros son xente maior», explica o actual presidente, Óscar Vaz. El tivera unha intentona fallida anterior de fundar unha agrupación celtista, pero a idea seguía a rondarlle a cabeza e a base de coincidir con máis celtistas vendo o partido, a iniciativa rexurrdiu e acabou por materializarse.

«Buscabamos representatividade. Xa estábamos activos en todo o relacionado co Celta, algo que non é fácil desde tanto lonxe, e queríamos facelo oficial, non ser uns seguidores máis que collen o coche, van a Balaídos e volven», afonda o celtista. Varios dos directivos eran socios desde hai anos, así que foi poñerse de acordo para constituir a directiva, buscar o bar -o de Tomás, tamén directivo, un local no que a paixón polo Celta é omnipresente- a modo de sede e completar os trámites.

De seguido reuniron a preto de 150 simpatizantes do equipo e a día de hoxe non están lonxe dos 200, con arredor dun 10 % de aboados. Levan a gala que o seu é celtismo autóctono. «Todos somos de Verín e dos arredores, pero mooi preto, do val de Monterrei. Logo Cualedro ten a súa propia peña, A Man Negra; están os compañeiros de Allariz e agora tamén unha nova en Ourense cidade», di en referenza a Termas Celestes. Con todas elas, máis co Rbeiro e o Pipotiño de Ribadavia que completan a nómina de peñas ourensás, teñen un vínculo moi estreito. «Ao principio es a peña nova e entras un pouco tímido. Xa cada vez estamos máis metidos no mundillo», revela.

Os directivos son na súa maior parte afeccionados na trintena, aos que se suma tamén moita mocidade. «Somos xente moi activa, que tomamos o celtismo coma unha festa, sobre todo os de 20 e pico, que o viven quizais con máis impetú aínda», sinala. Habituais en Balaídos encántalles acompañar ao Celta tamén nas súas viaxes sempre que lles é posible. Para a semifinal de Europa League fronte ao Manchester en Vigo chegaron a desprazarse medio cento de persoas.

O balance deste tempo como peña é «moi positivo» por moito que os inicios non fosen doados. «Comezamos algo dubidosos, cautos, non sabíamos como movernos. ¡Tiñamos que consultar moito con Pepe!», confesa en alusión ao presidente da Federación de Peñas. Logo dun primeiro ano que lles serviu para darse a coñecer, o crecemento foi notable en todos os sentidos. «Hai que destacar que os nosos peñistas o tomaron con moitas ganas e enerxía. Ao principio ata se nos foi das mans facendo demasiados desprazamentos a Vigo. Despois pasamos a potenciar outras actividades», relata.

A súa churracada de fin de temporada, o deseño de bufandas e bandeiras propias ou a venda de lotería son algunas desas actividades que forman parte da dinámica de Cigarrón Celeste. «Queremos medrar, asentarnos e implicarnos en todo o que se poida relacionado co celtismo. E que cada vez se respire máis afección polo Celta na vila». A iso axudou a visibilidade que lles deu Mouriño poñendo unha careta de Cigarrón -sobre o nome da peña non houbo dúbida algunha- na súa inauguración. «Foi tremendo, inesperado, unha situación moi chula e un momento que queda para a nosa historia». Unha historia que aínda está comenzando a escribirse.