«Hai que manter a identidade»

GRADA DE RÍO

M.MORALEJO

Rubén Albés (Celta B) e Rafa Sáez (Coruxo) ven no derbi unha boa ocasión de resarcirse dos últimos reveses

11 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Rubén Albés (Celta B) e Rafa Sáez (Coruxo) charlaron dun xeito distendido sobre o derbi de mañá (12 horas) en Barreiro. Louvando ao rival e situando na identidade propia a clave dun partido que promete e onde os dous equipos queren cortar a xeira negativa de resultados.

Necesidades

Os dous queren cortar unha mala xeira

O Celta B afronta o derbi logo de dúas derrotas consecutivas e o Coruxo suma un punto dos últimos 12. Os dous equipos buscan un cambio de rumbo. «Falo dos últimos catro resultados negativos, e falo de resultados precisando na palabra, non tanto de xogo, porque tivemos a oportunidade de polo menos puntuar nalgún partido. Para nós non é un derbi de urxencias, pero si de necesidades», comenta Rafa Sáez, que non quere que o Coruxo prolongue a mala racha, mentres que Rubén Albés non parece tan esixido: «Queremos volver á senda das vitorias o antes posible, pero a nosa realidade é boa, o proceso é bo, estamos a facer as cousas ben».

Momento que viven

Dous equipos en construcción por diferentes motivos

Celta B en Coruxo teñen en común que viven tempos de reconversión. «Un filial sempre se está a construír porque ten a vantaxe con respecto ao resto de equipos de que os xogadores novos tamén melloran individualmente», comenta Rubén Albés. Rafa Sáez xa está acostumado a reinventar ao seu equipo ano a ano: «O Coruxo como todas as tempadas é un equipo que empeza cunha reconstrución. Todos os anos hai moitas altas, sempre estamos na necesidade de construír un equipo cando o ano anterior estaba ensamblado. O que nos penalizou foi o mal arranque», que logo corrixiron e agora semella voltar ao punto inicial.

Como ven ao rival

A clasificación non fai xustiza cos verdes e reflicte o arranque do filial

Os puntos e a posición falan do nivel do Celta B. É o que se desprende da avaliación de Rafa Sáez sobre o seu rival de mañá: «Fixo unha revolución moi grande con respecto a outros anos. É un equipo con bos argumentos que empezou ben por merecementos propios e aínda que agora leva dous partidos perdidos para nada oculta o seu verdadeiro potencial, que é moito». Albés avisa que fútbol e puntos non se corresponden no Coruxo: «É un equipo de talento, dunha proposta moi atractiva, penso que o xogo non fai xustiza cos resultados, como o día do Pontevedra, o día do Atlético B tamén fixeron moitas cousas ben».

Xogadores fundamentais

Mateo e Brais centran boa parte das miradas

Rubén Albés destaca do rival «os bos argumentos do xogo interior con Mateo e Arias e o exterior coa velocidade de Higón», mentres que Rafa Sáez quédase no Celta B «coa calidade de determinados xogadores coma Brais».

Clave

A necesidade de manter a identidade balompédica

Nos derbis a clasificación ten pouco que ver e os estados de ánimo elimínanse, por iso os dous adestradores recorren á entidade propia como a clave. «A chave é que o Coruxo sexa quen de dar a súa mellor versión e iso permita minimizar a produtividade do Celta B», comentou Rafa Sáez logo de que Albés apuntase que «o equipo que sexa capaz de manter a súa entidade estará máis cerca da vitoria».