«Camiño de Balaídos», a peza que Cantos de taberna A de Sabas dedica ao Celta polo centenario 

GRADA DE RÍO

CEDIDA

O grupo de música tradicional galega de Baiona grava este xoves as voces dunha composición de Ramón Soto 

22 nov 2022 . Actualizado a las 21:00 h.

Camiño de Balaídos é a peza composta por Ramón Soto que a agrupación de música tradicional galega Cantos de taberna A de Sabas, de Baiona, dedica ao Celta polo seu centenario. O autor comezou a traballar nesta peza no ano 2020 e este xoves dispóñense a gravar as voces no auditorio da localidade miñorana, ademais de ter o proxecto dun videoclip. Trataron de comunicar ao club vigués este proxecto, pero polo de agora, non obtiveron resposta.

Hai tempo que Soto, celtista que leva indo ao estadio municipal vigués desde hai máis de 30 anos, tiña en mente facer algo especial polos cen anos que celebra o equipo no vindeiro 2023. «Viña pensándo desde hai tempo e unha peza non se compón dun día para outro. Logo tes que traballar nela, arranxala e facer cambios ata chegar ao que se fixo», detalla o compositor. Precisa que leva pandeireta, cinco guitarras, bombo, tambor e gaita.

A premisa estaba clara: eles non querían hacer «un himno solemne, senón unha canción para a afección». E o resultado foi unha peza «de festa e que gusta a todo Dios». Aínda que cun pero: «Vanse dicindo nomes de xogadores da historia e todos non collen, así que sempre hai que bota de menos a algún e se queixa». Entre os que si teñen o seu oco están Berizzo, Gudelj, Karpin, Mostovoi, Hugo Mallo, Pahiño, Ademir, Manolo, Salgado, Gustavo López, Baltazar, Mazinho ou, por suposto, «Iaguiño» Aspas, entre outros.

Hai referencias ao ano do nacemento do Celta e á súa historia, cun papel esencial do templo, que de feito, dá nome á canción: Camiño de Balaídos. «Todo o mundo ten o seu percorrido cara ao estadio: o que vén da Guarda, de Burela e de Vigo, igual», sinala Soto. Prevén que o punto de partida do vídeo pendente de gravar sexan esas diferentes rutas que conducen ao campo desde diferentes puntos de partida. Gustarálles gravar dentro do estadio, algo que a día de hoxe se presenta como «moi complicado» en vista da ausencia de resposta.

Xa a teñen tocado na taberna A de Sabas con moi boa acollida, por esa característica de ser «unha peza festeira» que anima a quen a escoita. Insiste o autor en que non queren facer un himno, senón un tema para o celtismo. «Igual non contestan porque pensan que queremos facer o himno do centenario e non. Que o faga C Tangana ou quen eles queiran e pensen que lles vai dar repercusión e vai vender máis». Non nega, iso si, que lle faría ilusión poder escoitala un día en Balaídos.

Ademais, como celtista e músico, o tamén integrante de Abóbriga si ten outra suxestión para a xestión musical do campo: «¿Que é iso do Equipo A antes do comezo da segunda parte? Tiña que ser a Muiñeira de Chantada», pide. Tamén ten clara cal si sería a súa proposta para o himno do centenario. «Eu apostaría pola Foliada da Roda evolucionada, porque é unha peza moi ben composta. Igual meterlle a Carlos Núñez coa gaita, por exemplo, e se quixese participar C Tangana, pois tamén. Pero supoño que quererán facelo con alguén que mova máis xente», finaliza.