
A peña prepara unha xornada festiva para conmemorar a efeméride
08 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A peña celtista da localidade de Cualedro, A Mao Negra, cumpre xa 25 anos. E pensan celebralo por todo o alto nun evento que terá lugar este sábado, 12 de outubro. Para comezar, haberá un pasarrúas polo pobo con gaiteiros, seguido da foto conmemorativa que van sacar no monumento é Lenda da Mao Negra da que esta agrupación celtista recibe o seu nome.
Tamén programaron unha bendición de bufandas e demais obxectos celtistas a cargo do seu párroco, don Camilo, de quen conta o secretario da peña, Javier Torre, que é «un gran celtista». De feito, na misa deste domingo, case cunha semana de antelación, «xa o anunciou na misa con gran fervor celeste», remarca.
Para rematar, terán un xantar para o que este luns xa se anotaran 135 persoas e no que non faltará a festa e a música. Contarán cun monólogo de Víctor Fábregas, futbolín, baile, bengaleo ao chegar a noite e, garante Torre, «moito, moito celtismo». Do que levan facendo gala xa durante un cuarto de século.