O Athletic Club celebra o Día das Letras Galegas agasallando aos célticos con literatura de autores vascos

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

RC CELTA

O club vigués mostrou e agradeceu o detalle do rival deste domingo na penúltima xornada de liga; ademais, as dúas entidades desenvolverán outras accións culturais conxuntas

17 may 2026 . Actualizado a las 17:19 h.

O Athletic Club non quixo ser alleo á celebración do Día das Letras Galegas, que se conmemora este domingo, coincidindo coa data fixada para a visita do Celta a San Mamés na penúltima xornada do campionato de liga. Xa na véspera do partido, o club vigués compartiu un cartel conxunto das dúas entidades co lema «orgullosos no noso» escrito nas correspondentes linguas propias. «O Athletic Club únese ao Celta na celebración do Día das Letras Galegas. Fútbol, cultura e identidade!», podíase ler na publicación de Instagram común a ambos.

@grada.de.rio

Detallazo do Athletic Club, agasallando aos xogadores do Celta con libros de autores vascos no Día das Letras Galegas. Vídeo: RC Celta.

♬ sonido original - Grada de Río

Pero ademais, o Athletic foi máis alá, como explicaba o Celta: «Os Zurigorriak sumáronse ao Día das Letras Galegas cun fermoso xesto de intercambio cultural cheo de valor. Cada xogador atopou no hotel de concentración un libro dun autor vasco! Todo un detalle nesta data tan importante para nós». Fixérono a través da súa fundación.

Mostraron, así mesmo, o momento no que un dos integrantes da plantilla, Sergio Carreira, descubría o agasallo -cunha nota manuscrita e personalizada-, e o vigués, xunto con Borja Iglesias, agradeceuno a cámara. «É unha boa iniciativa, é moi bonito. Fomenta o intercambio cultural entre dúas comunidades con moita riqueza e fomenta a lectura, que é algo marabilloso», sinalaba o Panda; Carreira engadía: «É importante lembra un dia tan importante como o Día das Letras Galegas».

A cousa non queda aí e o club vigués detallou que haberá máis accións culturais comúns antes do partido. En concreto, os capitáns intercambiarán simbolicamente libros sobre o céspede de San Mamés antes do partido «como mostra da unión entre fútbol, cultura e identidade». O Celta agasallará ao club bilbaíno con Circe ou o pracer do azul, de Begoña Caamaño -autora homenaxeada nas Letras Galegas 2026-, e Un equipo para un país, de Xavier Sánchez Pazos, primeiro libro editado baixo a marca celeste LO RIO1923.

Pola súa banda, avanza tamén o Celta, o Athletic Club entregará dous libros editados pola Fundación Athletic Club: a novela Makatza, de Andoni Egaña, e Boise, de Nerea Ibarzabal, Xabi Paya e Onintza Enbeita. A iniciativa incluirá tamén, anuncian, unha gráfica especial nas redes sociais e na pantalla exterior de San Mamés, sumándose así o Athletic Club á celebración das Letras Galegas e á promoción da lingua e cultura galegas.

Desde o Celta manifestan o seu «sincero agradecemento ao Athletic Club pola súa sensibilidade e complicidade con esta celebración, así como pola súa aposta por un fútbol que transcende o deportivo e serve tamén como espazo de encontro entre cultura, lingua e identidade». Ambos os clubs compartimos un xeito de entender o fútbol estreitamente vinculada ás nosas raíces e á defensa do noso patrimonio cultural, demostrando que o deporte tamén pode ser unha poderosa ferramenta para celebrar e difundir a cultura.