O Estado de benestar é a maior conquista social da democracia

Fernando Pariente

LA VOZ DE LA ESCUELA

O dereito á saúde e un dos piares básicos do Estado de benestar
O dereito á saúde e un dos piares básicos do Estado de benestar SERGAS

O modelo está a ser obxecto en España dun debate cargado de incertezas e ameazas

15 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Estado de benestar é aquel que cubre a todos os cidadáns as súas necesidades vitais básicas e as de coidado da súa saúde, tanto se deixa de traballar por razón da súa idade coma se non atopa traballo. Que o Estado asuma esta responsabilidade é unha conquista social que se conseguiu en Europa despois de moitos anos dunha loita que comezou a mediados do século XIX coa revolución industrial. A sustentabilidade do sistema fundaméntase en que o Estado recibe obrigatoriamente arredor dunha terceira parte da retribución de cada traballador durante toda a súa vida laboral e financia con eses fondos as prestacións de sanidade, de xubilación e de paro, cando estas sexan necesarias.

Tamén os traballadores españois pagamos ao Estado para que este cubra as nosas necesidades cando deixemos de traballar ou cando nos quedemos no paro. Estas prestacións básicas están destinadas a toda a poboación e son, xa que logo, unha consecuencia da solidariedade mutua dos cidadáns. É unha ida sobre a que reflexionar: durante toda a vida laboral estamos a cooperar para conseguir o benestar de todos.

 

FAINOS MELLORES

Desde que existe a Seguridade Social pública nosa sociedade é mellor e ten máis conciencia de corpo social. Deixamos de ser unha colección de individuos que coinciden vivindo nun territorio para converternos nunha organización solidaria que se compromete co benestar de todos os seus membros. Se só nos considerásemos individuos illados, cada un dedicaríase a solucionar a súa vida e, no mellor dos casos, poderiamos axudar a outros por mera condescendencia ou caridade. É o que se facía ata o século XIX. Pero grazas a unha nova concepción da sociedade, esta converteuse nun conxunto solidario de cidadáns no que todos teñen dereito a un nivel básico de benestar. Xa non é unha cuestión de caridade, todos os cidadáns teñen dereito a vivir dignamente e o estado, centro de cohesión de todo o corpo social, ten a obrigación de garantilo.

A Declaración Universal dos Dereitos Humanos así o recolle no seu artigos 22: «Toda persoa, como membro da sociedade, ten dereito á seguridade social e a obter mediante o esforzo nacional e a cooperación internacional, tendo en conta da organización e os recursos de cada estado, a satisfacción dos dereitos económicos, sociais e culturais indispensables á súa dignidade e ao libre desenvolvemento da súa personalidade». E no 25: «Toda persoa ten dereito a un nivel de vida adecuado, que lle asegure, así como á súa familia, a saúde e o benestar e, en especial, a alimentación, o vestido, a vivenda, a asistencia médica e os servizos sociais necesarios; ten así mesmo dereito aos seguros en caso de desemprego, enfermidade, invalidez, viuvez, vellez e outros casos de perda dos medios de subsistencia por circunstancias independentes da súa vontade».

E a nosa Constitución corrobórao nos artigos 41 e 50.

 O Pacto de Toledo, un acordo en revisión

Os partidos políticos determinaron xa hai anos sacar un tema tan sensible como este da confrontación electoral e puxéronse de acordo en asinar un pacto entre eles que garantise unha política común. Considerouse un tema de Estado que debería funcionar sen sobresaltos estivese quen estivese no Goberno. Establecéronse as normas que determinarían o seu funcionamento ao longo dos anos e creouse nas Cortes unha comisión permanente que se reuniría periodicamente para revisar a evolución do sistema. O acordo aprobouse no pleno do Congreso dos Deputados o 6 de abril de 1995 e empezou a aplicarse en 1996. Os puntos máis importantes foron os seguintes: un compromiso para garantir por lei o mantemento do poder adquisitivo dos pensionistas, o que significa que o Estado se compromete a equiparar o incremento das prestacións co do IPC de cada ano; a creación dun Fondo de Reserva para acumular recursos que servisen para cubrir épocas de crise, a popularmente chamada hucha da Seguridade Social, da que o Goberno estivo tirando para facer fronte ás pagas extras dos pensionistas nos últimos anos e que agora está a piques de esgotarse; e un sistema de financiamento polo que as pensións contributivas, é dicir, as daqueles que cotizaron á Seguridade Social durante a súa vida laboral (os traballadores xubilados) se abonan cos ingresos xerados polas achegas dos novos traballadores, mentres que as pensións non contributivas (as de quen nunca achegaron nada á Seguridade Social), así como os gastos sanitarios, educativos e asistenciais, cárganse aos Orzamentos Xerais do Estado.

VOLVEN OS PROBLEMAS

O Pacto de Toledo funcionou razoablemente ben durante 20 anos, pero o modelo está a ser agora obxecto de debate no Parlamento, nos medios de comunicación e na rúa porque hai quen pensa que non será economicamente sostible nun futuro inmediato. Os nubeiros agraváronse desde o comezo da crise económica no ano 2008, porque se produciu unha perda reiterada de postos de traballo e unha redución acelerada das retribucións. Todo iso ten como consecuencia a caída drástica dos ingresos, porque hai menos traballadores para achegar un terzo da súa retribución á Seguridade Social e ademais ese terzo é tamén menor porque as retribucións son máis baixas. A ameaza deixou de ser un futurible para converterse nun feito real. A recadación é moito menor e isto ten dous efectos negativos: por unha banda é necesario reducir os gastos, o que significa recortar as prestacións, e por outra vímonos obrigados a consumir as reservas que tiñamos aforrado.

O Estado de benestar social está en perigo. O tema ocupa as noticias de todos os días nos medios de comunicación, que presentan un horizonte cheo de ameazas de recortes nas prestacións sociais máis importantes, como son a sanidade e a educación, o posible establecemento de custos para os usuarios en servizos que ata agora eran gratuítos ou o atraso na idade de xubilación e a conxelación das pensións.

actividades

1. A Constitución española determina no seu artigo primeiro que «España se constitúe nun Estado social e democrático de dereito...». Esta definición da nación española deixa constancia de que nos constituímos como un conxunto solidario de cidadáns e a organización estatal responde de satisfacer os nosos dereitos en pé de igualdade. Iso ten que ver coa supervivencia necesaria da Seguridade Social e o seu carácter público. Buscade na Constitución e no Estatuto de Autonomía da comunidade os artigos que fagan referencia ao dereito dos españois a gozar dunha seguridade social e á forma de organizar as súas prestacións.

2. Probablemente non haxa ninguén na vosa clase que non teña recibido algunha vez algunha das prestacións da Seguridade Social, ou que non estea a recibilas alguén da súa familia. Moitos terán avós xubilados que perciben unha pensión, alguén pode ter o seu pai ou súa nai no paro ou algún familiar que padeza unha enfermidade de longa duración. Hai moitas formas diferentes de percibir as prestacións: investigade entre os compañeiros de clase para pescudalas, facede unha lista e completádea ata ter todas as prestacións posibles. Comprobádeo consultando en Internet «Prestacións da Seguridade Social». Despois intentade buscar con cada unha das prestacións alguén que a estea recibindo e vos poida dar o seu testemuño.