A rebelión relixiosa que cambiou Europa

> Fernando Pariente

LA VOZ DE LA ESCUELA

 Lutero fixando as súas teses na porta da capela do castelo de Wittenberg
Lutero fixando as súas teses na porta da capela do castelo de Wittenberg Fondo Antiguo de la Biblioteca de la Universidad de Sevilla

Cúmprese o quinto centenario da Reforma protestante que xurdiu das 95 teses de Martiño Lutero

11 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O próximo día 31 de outubro cumprirase o quinto centenario da rebelión de Lutero contra a Igrexa de Roma. O que nun principio só foi unha disputa doutrinal no ámbito relixioso acabou por converterse nun movemento político que cambiou a historia de Europa, provocou unha crise que cambiou fronteiras e modificou as estruturas territoriais do continente durante máis de dous séculos. Significou o final das concepcións políticas medievais e a consolidación dos Estados europeos modernos.

A orixe de toda aquela conmoción estivo en Roma. Era papa León X, un dos fillos de Lorenzo de Medici, señor de Florencia, gran afeccionado aos luxos e refinamentos da corte florentina, desbaldidor de diñeiro e embarcado na construción da nova basílica vaticana. En fin, que gobernaba a Igrexa da época o causante dun buraco económico nas finanzas vaticanas que Roma era incapaz de recuperar coa única fonte de ingresos dos impostos dos súbditos dos Estados Pontificios.

Para superar esta crise e poder seguir adiante coa construción da gran basílica Roma recorreu á venda de indulxencias. León X publicou unha bula pontificia o 31 de marzo de 1515 na que solicitaba os donativos dos fieis europeos para a construción da igrexa a cambio da remisión das penas debidas polos pecados cometidos. Persuadíase aos crentes de que podían cambiar as súas esmolas pola remisión das penas de purgatorio que deberían sufrir despois da morte polos pecados cometidos en vida. Un sistema que se parecía moito á simonía, repetidamente condenada pola Igrexa na época medieval.

A predicación da bula estendeuse por toda Europa para conseguir os fondos. Adoitaban encargarse dela os frades dominicos e en Alemaña confiouse esta misión a un frade chamado Johan Tetzel, que se entregou con especial fervor e que a asociou ao negocio bancario da familia Fugger, que controlaba discretamente as operacións.

 

A INTERVENCIÓN DE LUTERO

Tales manexos desagradaron e escandalizaron profundamente ao agostiño Martiño Lutero, profesor de teoloxía na cidade de Wittenberg. Ao principio opúxose á venda de indulxencias nos sermóns que predicaba cada semana, pero quixo reforzar a súa actuación coa convocatoria dun debate público sobre o tema. Por este motivo redactou un documento no que expuña 95 teses que fixaban as súas posicións contrarias en materia do sacramento da penitencia coa doutrina oficial de Roma.

Este documento cravouno o 31 de outubro de 1517 na porta da igrexa do castelo de Wittenberg e tiña a seguinte introdución: «Por amor á verdade e no afán de sacala á luz, discutiranse en Wittenberg as seguintes proposicións baixo a presidencia do R. P. Martiño Lutero, mestre en Artes e en Sacra Escritura e profesor ordinario desta última disciplina nesa localidade. Por tal razón, roga que os que non poidan estar presentes e debater oralmente connosco fágano, aínda que ausentes, por escrito. No nome do Noso Señor Xesucristo. Amén».

 

A faísca dun incendio

O que comezara como un debate para teólogos converteuse pronto nun gran movemento que se estendeu por toda Europa impulsado por dúas forzas. Por unha banda, a propia indignación que entre moitos cristiáns estaba causando a predicación da bula e a súa recadación pecuniaria e, por outra, un impensado factor novo, o recente invento da imprenta, que facilitou a difusión inmediata do texto reivindicativo do frade alemán e de todos os escritos que se suscitaron na discusión entre uns e outros. Foi como un incendio que se estende polo bosque, empuxado por un vento tempestuoso. Roma respondeu ao principio con prevención, intentando disuadir ao frade agostiño para facerlle retractarse, pero as súas ideas estendéronse por Alemaña e atoparon o apoio dalgúns príncipes de distintos estados que viron na cuestión relixiosa un campo aberto para minar o poder do recentemente elixido emperador do Sacro Imperio, Carlos V.

Para facer fronte a esta situación, o novo emperador convocou a todos os príncipes alemáns a unha dieta que se celebrou na cidade de Worms en 1521 e invitou a Lutero a defender as súas ideas nela. Lutero asistiu, a pesar do perigo que representaba para a súa vida, pero nin se retractou nin os seus argumentos convenceron o emperador. A dieta, ao final, proclamou unha declaración de lealdade e fidelidade ao papado de Roma, aínda que non conseguiu axuntar o criterio dos distintos gobernantes do imperio. Alí estivo o xerme das loitas sen fin que arrasaron Europa durante dous séculos. O emperador, como cabeza da dinastía dos Habsburgo, converteuse no defensor do papa, mentres que moitos estados alemáns se converteron en defensores da Reforma.

Nos anos seguintes a Reforma estendeuse fóra de Alemaña polos Países Baixos, Suíza, Inglaterra, Francia e os países escandinavos. Con ela tamén se estenderon os enfrontamentos e as guerras de relixión que culminaron coa Guerra dos Trinta Anos, que arrasou o centro de Europa durante a primeira metade do século XVII.

Pola súa banda, tamén Roma asumiu a necesidade de renovarse para superar a decadencia espiritual e moral en que caera e iniciou un movemento de rexeneración que se denominou Contrarreforma, impulsado por unha nova orde relixiosa, a Compañía de Xesús, fundada por Ignacio de Loiola e reafirmada pola celebración dun concilio ecuménico celebrado en Trento.

Actividades

A1. ¿Que vos parece o tema da venda de indulxencias? ¿Parécevos aceptable que o papa ofrecese grazas espirituais a cambio de esmolas? Debatede si estades de acordo ou en desacordo co sistema de León X para financiar a construción da basílica do Vaticano.

 

A2. Estas son algunhas das guerras de relixión que se desataron en Europa a consecuencia da Reforma protestante:

  • Guerra dos campesiños alemáns.
  • Guerras de Kappel, en Suíza.
  • Guerra da Liga de Esmalcalda. Batalla de Mülberg.
  • Guerra dos Oitenta Anos nos Países Baixos.
  • Guerras de relixión en Francia. Hugonotes. Matanza de San Bertomeu. Edicto de Nantes.
  • Guerra dos Trinta anos.

Buscade información sobre cada unha delas e preparade breves informes cos seus datos esenciais.