ONU Mulleres loita pola igualdade

Jesús Garrido

LA VOZ DE LA ESCUELA

O pasado ano, Monforte celebrou o día internacional con 48 pares de zapatos cos nomes das mulleres asasinadas até esa data no 2016
O pasado ano, Monforte celebrou o día internacional con 48 pares de zapatos cos nomes das mulleres asasinadas até esa data no 2016 CARLOS CORTÉS

ONU Mulleres é a organización das Nacións Unidas dedicada a promover a igualdade dos sexos e o apoderamento das mulleres. Como defensora mundial de mulleres e nenas, esta organización foi establecida para acelerar o progreso que levará a mellorar as súas condicións de vida e para responder as necesidades que enfrontan no mundo. Parécenos moi ilustrativo, con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, resaltar esta organización non só pola súa eficacia, senón tamén polo que representa a súa mensaxe directa, que marca as pautas e o sentido que debe privar nesta campaña universal dirixida por elas mesmas e que podes consultar nesta dirección: http://www.unwomen.org/es Dado que nos diriximos especialmente ao mundo escolar, consideramos interesante recordar a celebración recente do Día Internacional da Nena, xa que moitos dos seus obxectivos coinciden especialmente na educación para a non violencia. A documentación que se achega a continuación é un complemento de ONU Mulleres.

22 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

1. Día Internacional da Nena

Hai 1.100 millóns de nenas no mundo, e cada unha delas merece igualdade de oportunidades para un futuro mellor. Son unha fonte de poder, enerxía e creatividade. Poden impulsar o cambio e axudar a construír un futuro mellor para todos. Con todo, a maioría das nenas atópanse diariamente nunha situación de desvantaxe e de discriminación, e as que viven en contornas de crise sofren aínda máis.

2. Declaración de ONU Mulleres

«No Día Internacional da Nena, unámonos no compromiso de investir na capacitación de habilidades e a formación para nenas, así como en actividades para que as mulleres novas aprendan a gañarse a vida, un compromiso que debe incluír as nenas e as mulleres novas de todo o mundo que se enfrontan a crise».

3. Apoderar as nenas

O Día Internacional da Nena celebrouse este ano o 11 de outubro e centrouse no lema «APODERar as nenas: Antes, durante e despois da crise»:

  • goo.gl/g78dor

4. Violencia contra as adolescentes

Cada dez minutos, nalgún lugar do mundo, unha adolescente morre como consecuencia da violencia. Nas urxencias, a violencia machista a miúdo aumenta, e as nenas vense sometidas á violencia física e sexual, ao matrimonio infantil, á explotación e a trata. As adolescentes que se atopan en zonas de conflito teñen un 90 % máis de probabilidades de non acceder á escolarización en comparación coas nenas dos países sen conflitos, o que pon en perigo as súas perspectivas de futuro laboral e a súa independencia financeira unha vez alcanzada a idade adulta.

5. Construír comunidades pacíficas

En todo o mundo, as nenas que foron apoderadas están alzando a súa voz para loitar polos seus dereitos e a súa protección en todos os ámbitos. Traballan para erradicar a violencia contra as mulleres e as nenas, para que se recoñezan os dereitos indíxenas, para construír comunidades pacíficas e cohesionadas.

6. Vídeos e historias

«Cambiando o presente, estamos tamén cambiando o futuro» / «Unha gran parte de ser feminista é asegurarse de que as mozas coñezan os seus dereitos» / «É hora de que o mundo escoite a nosa voz» / «Cando se detén a violencia contra as nenas, estas poden cambiar o mundo para mellor» / «Crecín inmersa na idea de que, como nenas, debiamos ter un beleza perfecta e casarnos. Como tiña unha discapacidade, todo o mundo estaba seguro de que a miña vida terminara».

  • Únete á conversación con motivo do Día Internacional da Nena usando a etiqueta #dayofthegirl. Atoparás o paquete de materiais para as redes sociais con imaxes e mensaxes en inglés, español e francés.

7. Violencia machista

Foi a Noticia do día para o Programa Prensa-Escuela o 14 deste mes: Un de cada catro mozos ve «normal» a violencia machista nunha relación. Véxase: goo. gl/HpscfK: «Un estudo sobre a percepción da violencia machista entre mozas de 15 a 29 anos espertou todas as alarmas, ao comprobar que un de cada catro enquisados (o 27,4 %) considera que estas condutas son “algo normal” no seo dunha parella. Así o pon de manifesto o último barómetro do Proxecto Scorpio, realizado polo Centro Reina Sofía sobre Adolescencia e Mocidade da Fundación de Axuda contra a Drogadicción (FAD)»:

  •  www.fad.es/node/8231

8. Edición dixital de La Voz

Escribe cada título que che facilitamos a continuación na lupa da web de La Voz e comprobarás a atención que se lle dá ao tema en diversos sitios e escolas de Galicia… incluída a túa? Ti dirás… (Referencias de data: novembro do 2017):

  • Violencia machista
  • Os xulgados galegos reciben cada día 18 denuncias por violencia machista
  • Igualdade. Nos últimos días non deixamos de abraiarnos cos casos de acoso e violencia machista
  • Maceda leva aos centros educativos formación contra a violencia machista
  • Mesa de debate sobre a violencia machista no ámbito rural
  • Aulas para identificar e erradicar a violencia machista
  • Novo paso contra a violencia sexista
  • Lobos solitarios. Non é verdade que a violencia machista sexa un asunto que importe pouco, pero si que importa moito menos aos homes que ás mulleres
  • Viana organiza unha andaina contra a violencia machista
  • Sada tinguirase de negro contra a violencia