F. Scott Fitzgerald
F. Scott Fitzgerald

Seguímonos ocupando de escritores europeos e americanos que levaron a literatura a un nivel de gran calidade. Nin a poesía nin, sobre todo, a novela actual serían as mesmas sen a achega literaria de cada un deles. Deste xeito, queremos render unha modesta homenaxe á súa memoria e axudar a que sexan un pouco mellor coñecidos. F. Scott Fitzgerald é o protagonista de hoxe

21 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos ante un dos grandes escritores estadounidenses, integrante daquel grupo de excelentes novelistas que publicaron as súas mellores obras nos anos vinte do século pasado e que figuran na historia da literatura como a xeración perdida. Hemingway, John Dos Passos, William Faulkner, John Steinbeck e F. Scott Fitzgerald son os integrantes máis representativos dese grupo, que publicou o mellor da súa produción literaria no período desenfreado e ansioso de cambios que se vive en Europa e América entre as dúas grandes guerras mundiais.

Francis Scott Fitzgerald (Minnesota, 1896?Hollywood, Os Ánxeles, 1940) nacera nunha familia de emigrantes irlandeses de clase media e, desde moi novo mostrou unha notable intelixencia, así como unha admiración desmesurada pola relevancia social e as clases privilexiadas. Por iso, desde moi pronto se deu conta de que tiña que utilizar a súa natural intelixencia para poder empezar a escalar na sociedade que tanto admiraba. Foi crecendo como un raparigo aposto, intelixente e divertido, coa clarividencia suficiente como para decatarse de que o seu medio para sobresaír estaba na escritura, pois mostraba unha aptitude e unha sensibilidade que non deixaban indiferentes a quen leron os seus primeiros escritos. E así foi como deixou o seu pobo provinciano, alá no Medio Oeste, para ingresar na Universidade de Princeton, onde se vai facer moi popular entre os seus compañeiros, aos que converterá en criaturas de ficción da súa primeira novela.

Xa desde a súa época universitaria empeza o seu nome a ser coñecido no mundo das redaccións de xornais e revistas de Nova York, pois consegue publicar algúns relatos nos seus suplementos literarios. Aínda que a súa etapa en Princeton foi curta, pois foi chamado a filas polo Exército, metido de cheo na Primeira Guerra Mundial, a súa sorte non lle abandona. Xa coa gradación de tenente, no campamento de instrución de Camp Sheridan, en Alabama, coñeceu a unha rapariga sureña moi bela, parella perfecta para o seu modelo de vida de elegancia e luxo en hoteis e salóns de xente ben. Ela chamábase Zelda Sayre, tamén escribía, era tan ambiciosa e evanescente como el, aínda que moito máis rica, o cal tamén axudaba. Namoráronse, pero ela non se comprometeu co escritor mozo mentres este non lle demostrase que podía gañar o suficiente para levar xuntos unha vida cómoda, luxosa e viaxeira. E un bo día, case inesperadamente, a Scott Fitzgerald chegoulle o éxito coa súa primeira novela, A este lado do paraíso (1920), ambientada na Universidade de Princeton, e co éxito e a popularidade chegou tamén o si da súa noiva. Casaron na catedral de Saint Patrick de Nova York en 1920 e ao ano seguinte naceu a súa primeira e única filla.

A IMPORTANCIA DE ZELDA

O matrimonio de F. Scott e Zelda tivo unha grande importancia na vida de ambos. Ela, que tamén era escritora, quedará eclipsada neste terreo polo prestixio que el vai adquirindo. Pero o escritor atopará nela a cómplice perfecta para levar a vida chea de excesos e desordes aos que tendía desde moi novo. A parella iniciou unha aventura estética atormentada, rodeada de luxos e viaxes perseguindo o éxito, que chegou, pero a un prezo moi caro. A ambos poderíase atribuírlles adecuadamente a primeira frase que Scott Fitzgerald escribe na súa obra póstuma O xactancioso: «Toda vida é un proceso de demolición».

Zelda é unha moza desinhibida, rebelde, moderna e, tamén, consentida. É un personaxe moi complexo, que trata de escribir, de bailar, pero que logo rexeita o contrato máis importante da súa vida; que pinta, que logo destrúe unha parte da súa obra; a súa conduta parece que lle leva voluntariamente cara ao fracaso. «Hai moitos elementos que dan a impresión de que ela non quixo triunfar, que non quixo realizarse como artista», di unha das súas biógrafas. O caso é que os dous se sentían novos e capaces de entrar, da man, no mundo dos triunfadores. Ela era bela, frívola, imaxinativa. El era brillante e namorado dese tipo de muller que representaba, como ninguén, a súa propia esposa. Viviron en Nova York, que se lles fixo pequena, e deron o salto a París, onde deron frescura e beleza ás festas e ás reunións literarias no bar do Ritz ou nas cafeterías de Montparnasse, alternando con Gertrude Stein, Hemingway, Ezra Pound ou James Joyce, ou nas terrazas dos luxosos hoteis da Costa Azul, á sombra de Picasso. Fitzgerald atopaba tempo para escribir e tiña éxito co que escribía. Gañaba diñeiro, que dilapidaban os dous sen ningún escrúpulo.

Pero non souberon conterse: bebían demasiado, as súas borracheiras terminaban en altercados cada vez máis públicos, e esa vida branda e bohemia acabou derivando en desencontros. Foron dez anos vividos a escape libre, sustentados polo alcol e a frescura da mocidade, pero todo empezou a ser distinto. Unha vida con moito fume, jazz e xenebra, co acelerador pisado a lume de biqueira, libérrima, con separacións e abundante correspondencia por medio, con pelexas, escándalos, saídas polas portas traseiras dos hoteis de luxo en Nova York, moitas infidelidades… Pero iso si, con moito amor. Zelda foi acusada por Hemingway e por John Dos Passos (outros dous membros da xeración perdida) de ter esnaquizado a vida de Scott Fitzgerald. Hemingway non se levaba ben con Zelda e non só a tachou de tola nas súas memorias París é unha festa, senón que tamén afirmou que «alentaba ao seu esposo a beber para distraelo do seu traballo como novelista» a fin de que puidese traballar nas historias curtas que vendía moi caras ás revistas para manter o seu alto nivel de vida. Como moitos autores profesionais da súa época, Scott Fitzgerald complementaba as súas ganancias escribindo historias curtas para revistas importantes, con gran difusión en todo o país, e vendía as súas historias e novelas aos estudios de Hollywood. Consérvase un gran caderno que o acompañaba sempre, un libro de contabilidade, no que ía detallando os seus ingresos, as cifras de vendas das súas novelas e, moi minuciosamente, o diñeiro que lle pagaban esas revistas de moda polos seus relatos, cantidades sempre moi considerables. Esta prostitución, como o propio escritor e Hemingway chamaban a esas vendas que lle proporcionaban un diñeiro fácil, foi motivo de fricción na amizade dos dous autores. Fitzgerald, para xustificar algo o seu traballo mercenario, dicía que primeiro escribía as súas historias de forma auténtica e que logo as reescribía para darlles o «toque que as convertía en historias vendibles para revistas».

Zelda e Scott Fitzgerald tivérono todo e todo o perderon: foron uns fieis representantes da forma de vida dos felices anos vinte. As cartas que se intercambiaron ao longo da súa vida, publicadas en Estados Unidos nun só volume no 2002 e traducidas ao castelán por Ramón Vilà Vernis na obra Querido Scott, querida Zelda (Lumen), axudan a entender ese proceso de derrubamento. Axudan, pero non despexan a incógnita maior á pregunta que se facía a mesma Zelda no outono de 1930: «Pregúntome por que non fomos nunca demasiado felices e por que sucedeu todo isto».

Outras obras literarias

 Amais de O gran Gastby, Scott Fitzgerald escribiu A este lado do paraíso (1920) ?a súa primeira novela, a que lle abriu as portas do éxito?, Fermosos e malditos (1922), Suave é a noite (1934), O amor do último magnate (inconclusa e publicada postumamente, en 1941, tamén levada ao cine).

Ao longo de toda a súa vida, Scott Fitzgerald escribiu 178 relatos que vendeu a diversas revistas, as de máis difusión de Estados Unidos. Non era o seu xénero preferido, pero supúñalle un diñeiro fácil: gañou unha fortuna con este tipo de relatos, que publicaba con asiduidade e que, desde 1920 a 1940, lle permitiu vivir con todo tipo de luxos. Acabou converténdose nun experto, e escribiu algúns dos mellores contos da época.

En 1926, foi invitado a aloxarse temporalmente en Hollywood a fin de escribir unha comedia moderna para a United Artists. Dedicouse alí a escribir guións, unhas veces orixinais e outras adaptando contos e relatos seus. A estancia en Hollywood incrementou as dificultades polas que xa atravesaba a parella, polo que decidiron abandonar a meca do cine. Nos anos seguintes, Zelda empezou a padecer unha esquizofrenia que acabou volvéndoa cada vez máis violenta e máis perturbada emocionalmente, o que fixo que en 1936 o seu home a internara nun hospital de Carolina do Norte.

Aínda que o escritor supostamente consideraba degradante o traballo no cine, os seus problemas económicos levárono a asinar un lucrativo acordo exclusivo coa Metro Goldwyn Mayer en 1937, e volveuse trasladar a Hollywood, cun salario altísimo para a época. Agora inicia tamén unha aventura amorosa coa columnista de películas Sheilah Graham que non oculta ante o público. En 1939 finalizou o contrato coa Metro, e pasou a traballar como guionista independente. Pero, debido ao seu alcoholismo, enfermou gravemente e xa non se recuperou. Morreu ao ano seguinte, 1940, dun infarto de corazón mentres traballaba nun guión para unha película, acompañado por Sheilah. Zelda Sayre sobreviviulle uns anos. En 1948, o establecemento psiquiátrico no que estaba ingresada ardeu e ela morreu abrasada. Xuntos, de novo, na tumba, o seu epitafio é a última frase de O gran Gatsby: «E así imos adiante, botes que reman contra a corrente, incesantemente arrastrados cara ao pasado».

«O gran Gastby»

Considerada como unhas das mellores novelas da historia de Estados Unidos, foi todo un símbolo desa época, deses anos tolos dunha xeración perdida. Nela, Jay Gastby, que representa «o mellor e o peor do soño americano», só ten un obxectivo: acumular diñeiro e gastalo de forma sonora para conseguir o amor da frívola e fermosa Daisy Buchana, o personaxe de ficción inspirado en Zelda. O personaxe masculino vén ser, tamén, un trasunto literario case idéntico ao seu autor, Scott Fiztgerald.

A novela, publicada en 1925, non tivo demasiada repercusión nos anos seguintes. Recibiu críticas boas e malas e, no seu primeiro ano, non se vendeu ben. De feito, cando morreu Scott Fitzgerald, en 1940, o autor estaba convencido de que esta obra fora un fracaso e de que xa estaba esquecida. Pero a novela empezou a revivir durante a Segunda Guerra Mundial e o seu éxito foi sempre en aumento. Converteuse en lectura obrigatoria en escolas secundarias e en moitas universidades estadounidenses. Vendéronse milleiros de exemplares e tivo numerosas adaptacións teatrais e cinematográficas nas décadas seguintes. Moi celebradas foron as distintas versións para o cine da novela, nas interpretacións de Alan Ladd (1949), Robert Reford (1974) ou Leonardo DiCaprio (2013). No ano 1998, a xunta editorial Modern Library votouna como a mellor novela norteamericana do século XX e a segunda mellor novela en inglés tamén dese mesmo século.

En liñas xerais, podiamos dicir que a novela encerra unha notable tristeza porque reflexa unha triste realidade: os personaxes buscan case desaforadamente a compracencia da felicidade, pero é en balde. Uns estrañan o pasado, outros non logran xa entusiasmarse con nada e todos andan detrás da alegría que un día tiveron, pero que a vida lles arrebatou, na crenza de que o futuro fará que, nalgún momento, poidan ser felices.