O impacto que acabou cos dinosauros

Francisco J. Franco del Amo

LA VOZ DE LA ESCUELA

 O impacto dun meteorito en Chicxulub hai 65 millóns de anos puido ser a causa da desaparición dos grandes dinosauros
O impacto dun meteorito en Chicxulub hai 65 millóns de anos puido ser a causa da desaparición dos grandes dinosauros EDUARDO PEREZ

Este ano cúmprese o cuadraxésimo aniversario dun dos descubrimentos xeolóxicos máis importantes

21 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

No mar Caribe, preto da península mexicana de Iucatán, existe oculto baixo as augas un cráter de xigantescas proporcións. Mide preto de 180 quilómetros de diámetro e o seu centro está moi próximo á pequena poboación de Chicxulub, fundada polos maias (Chicxulub significa ‘pulga do diaño’ na súa lingua). Unha ampla zona da selva do continente está tamén ocupada polo inmenso buraco.

Durante algún tempo creuse que o cráter fora producido por un volcán de inusual magnitude. Pero logo novas evidencias apuntaron cara a unha orixe aínda máis espectacular. Antonio Camargo e Glen Penfield, os xeofísicos que o descubriron en 1978, comezaron a atopar minerais de estraña composición. O iridio, por exemplo, un elemento escaso na Terra, era moi abundante nas rocas do cráter. Ademais, acharon restos de materiais típicos do fondo mariño, e cuarzo con sinais evidentes de ter sufrido unha elevada presión.

Camargo e Penfield traballaban para Pemex, a compañía petroleira estatal mexicana, que lles prohibiu publicar datos concretos, pero autorizoulles a presentar o descubrimento nun congreso de xeofísica en 1981.

A teoría de que o cráter fora producido polo impacto dun xigantesco meteorito comezou entón a gañar verosimilitude, e defensores. A inmensa roca podía ter uns dez quilómetros de diámetro e máis de 100.000 toneladas de peso. Fixo impacto na Terra hai uns 65 millóns de anos, provocando ondas de quilómetros de altura no mar e numerosos terremotos. Enormes cantidades de materiais arrincados polo impacto, así como anacos do propio meteorito, saíron despedidos cara á atmosfera para volver entrar en forma de bólidos incandescentes que causaron grandes incendios en varias zonas do globo.

Un cataclismo desta magnitude pode explicar por que se produciu a extinción masiva de numerosas especies animais e vexetais, o cal inclúe os temibles e asombrosos dinosauros, que se sabe que ocorreu por aquela época. Así o propuxeron en 1981 o físico estadounidense Luis Walter Álvarez e o seu fillo Walter.

E TODO RECOMEZOU

As enormes masas de po e gas lanzadas á atmosfera polo impacto impediron durante décadas que a luz do sol chegase á superficie do planeta. Sen luz, e baixo un intenso frío, as plantas non podían realizar a fotosíntese e comezaron a morrer provocando a interrupción da cadea alimentaria. A morte por inanición dos animais herbívoros conduciu á desaparición dos carnívoros, provocando un desastre ecolóxico sen precedentes a escala global. Só os pequenos animais preeiros, entre os que se atopaban algúns mamíferos diminutos, puideron aguantar ata que se normalizou a situación. Os primeiros antepasados do home evolucionaron hai dez millóns de anos a partir de descendentes destes pequenos mamíferos.

A confirmación

Luis Walter Álvarez (1911-1988) e o seu fillo, o xeólogo Walter Álvarez, foron os autores da teoría sobre a extinción dos dinosauros e outras especies debida ao impacto dun meteorito xigantesco. A teoría dos Álvarez confirmouse no 2010 nun traballo publicado na revista Science, asinado por 38 científicos que levaron a cabo unha minuciosa revisión de centenares de estudos. Tres anos antes publicárase en Nature outro artigo que demostraba que o meteorito de Chicxulub formaba parte da familia de asteroides que se orixinou hai 160 millóns de anos durante unha gran colisión no cinto de asteroides.

Luis gañou o premio Nobel de Física en 1968 polos seus estudos sobre as partículas fundamentais da materia. Tamén participou no Proxecto Manhattan, que daría lugar á fabricación da primeira bomba atómica. Era neto do médico español Luis Fernández Álvarez (1853-1937), descubridor dun tratamento contra a lepra que se aplicou en varias leproserías dos Estados Unidos a finais do século XIX.