Tolerancia ou intolerancia, un xogo de actitudes

Jesús Garrido

LA VOZ DE LA ESCUELA

A forma de acoller a refuxiados e emigrantes para favorecer a súa integración é un índice de tolerancia
A forma de acoller a refuxiados e emigrantes para favorecer a súa integración é un índice de tolerancia MARCOS MIGUEZ

Neste tema tan importante non basta con definir. É necesario mollarse un pouco máis e ver cal é de verdade o comportamento real que tes. De aí os tres pasos que pretendemos desenvolver. Resulta imprescindible chegar a un acordo sobre o que gardan dentro de si as palabras tolerancia ou intolerancia. Pero non chega con quedar aí, repetindo no alto o que o dicionario che di e o costume de oír tanto esas dúas palabras, sen sometelas despois á realidade vital de todos os días: que xogos ou con que sutís palabras quedas cando de verdade chega o momento de ser coherente na túa vida e, no canto de ser de verdade tolerante, cambias de lentes e imaxinas sutís desculpas?

14 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

1. TOLERANCIA

  • Levar con paciencia algo que che ocorre na vida e que, ás veces, non ten remedio: as cousas, o clima, a enfermidade, persoas que che arrodean coas que non te entendes ben, dificultades que xorden e non son fáciles de superar, etcétera.
  • Resistir, soportar, especialmente un alimento, un medicamento…
  • Respectar as ideas, crenzas ou prácticas dos demais cando son diferentes ás propias.
  • Deber non só moral, político e legal para os individuos, os grupos e os Estados.
  • Respecto aos dereitos humanos universais de todas as persoas e grupos.
  • Respecto á igualdade de oportunidades de todos os grupos e individuos na sociedade.
  • Respecto á comprensión mutua entre as diversas culturas e os pobos.
  • Saber apreciar a riqueza e variedade das formas de expresión dos seres humanos.
  • Respecto á diversidade de relixións, linguas e etnias en todo o mundo.
  • Respecto á seguridade e a dignidade das persoas en todo o mundo.
  • Fortalecer o contrato social entre os países de acollida e os refuxiados e emigrantes.

2. INTOLERANCIA

A intolerancia nace a miúdo da ignorancia e do medo ao descoñecido, ou dun sentido esaxerado do valor do propio. Por iso, é necesario educar sobre o tema e ensinar a tolerancia e os dereitos humanos aos nenos.

  • A intolerancia é máis perigosa cando se usa con fins políticos ou territoriais. Úsanse argumentos falaces, manipúlanse os feitos e as estatísticas e méntese á opinión pública. O mellor xeito de combatelo é promover leis que protexan o dereito á información e a liberdade de prensa.
  • A intolerancia na sociedade é a suma das intolerancias individuais. Por iso, debemos examinar o noso papel no círculo vicioso que leva á desconfianza e á violencia na sociedade e preguntarnos: son unha persoa tolerante?, xulgo os outros con estereotipos?, rexeito os que me parecen diferentes?

3. ACTITUDES

Xa sabemos que, en xeral, cando falamos cos alumnos, todo o mundo entende o sentido da tolerancia e todos están conformes coa necesidade de traballar contra os feitos de intolerancia que, con frecuencia, aparecen nas noticias que nos achega o xornal. Con todo, pode ser que esa actitude tolerante quede, ás veces, nun bo desexo e, na vida real, existan actitudes difusas e que non levan a unha participación efectiva a favor da tolerancia entre todos en diversos temas importantes.

De aí este xogo con lentes: pór en práctica a actitude real que defendemos.

Lentes do todo ou nada: un cristal negro, outro branco. É a persoa que se sente magnetizada polos extremos. Calquera noticia lévalle exclusivamente a un dos dous polos: salta do nunca ao sempre se fixo así. Posición extrema, e non hai quen a mova…

Lentes negativas: os dous cristais ben escuros. Sempre se fixa, e insiste, no aspecto negativo das noticias. Os seus comentarios están cheos de peros. Pensar así… un pouco mal, ten vantaxes: se saen ben as cousas, sorte. Se saen mal… xa o dicía eu.

Lentes adiviñas: os dous cristais telescópicos. Xogan a que coñecen moi ben as persoas e presumen de adiviñar futuros. Case nunca fan un mínimo esforzo para comprobar se esas supostas adiviñas son certas ou non. Non se moven.

Lentes con dirección única: cristais con frechas de dirección obrigatoria. «Sucedeu unha vez…», «Recordo eu que…». E iso basta para non admitir facilmente novos datos. A xente, din, volverá actuar do mesmo xeito. Fácil defensa para non intentar cambio ningún.

Lentes diverxentes: os dous cristais seguen direccións opostas, un cara á esquerda, outro cara á dereita. «Non sei, neste momento… por unha banda si, e por outra, non». Déixanse invadir por un sentimento confuso… e pensan que xa virán tempos en que todo se aclare.

Lentes centrípetas: cristais eu eu redondos, cun debuxo de espiral centrípeta na que acaba todo nun mesmo. Busca sempre na noticia ser, un mesmo, centro de todo: da conversación, da gloria, da propia idea. Só busca quedar ben coa súa opinión.

Lentes do que habería que facer: cristais con frecha de dirección única. Adoita dicir: «Deberiamos, teriamos que, o que habería que facer é…». Con iso pretende lograr, se coara, dar a coñecer a súa dispoñibilidade ao cambio, pero non fai esforzo por facer algo distinto.

Lentes con etiqueta: cristais coa etiqueta colgada para que se vexa a marca. Impórtalle máis pertencer a, defender a, que explicar claramente a súa posición e idea. Empéñase en demostrar quen son os demais e que etiqueta levan.

Lentes catastróficas: cristais rotos, froito da súa propia defensa por manterse así. «Uf, están os tempos para tomar unha decisión e proceder a un cambio…», «Eu non me movo… coa que está a caer, non está o alcacén para gaitas»… E recóntache as noticias prosmas do día.

Lentes fatalistas: sen cristais. Para que ver máis? Non somos donos do noso destino. Algún día tiña que pasar. Presentimento fatal, que máis vale non velo. Propugna a existencia de forzas descoñecidas. Para que facer esforzos? E queda aí.

ACTIVIDADES

1. Dividímonos en dez pares de alumnos en clase e eliximos unha noticia para o debate, ante a cal pode haber diversas actitudes de tolerancia / intolerancia.

2. Compramos dez pares de lentes de plástico, barateiras. E cada par de alumnos adapta a súa lente segundo o papel que ten que representar.

3. Prepara a súa intervención ante esa noticia e o profesor dirixe a sesión, logrando que cada par represente ben o seu papel.

4. Discutimos entre todos por que na vida somos tolerantes ou intolerantes, aínda que ás veces intentamos disimulalo para quedar ben ante os demais e non nos comprometemos de verdade contra a intolerancia e facemos algo para ser máis tolerantes, coas consecuencias diso para a nosa vida.