A Terra perde o norte

Manuel Miramontes

LA VOZ DE LA ESCUELA

A bitácora dun barco está formada por un compás central e dúas pezas esféricas de metal que poden axustarse para compensar o efecto magnético da estrutura metálica do buque
A bitácora dun barco está formada por un compás central e dúas pezas esféricas de metal que poden axustarse para compensar o efecto magnético da estrutura metálica do buque Andy Roberts

O impredicible desprazamento do polo magnético ten desconcertados os científicos

20 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Dicimos que alguén perde o norte cando se comporta dunha forma errática, desorientada, coma se perdese o seu camiño na vida. É unha expresión que ten a súa orixe na navegación de altura, na que a estrela polar (o norte) era a mellor guía para orientarse na noite. O compás veu resolver o problema na navegación. Oriéntase cara ao polo norte magnético, que coincide aproximadamente co norte xeográfico, que é un punto fixo do globo terrestre.

Pero incluso con compás parece que seguimos perdendo o norte. Hai uns días G-Ciencia (https://tinyurl.com/yxggz843) facíase eco de varios artigos que refiren o desconcerto dos científicos polo rápido e impredicible desprazamento do polo norte magnético. Non é algo que vaia afectar demasiado á nosa vida diaria, pero na zona ártica ou na navegación de precisión esa deriva ten consecuencias difíciles de asumir.

 

Desde que en 1831 James Clark Ross localizou con precisión o polo norte magnético no ártico canadense, a súa posición desprázase entre 15 e 55 quilómetros anuais sen seguir un patrón coñecido. O British Geological Survey (BGS) e a National Oceanic and Atmospheric Administration (a axencia NOAA) están entre os organismos internacionais que manteñen un modelo matemático da evolución do campo magnético terrestre. O modelo axústase cada cinco anos e cada ano compróbase se segue sendo válido. A próxima revisión estaba prevista para o 2020, pero o ano pasado detectouse que o polo xa estaba demasiado lonxe do lugar previsto. Este mesmo ano o modelo vaise revisar, pero o peche da Administración dos Estados Unidos está atrasando o axuste.

 

A 3.000 KM BAIXO TERRA

A orixe do campo magnético terrestre está oculto baixo a cortiza terrestre, a uns 3.000 quilómetros de profundidade. Simplificando moito, o núcleo da terra está formado por dúas capas ricas en ferro, unha líquida e a outra sólida. O movemento relativo entre ambas e a propia rotación da Terra inducen un campo magnético que é o que notamos na superficie. Con todo, hai fenómenos como a deriva dos polos magnéticos que escapan a un modelo tan simple. É posible que teñan a súa orixe en chorros de metal fundido que alteran o movemento regular. No 2016 detectouse unha rápida anomalía magnética en Suráfrica que pode responder a unha destas correntes. Os científicos pensan que pode ter relación cos cambios agora detectados.

Máis sorprendente é mesmo que ao longo da historia producíronse varias inversións completas do campo terrestre. A última, hai uns 786.000 anos, foi moi rápida, en apenas 100 anos. Os cambios na configuración magnética da Terra quedan rexistrados na orientación das partículas férricas das coadas dos volcáns, xa que se aliñan co campo terrestre mentres arrefrían.

 

DESORIENTADOS

NOAA

Desde 1831, o norte magnético desprazouse uns 1.000 quilómetros desde o norte de Canadá, cara a máis ao norte. Na nosa latitude isto implica unha variación de varios graos na determinación do norte cun compás magnético. Pola dirección do desprazamento, o efecto é menor para a poboación de América ou Asia. O GPS non usa o compás para situarnos no globo, pero necesítao para determinar cara a onde miramos. Para un sistema automático de navegación, un erro de varios minutos pode ser catastrófico.

Hai outros seres vivos que usan o campo magnético. Moitos animais contan con células sensibles que lles axudan a orientarse nas súas migracións. Unha deriva progresiva dos polos magnéticos podería ser asumida, pero unha inversión rápida como a última rexistrada podería pór en perigo a supervivencia de moitas especies.

 

ESCUDO PROTECTOR

Talvez o maior beneficio que nos achega o noso campo magnético é a súa capacidade para desviar case todas as partículas cargadas que chegan desde o sol en forma de vento solar. Trátase de partículas moi enerxéticas, capaces de producir mutacións. As auroras boreais e austrais son un belísimo efecto secundario desta protección. Non está claro como se comportará esa defensa durante unha inversión completa: debilitarase uns anos?, chegará a desaparecer?, podería deixar zonas moi habitadas sen protección?, que efectos terá sobre a vida no planeta?

Outra curiosidade do noso campo magnético é que durante os últimos anos o polo sur apenas cambiou a súa posición. Parece que polo menos non estamos a perder o sur.

manuel@casaciencias.org

actividades

A1. Facer un compás. Nunca é tarde para facer o noso primeiro compás. Na rede hai moitos vídeos e titoriais, como este, que explican como facelo: https://tinyurl.com/y3ek2j6y

 

A2. Descubrir un círculo magnético. Talvez as principais dificultades co voso compás virán dadas pola debilidade do campo magnético terrestre. É importante magnetizar ben a agulla e buscar un soporte con moi pouco rozamento para ter éxito. Unha vez dominada a técnica, podedes probar a crear o voso propio campo magnético e medir os seus efectos nunha montaxe como esta: https://tinyurl.com/magcirc

 

A3. Co móbil. Case todos os móbiles modernos inclúen un magnetómetro, que é o encargado de localizar o polo norte terrestre para orientarnos ao consultar un mapa ou seguir unha ruta. Algunhas «apps» de compás móstrannos o valor do campo magnético medido. A intensidade é baixa, ao redor dos 30 microteslas (?T), unha unidade de medida de campo magnético. Podedes comprobar que ese valor cambia moito ao achegar calquera obxecto metálico ao móbil. Se o obxecto é pequeno, pódevos axudar a descubrir a posición do magnetómetro na traseira do móbil, que é onde máis variará o campo medido. Que pasa se achegas metais que non son atraídos por un imán, como aluminio ou cobre? E se achegas un imán, podes facer que o valor medido diminúa ou sempre aumenta?