Tempo de carnaval

Fernando Pariente

LA VOZ DE LA ESCUELA

O domingo fareleiro adiantou o entroido en Xinzo
O domingo fareleiro adiantou o entroido en Xinzo Santi M. Amil

O entroido é a festa máis popular de Galicia

20 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado 23 de xaneiro La Voz de Galicia informaba de que o entroido de Xinzo de Limia conseguira ser declarado polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo festa de interese turístico internacional, distinción que só conseguiron en España os carnavais de Tenerife e de Cádiz. O entroido é a festa con raíces máis populares en Galicia, aquela en que máis participa a xente e a que maior caudal de tradicións implica. É esta unha parcela na que o campo gaña á cidade. A vistosidade, orixinalidade e creatividade do medio rural gana con moito ás celebracións máis esvaídas e constrinxidas das cidades. Os modelos rurais de celebración son variados. Todos parten dalgúns elementos básicos comúns, pero cada un posúe tradicións, repertorios de actuacións, traxes, máscaras e disfraces que o identifican e singularizan.

Aínda que agora nos custe crelo, o entroido foi unha festa proscrita nos duros tempos da ditadura. Era considerado irreverente e pecaminoso e a súa celebración estaba relegada a descafeinados bailes de disfraces nos casinos e sociedades culturais da época. Nada de xolda popular nas rúas nin críticas punzantes aos poderes fácticos. Os gobernadores civís encargábanse de velar por que a súa parcela permanecese libre de tan execrables excesos. Deste xeito a represión conseguiu desterrar a súa celebración de case toda España, salvo en contados casos que proviñan de arraigadas tradicións. Galicia foi un destes casos nos que as brasas populares se conservaron ocultas baixo as cinzas da moraliña da época e por iso, cando chegaron tempos mellores, as celebracións do entroido rexurdiron con novos bríos e esplendor.

INTERESE TURÍSTICO

Ao longo e ancho de Galicia, cada vila ou cada aldea ten o seu entroido, pero hai, polo menos, nove que destacan porque foron sinalados pola Administración autonómica como festas de interese turístico: o entroido de Maceda, o folión tradicional de Manzaneda, o entroido de Vilariño de Conso, o de Viana do Bolo, o dos Xenerais do Ulla, o de Cobres, o de Laza, o de Verín (ten o carácter de festa de interese turístico nacional) e o de Xinzo de Limia. Este ano tocoulle a este último a honra de ser elevado ao triunvirato dos mellores entroidos españois ao ser declarado festa de interese turístico internacional, xunto cos carnavais de Tenerife e de Cádiz.

Son tres modelos moi diferentes. O de Tenerife pódese definir como o da opulencia do disfrace e está representado polo desfile da elección das raíñas do entroido cos seus impresionantes traxes. O de Cádiz, pola súa banda, especializouse no enxeño e a crítica social e desenvólvese ao redor das famosas chirigotas e as súas enxeñosas cancións. O de Xinzo, con todo, é o máis tradicional, o que afunde as súas raíces con maior forza no tempo en usos e costumes ancestrais, en personaxes e actuacións reiterados e repetidos, cuxo escenario é a rúa e os seus protagonistas son as xentes de toda a vila.

A celebración de Xinzo

O protagonismo central do entroido constitúeno as pantallas, mozos vestidos con roupa branca que ocultan o seu rostro tras máscaras pintadas de cores. Cinguen as súas cinturas amplas faixas cosidas de filas de campaíñas de distintos tamaños e levan capas vermellas flotando ao vento, adornadas tamén con cintas de variadas cores, e polainas negras sobre zapatos negros de coiro. Corren e saltan en grupo, axitando as campaíñas e golpeando aos homes que andan pola rúa sen disfrace con vexigas de porco secas inchadas de aire. Os transeúntes sorprendidos sen disfrace son levados polo aire polo grupo ata a taberna máis próxima onde deben invitar o grupo a unha rolda de viño.

A festa comeza todos os anos con anticipación. As tres fins de semana anteriores van preparando in crescendo o bulicio popular. O primeiro día festivo é o sábado de petardazo, seguido polo domingo fareleiro, en que se celebra a festa da farelada. Mozos e mozas tíranse fariña nunha loita sen cuartel. Este ano tivo lugar xa o pasado 10 de febreiro.

Na seguinte fin de semana celébrase o sábado o desfile e colgamento do meco e despois vén o domingo oleiro, tamén celebrado xa o 17 de febreiro, no que o protagonista é o xogo da onda. Un grupo de aproximadamente vinte xogadores lánzanse unha pota de barro cocido duns a outros a velocidade crecente ata que alguén falle na recollida e a pota caia ao chan e rompa con estrépito. O perdedor está obrigado a pagar unha rolda de viño. A terceira fin de semana será o próximo 23 e 24 de febreiro, co sábado de mulleres e o domingo do corredoiro. É o último domingo previo ao de entroido. É o día que as pantallas, que ata entón non puideron saír, apodéranse das rúas da vila cos seus bailes e os seus saltos, escoltadas polas charangas de música.

O domingo de entroido, o luns e o martes o bulicio, a música e os bailes aprópianse das rúas nas que todo o pobo participa. A festa culmina o martes co gran desfile de carrozas, comparsas, bandas de música e charangas. O Mércores de Cinza celébrase o enterro da sardiña, con procesión, sermón e incineración. Pero a festa aínda se prolonga co domingo de piñata o día 10 de marzo.

actividades

A1. Para comprender os problemas que houbo nos vellos tempos da ditadura será moi proveitoso ler o delicioso artigo de Carlos Casares que conta as súas primeiras vivencias do entroido en Xinzo de Limia, patria da súa infancia. Atoparédelo na seguinte páxina web: goo.gl/iv7A4e

 

A2. Creade voso propio boletín de noticias do entroido recollendo a información na prensa e os medios de comunicación destes días. Buscade as noticias máis curiosas, as máis sorprendentes, as máis divertidas.