Noticias para pensar (e actuar) en verán

Cristóbal Ramírez

LA VOZ DE LA ESCUELA

Algo tan sinxelo como botar os envases de plástico nos contedores amarelos pode ser vital para a preservación do medio ambiente
Algo tan sinxelo como botar os envases de plástico nos contedores amarelos pode ser vital para a preservación do medio ambiente JOSE PARDO

Para facer pequenos xestos que, se coidásemos, farían do noso un planeta máis habitable para todos

19 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

No mundo desenvolvido sobra comida. En realidade, sobra de todo. Outra cousa é que estea ben repartido. Mentres en gran parte do planeta a fame é un indesexable mal diario, en España tírase a comida. E que se tira? Pois pan, verduras e froita, segundo o Observatorio Nestlé sobre Hábitos Nutricionais e Estilos de Vida das Familias. E canto? Ata o 20 % deses produtos.

  • Actividade para o verán: comprar menos e reciclar o que sobra parece unha boa alternativa.

 

E FALANDO DE COMIDA

Despois da Segunda Guerra Mundial os europeos morrían de fame. A Unión Europea (que antes tivo outros nomes) desenvolveu a expansión da gandería ás alancadas, a través da PAC, a Política Agraria Común. A situación cambiou por completo e hoxe a gandería ecolóxica se abre paso, facilitando non só unha alimentación máis sa, senón tamén labores no mundo rural moito máis respectuosas co medio ambiente.

  • Actividade para o verán: comer máis produtos ecolóxicos e respectar o medio ambiente.

 

COIDADO COA LUZ

O ser humano é diúrno. Pola noite dorme e, cada vez máis no mundo desenvolvido, divírtese os fins de semana. Pero tanta luz fóra da que dá gratis e permanentemente o sol non é boa… para os anfibios. Asegúrao un estudo da universidade neoiorquina de Binghamton. Que descubriron? En palabras da directora do proxecto, Jessica Hua, canta máis luz menos cágados eclosionan e viven.

  • Actividade para o verán: identifica na túa contorna onde hai anfibios, mira como se comportan, comproba como son distintos os cágados e os adultos e, sobre todo, non os ilumines cunha lanterna.

 

DEMASIADO PLÁSTICO

Erro: os océanos non poden con todo. E desde logo non poden cos 12 millóns de toneladas de plásticos que cada ano acaban nas súas profundidades. Nos primeiros días deste mes desenvolveuse a iniciativa Zero Waste España, bo momento para tomar conciencia de que se sobreempaqueta en plástico produtos que podían pórse á venda sen tanto envoltorio innecesario.

  • Actividade para o verán: non se trata de non tocar o plástico, senón de evitalo nas compras cando sexa posible e, desde logo, de reciclalo unha vez que non é útil na casa.

 

O LEOPARDO DAS NEVES

E unha noticia optimista aínda que veña de miles de quilómetros de distancia: pechouse unha gran alianza internacional para evitar a desaparición por completo dun animal do que quedan non máis de 5.000 exemplares en todo o planeta: o leopardo das neves. E resulta moi difícil velo: vive incluso a máis de 6.000 metros de altura e polo xeral rodeado de… neve.

  • Actividade para o verán: vai visitar un parque natural galego, e se che dá por arrincar unha planta, lémbrate do leopardo das neves e non o fagas. Porque ata a máis pequena é necesaria no planeta.

Así informaba La Voz de Galicia hai un cuarto de século

A preocupación polo medio ambiente é unha constante neste xornal desde moito antes de que houbese a conciencia ecolóxica que, por sorte, se estendeu pola comunidade, e máis que o fará aínda. Así, protestas como unha histórica cunha papeleira que se quería instalar en Ponteceso e arruinaría Negreira e o val de Barcala (que, metaforicamente falando, alzouse en armas en pleno franquismo), outra gran protesta ante o insólito proxecto de instalar unha central nuclear de Xove e, por suposto, o Prestige foron fitos do xornalismo galego a través das páxinas deste xornal, que en ocasións soportou fortes presións das autoridades de quenda, incluídas as da etapa democrática que vive España desde 1977.

O almanaque marcaba o 20 de novembro de 1995 cando este xornal publicaba unha ampla información baixo o título «España xera ao ano máis de 14 millóns de toneladas de residuos urbanos». Deles, o 42,6% eran vidro, e o 27,3 %, materia orgánica, seguida polo papel (13,1 %) e o plástico (6,5 %). A cuarta parte de todo iso ía a vertedoiros incontrolados. Dous anos máis tarde, a Comisión Europea daba un tirón de orellas e identificaba dez agresións españolas ao medio natural. Ningunha en Galicia, por sorte. Unha pregunta aos alumnos: credes que hai algún espazo na comunidade que teña sufrido algunha agresión e estea contaminado?

O 10 de febreiro de 1998 este xornal publicaba unha páxina enteira baixo o título «O país dos 3.000 vertedoiros». E quedaba curto: había moitos máis, porque a Xunta calculaba, desde logo con mesquindade, que en cada un dos entón 315 municipios galegos había uns dez vertedoiros, por suposto todos eles ilegais. Ségueos habendo? O que hai que ter claro é que non é a Xunta, nin o presidente da deputación correspondente, nin o alcalde quen tira as cousas polo monte adrede. É o veciño. Ou sexa, calquera dos habitantes de Galicia pode crear un vertedoiro. De maneira que se impón reciclar ao máximo e non tirar nada fóra dos colectores. E máis preguntas: faise así no teu colexio?, e na túa rúa?, e na túa aldea? Por que é importante que non haxa vertedoiros?

Ese mesmo día La Voz de Galicia publicada máis informacións sobre o tema, e dicía que «o 90 % dos residuos xerados» non pasaban por ningún tratamento. Hai que seguir preguntando: Pasa hoxe en día? Hai plantas de incineración? Recíclase?