Internet contra o firmamento

> Marcos Pérez

LA VOZ DE LA ESCUELA

Imaxe da galaxia NGC 5353 tomada o 25 de maio do 2019. As liñas diagonais son rastros de luz reflectida polos satélites Starlink
Imaxe da galaxia NGC 5353 tomada o 25 de maio do 2019. As liñas diagonais son rastros de luz reflectida polos satélites Starlink Victoria Girgis / Lowell Observatory

Decenas de miles de satélites Starlink, que pretenden levar Internet aos lugares máis remotos da Terra, dificultarán a observación do universo tal como agora o vemos

19 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Se hai algo seguro é que todos os avances tecnolóxicos poden ter efectos secundarios negativos. Por exemplo, Internet mellorou moito as nosas vidas, pero os seus beneficios chégannos ao prezo da perda da intimidade, a aparición de novas formas de crime, o auxe da manipulación social e política a gran escala ou o incremento da ansiedade derivada de permanecer sempre conectados aos nosos problemas. A finais de maio a posta en órbita dos primeiros 60 satélites da nova rede Starlink, que pretende levar Internet aos lugares máis recónditos do planeta, engadiu unha nova contraindicación á lista.

Como se pode ver na fotografía, tomada desde o observatorio Lowell, en Arizona (Estados Unidos), o cúmulo de galaxias coñecido como NGC 5353 aparece como dentro dunha gaiola tras o rastro brillante duns vinte e cinco destes satélites. Como orbitan a varios centos de quilómetros de altura, a luz do sol alcánzaos cando en terra reina a escuridade, e por ese motivo aparecen como puntos tan brillantes como a estrela polar que percorren o ceo durante as primeiras e últimas horas da noite. Nunha exposición fotográfica prolongada, como as que fan habitualmente os astrónomos, estes puntos brillantes aparecen como liñas que seguen a súa traxectoria.

COMPETENCIA POLAS BANDAS

Actualmente temos uns 2.000 satélites artificiais en órbita, dos que só unha pequena parte están o suficientemente preto ou son o suficientemente brillantes como para apreciarse á primeira ollada ou para dificultar a observación astronómica. O problema é que a rede Starlink contará en poucos anos con case 12.000 satélites e xa hai outras empresas que están a desenvolver constelacións similares. Se non cambian as cousas, en moi pouco tempo teremos decenas de miles de puntos brillantes atravesando o ceo durante boa parte da noite, alterando para sempre o aspecto dunha das paisaxes máis singulares e de maior importancia cultural que ofrece o noso planeta.

Por outra banda, desde hai décadas os científicos traballan en que a progresiva comercialización de porcións cada vez máis amplas do espectro electromagnético para emisións de radio, televisión, telefonía e transmisión de datos sexa compatible coa investigación científica. Por exemplo, os satélites que nos permiten predicir o tempo dependen de que algunhas bandas de radio, como aquelas nas que se rexistran o vapor de auga na atmosfera, a choiva ou a temperatura, estean libres de interferencias. O mesmo ocorre con radiotelescopios como os que recentemente permitiron fotografar por primeira vez un buraco negro ou os que nos mostran a formación de novos planetas ao redor doutras estrelas. Uns e outros están ameazados polo despregamento de novas redes de comunicacións, como as de telefonía 5G ou as de satélites para a conexión global a Internet.

Lixo espacial

O despregamento dunha cantidade tan grande de satélites supón saturar órbitas que dentro duns anos poderían ocuparse con satélites máis avanzados ou con fins máis interesantes para o conxunto da humanidade. A vida útil de cada unidade Starlink é de só uns poucos anos, transcorridos os cales converteranse en lixo espacial que poderá pór en risco o resto das actividades humanas no espazo. Os científicos queixáronse de que, aínda que Starlink conta coa autorización dos organismos que regulan as comunicacións, a empresa que os lanza non proporcionou información detallada que permita avaliar todos estes riscos. E o que é máis grave: quéixanse de que unha iniciativa que pode ter consecuencias tan graves púxose en marcha de forma unilateral e sen un debate previo.

actividades

Mentres o ceo sexa o ceo

A mellor forma de protexer o ceo estrelado é coñecelo. Hoxe é máis fácil que nunca aprender a recoñecer estrelas e constelacións grazas ás aplicacións para móbil e programas como «Stellarium», que nos permiten recrear o ceo de calquera lugar do planeta en calquera época do ano. Abre nun navegador a versión web deste programa (https://stellarium-web.org/) e selecciona a localización automática para que mostre o firmamento do lugar onde te atopas.

  • Que planetas se poden ver á primeira hora da noite?
  • Cales son as estrelas máis brillantes nese momento?
  • Que satélites (marcados en verde) que pasan sobre a túa cabeza podes observar?
  • Con toda esta información planifica unha observación astronómica nun lugar escuro, a uns cantos quilómetros da vila ou a cidade máis próximas, e pon a proba a túa memoria.

 

Proles e contras

Este artigo comeza cunha relación de efectos perversos relacionados con Internet. Organizádevos por grupos e escollede en cada un unha tecnoloxía que teña cambiado notablemente a forma en que vivimos. Facede dúas listas: unha coas súas vantaxes e outra cos seus inconvenientes.

  • Hai algunha tecnoloxía que, vista con perspectiva, talvez fose mellor non desenvolver?
  • Poderíase ter feito algo para limitar os seus prexuízos?
  • Teñen algún trazo común estas tecnoloxías escuras que nos axude a identificar outras similares no futuro?